Ana Pontón revalidou o pasado domingo o cargo de portavoz nacional do BNG na XVI asamblea da formación co 98% dos apoios. Nesta nova etapa, o Bloque aspira a "un tempo novo" que "devolva a esperanza aos galegos"sendo unha alternativa de goberno para os inconformistas que aposten polo seu proxecto de país centrado en outorgar máis poder político a Galicia.

- Como é o BNG "reactualizado" que saíu da asamblea?

-Nesta asamblea veuse un BNG forte e unido con disposición de darlle unha alternativa de futuro a este país. Un Bloque que non se autolimita e que nace coa capacidade para disputar o goberno da Xunta e darlle esperanza ao noso país.

- En que se basea o tempo novo do Bloque?

-Este ano fixemos unha reflexión profunda sobre o BNG e o país, actualizamos as análises sobre a situación política e definimos o novo rumbo. A conclusión é unha organización sólida e unida que ten un proxecto de país. O nacionalismo representa unha alternativa de futuro para Galiza. Hoxe máis que nunca vemos o necesario que é. Acabamos de ver como o Goberno de Rajoy anuncia inversións millonarias para desenvolver o ferrocarril en Galiza pero a realidade é que a sumisión de Feijóo lévanos a que nos desmantelen e teñamos promesas incumpridas. É un exemplo de que necesitamos un nacionalismo forte para que Galiza prospere e se repare a débeda histórica do Estado ten co noso país.

- Que papel pode xogar o nacionalismo no futuro de Galicia?

-Temos un proxecto sólido para modernizar o país e xerar máis benestar co convencemento de que precisamos máis poder político galego. Galiza en mans de Feijóo esmorece e a única carta de servizos que pode presentar é a de ser alumno avantaxado de Montoro nos recortes. Mentres se fala de que noutras autonomías vai haber unha quita por priorizar o gasto social por riba das imposicións do Goberno central, o feito de que Feijóo fose o que máis recortou condúcenos a un maior deterioro dos servizos públicos e da calidade de vida.

- Como se corrixiron os erros do BNG antes de chegar á asamblea do pasado domingo?

-O movemento demóstrase andando defendendo con claridade a mensaxe da alternativa do BNG cun discurso máis apegado á rúa. Tivemos máis iniciativa política e deixamos atrás os conflitos internos para poñer nun primeiro plano as solucións para a xente. A política é un instrumento ao servizo das persoas e o Bloque, cos seus acertos e os seus erros, no que nunca se enganou foi do lado do que estaba e sempre estivemos con Galiza. Neste momento temos unha organización que colle a experiencia de 35 anos pero que tamén se renova e se actualiza cos tempos.

- Constataron que se estaban empezando a corrixir eses erros co balón de osíxeno que lle deron os resultados nas eleccións autonómicas?

-Nas eleccións galegas comprobouse que había unha corrente de simpatía cara o BNG. Iso demostrounos que temos que dirixirnos a unha base social ampla e que o nacionalismo está en disposición de disputar o Goberno galego e ser unha opción de futuro fronte o desastre que nos deixa Feijóo.

- Outro dos retos que se marcaban nesta asamblea era ampliar a base social. A quen ten o BNG as portas abertas?

-A todos os galegos que cren que Galiza precisa forzas políticas propias, que confían nas posibilidades deste país, que son inconformistas e que cren que nos merecemos moito máis. Nos últimos meses, sobre todo desde as eleccións autonómicas, houbo un incremento importante de militancia e sumamos en máis pluralidade. Queremos reforzar ese tempo novo para Galiza porque merece un horizonte mellor que o futuro gris que nos deixa o Partido Popular. Vexo xente nova que ve desesperanza no futuro e temos a obriga de traballar para que os mozos recuperen a ilusión.

- Aposta por fuxir do conformismo. Como pretenden devolver esa esperanza da que falan aos galegos?

-Hai que falar do noso proxecto con propostas moi claras. Temos un Estatuto que ten un traxe estreito para Galiza e debemos aspirar a ter capacidade real de decisión sobre aspectos importantes como o tema eléctrico cunha tarifa propia que evite que paguemos máis do que nos corresponde e que nos compense pola redución da electricidade. Ou tamén cun sistema de financiamento propio. O centralismo impide que podamos desenvolver as potencialidades do noso país. Nós queremos que sexan os galegos os que recaden os seus impostos para facer unha fiscalidade xusta e adaptada e isto sirva para incrementar o noso benestar.

- Aspiran entón a converterse na alternativa de goberno fuxindo dese centralismo?

-Queremos crear máis conciencia de país e máis autoestima confiando nas posibilidades do noso pobo. Ou cambiamos o papel dependente de Galiza ou veremos que seguirá existindo cada vez unha emigración estrutural e unha precariedade máis fortes e uns servizos públicos de segunda.

- O BNG empeza esta etapa tras a baixa dalgúns exdirixentes. A que achaca estes abandonos?

-Sempre agradecín e agradecerei a todas as persoas que na etapa na que fose fixeron as súas aportacións e terán sempre o meu recoñecemento. Máis alá de que estea ou non dacordo con algunhas decisións particulares estamos no momento de sumar.

- Están dispostos a colaborar con outras forzas nesta etapa?

-O BNG leva colaborando con outras forzas políticas porque o diálogo está no noso ADN. O que non vamos é deixar de ser nacionalistas nin de defender un proxecto que cremos que é necesario para o futuro de Galiza. Temos as portas abertas a todas as persoas e organizacións que compartan que Galiza precisa poder político real para decidir sobre os asuntos que nos atinxen directamente e para avanzar. Todas as persoas que compartan iso van ter en nós un aliado.

- Despois das declaracións de boas intencións ao inicio da lexislatura, na práctica hai vontade de acordo no Parlamento?

-Máis ben ao contrario. O que hai é un goberno que non está á altura porque só está pensando nas vindeiras eleccións municipais e non en gobernar. O grave é que o único obxectivo de Feijóo é presentar unha Galiza sumisa e esa sumisión acábanos saíndo moi cara a todos.

- Con que forzas da oposición ten máis sintonía na Cámara?

-No Parlamento se non usaramos o diálogo estaríamos deixándoo sen alma. Hai catro forzas con catro proxectos distintos e desde a diferencia o lóxico é falar. Coa forza que máis me identifico é co BNG, senón non estaría aquí e, por tanto, respeto ao resto desde a lexítima discrepancia política.