Os accidentes no mar seguen a ser frecuentes en Galicia tal como se comprobou esta semana co afundimento dun barco galego en Gran Sol e co volco dunha embarcación de baixura en Ribadeo. Por sorte, non houbo que lamentar víctimas. Precisamente, esta semana celebrouse en Santiago o Foro Internacional de Prevención de Riesgos y Salud Laboral en el Sector Pesquero para concienciar ao sector en materia de seguridade. Nas xornadas interviu o director do Instituto Galego de Seguridade e

Saúde Laboral (Issga), Miguel Martínez Losada.

-Cal é a situación actual do sector pesqueiro no que a riscos laborais se refire? Que hai que mellorar?

-No sector pesqueiro, e en todo, hai moito que mellorar. A pesca é o sector cos índices de sinistralidade máis altos. En accidentes mortais, graves e totais, a incidencia segundo a poboación activa no sector é a máis elevada. Por iso é un sector que en Galicia consideramos prioritario na prevención de riscos.

-Están concienciados os profesionais de que hai que mellorar a seguridade no traballo?

-Estanse conseguindo importantes respostas no sector. Posiblemente sexa a actividade onde o empresariado cambiou e mellorou máis nos últimos anos en materia de prevención de riscos.

-Sen embargo, segue a haber moitos accidentes. Que explicacións hai? Cansanzo, excesos de confianza...?

-Os sucesos no mar seguen a ser importantes polas propias características do traballo. Trátase dun centro de traballo que se move, inestable, á intemperie, con xornadas de traballo prolongadas... E a incidencia dos accidentes catastróficos, de afundimentos de barcos, xera unhas estatísticas importantes.

-Cales son os riscos máis habituais do sector?

-É un traballo duro, con moitos riscos, pero o primeiro deles é que os afundimentos de barcos exceden a prevención. Cando falamos do sector pesqueiro temos que pensar que non é homoxéneo. Non é o mesmo a pesca de altura que a de litoral ou o marisqueo, e estamos desenvolvendo distintas accións nestes subsectores. Na pesca de litoral é importante que cando un traballador cae ao mar teña posto o chaleco salvavidas para darlle unha oportunidade ao rescate. Pero o chaleco debe permitir o traballo físico normal.

-Xa hai accións neste sentido.

-Sí, desenvolvemos coa Consellería de Pesca o Plan Aboia para dotar de chalecos a mariñeiros e mariscadores autónomos. Pero eses chalecos, por exemplo, non serven para a pesca de altura.

-Hai profesionais do sector que din que a maioría dos accidentes se producen en portos e que os afundimentos de barcos son unha pequena parte.

-Efectivamente. Moitos accidentes rexístranse en traballos complementarios da pesca. Pero ademais dos mortos hai que mencionar os accidentes graves. Na pesca galega en 2007 houbo 12 mortes e 80 accidentes graves, importantes porque soen deixar secuelas. Para nós os graves son unha guía de actuación tanto ou máis importante que os mortais.

-Son suficientes as accións de prevención actuais?

-Na pesca quizais existiu un certo abandono histórico porque a Administración, que é de terra, tiña problemas para asumir tarefas en postos de traballo que están no mar. Unha das prioridades para o Issga é a prevención de riscos na pesca, a primeira prioridade.

-Na formación, o sector quéixase de que os cursos non son compatibles coa sua actividade?

-Estamos véndoo para adaptalos ás condicións e horarios dos profesionais. Revisamos os horarios e os contidos. En prevención de riscos non se pode dicir que Galicia sexa pioneira en case nada respecto ao Estado, pero no sector pesqueiro imos por diante.

-Que elemento de prevención cre que non pode faltar en ningún barco?

-Por suposto, o chaleco. Pero ten que ser compatible co traballo, e cada subsector ten que empregar o axeitado á súa actividade. Estamos traballando no diseño duns máis compatibles cos esforzos físicos. Pero o principal é que os traballadores asuman a cultura preventiva, que pensen que a seguridade é parte do traballo.

-A flota quéixase de que certos equipos non son necesarios e teñen un custo elevado.

-Iso é máis na pesca de altura, onde os equipos están regulamentados polo Estado e onde nós non podemos actuar.

-Pero sempre debe prevalecer a seguridade.

-Por suposto. Nunca imos dicir que non se cumpra unha normativa de prevención por costosa ou complicada que sexa. A Administración fará o necesario para que non se deixe de lado a seguridade por motivos económicos.