A Asociación de Frigoríficos de Pesca Extractiva (Afripex) é un consorcio de trece empresas conxeladoras de toda Galicia xurdido pola crise que levou ao amarre da frota de cerco durante o último trimestre de 2015 e que prexudicou seriamente as arcas destas firmas. Esta organización critica duramente a "inestable" xestión pesqueira actual e ten uns obxectivos "ambiciosos" a longo prazo malia a súa pouca experiencia. O presidente e tamén xerente da coruñesa Frigorífica Botana, Manuel Casal, afirma que Afripex pretende ser un "nexo de unión" do sector para que poida aspirar a obxectivos no ámbito europeo como a consecución de maiores cotas de pesca.

-Por que xorde Afripex e cales son os seus obxectivos?

-Os frigoríficos nunca foron parte activa dos procesos de evolución do sector aínda que sempre asumiron as consecuencias dos cambios normativos. Ante unha situación como unha parada feita de forma autónoma polo sector e que incide directamente nas contas de resultados dos frigoríficos, determinamos que nós deberiamos participar. Nos últimos anos a comercialización converteuse nun sustento moi importante para o sector extractivo porque se abriron moitos mercados internacionais. Aínda que Afripex xurdiu cun obxectivo de longo prazo, integrar toda a cadea de valor do sector e anticiparse aos pasos que se van dar na política pesqueira. Levamos trinta anos por detrás dos acontecementos, temos que actuar se non queremos que se acabe a pesca. Este sector só é viable cunhas garantías a longo prazo, e agora mesmo non as hai.

-As perdas económicas para o seu sector foron millonarias.

-Na parada do cerco os frigoríficos estiveron nunhas medias de traballo lixeiramente inferiores ao 25% da capacidade de outros anos nesa mesma época. As trece empresas que consolidan a asociación facturan ao redor de 20 millóns de euros ao ano, polo que calculamos uns 120 millóns en perdas. Nós dependemos case en exclusiva do sector extractivo de litoral, traballamos con especies peláxicas, polo que nos afectou moito ese amarre. Por outra banda, esas paradas son consecuencia de dinámicas no sector, que está reivindicando cambios na política pesqueira. Pero o peor non son as perdas puntuais, é que estamos orientados en máis dun 80% a mercados internacionais e fixemos un esforzo tremendo por abrilos. Eses mercados precisan un abastecemento continuado e volver recuperalos é moi difícil, xa que os competidores crean barreiras cando entran.

-Como está a situación logo da volta do cerco ao mar? Puideron recuperar eses mercados de exportación?

-Intentamos buscar produto fóra, exportar peixe doutros países para manter os clientes. Aínda non tivemos oportunidade de sondar se eses mercados nos terán as portas abertas, pero consideramos que será así. Conseguiremos recuperarnos sempre que sexan situacións puntuais, pero non podemos seguir a ter descontinuidade.

-Considerades cambiar ou diversificar os vosos provedores?

-Temos que escapar do risco. Estamos nun entorno local e encantaríanos ter garantías, pero é complicado ter información dun ano para outro dos recursos que vas poder explotar. Nese sentido as nosas empresas teñen que buscar outras vías, sen perder o foco de Galicia, para completar eses momentos nos que hai déficit de peixe. Estamos a buscar alternativas, por exemplo aquí, noutras especies que non sexan tan problemáticas: O cabalón, a boga, calquera cousa que non dea problemas de cota. Non pensamos en cambiar a frota, pero si integrala na toma de decisións. Que o sector extractivo comprenda que o comercializador é unha extensión da cadea de valor. Temos que programar entre todos a xestión do recurso, as estacionalidades, acelerar a pesca cando os prezos son bos, poder reducila cando os prezos baixan e anticiparlles aos armadores como se move o prezo a nivel global, porque nós estamos a competir con Mauritania ou Chile.

-Comparten tamén a reivindicación da asociación maioritaria do cerco en Galicia, Acerga, de cambiar o reparto de cotas?

-Como asociación entendemos esa demanda, semella lícita, pero tamén entendemos que o que ten un reparto legalmente concedido defende o seu. Queremos ser imparciais, non tomar unha posición porque todo o peixe acaba en nós. Todos xuntos temos que defender uns obxectivos a longo prazo. É fundamental que os actores do sector entendan que teñen que xuntarse para falar doutras cousas sen sacar á palestra problemas particulares.

-Como planean conseguir iso, mediante mesas de traballo?

-Xusto. Queremos ser un nexo de unión para grupos que teñen un certo distanciamento e que permita sentarnos nesas mesas de traballo. Hai que procurar un consenso de mínimos, buscar un acordo para acadar máis cota. Iso conséguese con catro grandes eixos: O primeiro é a autonomía científica; poder demostrar con datos, que agora non temos, que o estado da biomasa é óptimo. O segundo é a autonomía de xestión, a través dos plans de rexionalización da UE e o contacto cos países da contorna, para poder decidir por nós mesmos sen as presións dos nórdicos, que teñen outros intereses. O terceiro é un maior peso político, hai que premer para que os nosos representantes sexan unha correa de transmisión das nosas necesidades. Levamos 30 anos sen facer iso, dedicámonos máis a queixarnos, aínda que sexa con razón. O cuarto eixo é a comunicación, temos a percepción de que o mariñeiro aínda está visto pola sociedade como alguén que esquilma o mar, e iso cambiou moitísimo. Os mariñeiros e as formas de traballar aquí son moi responsables co mar, polo que hai que facer que desaparezan os prexuízos para que a sociedade civil nos apoie.

-Están a traballar nalgún proxecto de investigación?

-Querémonos centrar en dous camiños. O primeiro é xerar novos valores para o peláxico, que é un produto que hai dez anos non se explotaba ao nivel que o facemos agora. O segundo son os informes sobre o estado da biomasa. Os científicos cos que nos sentamos denuncian que non lles encargan traballos, que as mostraxes que se fan son insuficientes. As tomas de decisións ampáranse en datos administrativos, non do estado real dos stocks. Queremos que os científicos teñan un papel predominante, pero baseado nunha extensa observación do medio. Temos expertos, universidades e oceanográficos que non estamos a explotar como fan os países nórdicos e mesmo outras comunidades como Euskadi.

-Xa comezaron o contacto coa Administración?

-A semana pasada tivemos un contacto técnico coa Xunta e a conselleira do Mar [Rosa Quintana] abriu a posibilidade de crear unha mesa de traballo específica para tratar a comercialización dos produtos coa frota.