Foise o capitán

06.09.2016 | 00:48
Foise o capitán

Cela (Bueu) foi o territorio por antonomasia dos patróns de pesca. Era o que máis patróns maiores tiña por metro cadrado de terreo (en disputa con Corrubedo), do mesmo xeito que o do Seixo (Marín) foi -e aínda é, en boa medida- territorio case exclusivo dos maquinistas.

En ambas as parroquias tivo un papel José Loira García, que naceu en Cela e, hai uns días, faleceu no Seixo aos 91 anos.

José Loira García foi pai sete veces (de dúas mulleres e cinco homes). Destes sete fillos, un, José Loira Rúa, herdou a entrega ao mar e foi, sen dúbida, o mellor secretario general de Pesca Marítima que tivo o estado español.

Dende a semana pasada, O Seixo está orfo. Fáltalle José Loira García, figura esgrevia do mar que saudaba de lonxe ós médicos sen pasar nunca pola súa consulta. O home que todos os días, co xornal baixo o brazo, se achegaba ás dúas e media da tarde ó bar O Timonel, no que botaba a súa partida de dominó ou, no seu caso, de cartas, ó tempo que lembraba as moitas páxinas de pesca escritas por el e por outros galegos que o acompañaron nas súas singraduras en augas do Gran Sol e mesmo Terranova.

Comezou don José Loira indo á rapeta cando aínda era un rapazolo. Foi reforzando os seus coñecementos de pescador como xeiteiro. Por esta formación pasou a integrarse na potente Casa Mar (Casamar) de Vigo e en Copiba, ás que chegaban sempre os mellores mariñeiros e cando era un luxo presentarse nas festas lucindo o clásico xersei da compañía na que se afincou Pescanova para medrar a mediados do século pasado: Un xersei de Copiba era un éxito seguro nas festas para quen o levaba posto na procura dunha moza coa que bailar. O mesmo pasaba con prendas que sinalaban a quen as levaba como tripulante de Pebsa.

Loira García desenvolveu a actividade máis profesional en Casamar como mariñeiro, pero a súa inquedanza levouno a estudar e acadar así o título de patrón e, a partir de aquí, de patrón de gran altura e capitán de pesca de barcos das devanditas compañías e mesmo de Pebsa. Piloto e capitán da mariña mercante, "sempre foi un referente no mar polo seu trato á tripulación, a súa defensa dos mariñeiros e o seu compromiso coa lei por iniciativa propia, convencido como estaba de que era o que había que facer na pesca e no mar. Sempre foi moi cumpridor, ao tempo que o seu bo facer abría portas a cantos o coñecían. Foi moi querido no pobo", lembra o marinense Raimundo Calviño, exsecretario xeral de Aetinape e que compartira con el moitas batallas pesqueiras como maquinista.

Patroneando barcos que andaban á "parella", ao "trío" e mesmo ao "quinteto", don José Loira García gañou o respecto de tripulantes e armadores, acadando sona de saber o que se facía nun tempo no que pescar era menos seguro porque todo o mundo "traía peixe a terra".

Don José soubo adaptarse a todos os tempos e sistemas ou medios de pesca, ata rematar a súa función a bordo dos rampleiros de Vigo, especialmente no José Cornide, con grandes mareas de bacallau, ata que se xubilou.

O Seixo, Marín, Vigo e Galicia senten que "o capitán" se embarcase agora e deixase O Timonel coa sensación de que as partidas de dominó entre os seus amigos de sempre xa non son o que foran. Quedan como se o barco da vida quedase ao garete.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine