Rumbo a Lorient, á final da Champions tradicional

Catorce grupos ou solistas galegos fichan co Interceltique bretón con Carlos Núñez, Caldo ou a gaiteira María López | A Banda de Gaitas Arume de Malvas, de Tui, acode por primeira vez

Arume de Malvas, que tocará en Lorient este ano.

Arume de Malvas, que tocará en Lorient este ano.

Mar Mato

O Intercéltico de Lorient é o escenario soñado de calquera artista profesional de música tradicional galega. E para o público, unha meca de melodías. Nesta edición, que se reserva dende o día 12 ao 18 de agosto, a Armada galega estará composta por 14 solistas ou grupos. Integran a comitiva Carlos Núñez, Caldo, a Banda de Gaitas Arume de Malvas, grupo de música de baile tradicional Rebulir, a gaiteira María López, Manuel Seoane, Laura Iglesias, Xaime Beiro, Ismael García del Río, Adrián García García, Felipe Rey Castro, Xesús Rodríguez Callejón, José Manuel López Josele e Lucía Comesaña.

O gaiteiro Carlos Núñez.

O gaiteiro Carlos Núñez. / GONZALO NÚÑEZ

Para algúns deles, como Arume de Malvas de Tui, composta por 40 músicos e que desfilaron pola Gran Vía de Madrid no último Día de San Patricio, será a primeira actuación no Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa. “É un orgullo poder ir”, sinala o director da agrupación, o tudense Diego Alonso Vila. “Hai moita xente —engade— que non sabe o que é Lorient. Se falaramos en termos futbolísticos sería a final da Champions, un acontecemento único. Non hai outro igual. O segundo máis cercano sería o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira pero por aquí en todo o certame pasan preto de 100.000 persoas e en Lorient unhas 950.000. Non é comparable. Alí, fanse catro noites máxicas nun estadio ateigado no que a xente paga a entrada para ver espectáculos de música celta. Aquí, moita xente non pagaría entrada por ver unha actuación de música tradicional, de diversos países celtas”.

O director de Arume califica de “impacto brutal” o festival: “Na pasada edición, foron uns 400 concertos en dez días en doce escenarios distintos. Como galego, é un orgullo e unha responsabilidade ir, porque de toda Galicia imos nós en representación das bandas de gaitas galegas. Non hai palabras para describilo”. No seu caso, actuarán cada xornada dos sete días do festival. “Participaremos no desfile grande; en catro noites máxicas no estadio e un concerto grande de case unha hora noutro escenario como os artistas principais só que estes ofrecerán dúas horas de directo. Tamén faremos pequenos pasarrúas. Imos sacar pouco o traxe”, detalla.

Ser seleccionados para Lorient non é doado. Diego Alonso lembra que a principios de outono, saíron as bases para participar. No seu proxecto “falaron sobre o que levabamos facendo, onde tocáramos, que faciamos. De todos os proxectos de bandas de gaitas galegas presentados, o noso foi o escollido”.

Arume de Malvas —cuyo presidente honorífico é Antón Corral e o seu neto Ramón Corral, director da sección de percusión— está integrada por 40 compoñentes, cunhas 24 gaitas e o resto, en percusión. A Diego —tras formarse no conservatorio—, chamárono aos seus 18 anos para encargarse das clases de gaita no lugar de Malvas en Tui. “No principio, non naceu coa idea de ser unha banda de gaitas; só queriamos dar clase pero foi medrando e plantexamos formar Arume de Malvas”, aclara.

A grande maioría das persoas integrantes da banda (o 70%) non ten coñecementos musicais académicos. “Isto dálle un valor engadido ao conseguido. Saber música non é sinónimo de ser bo músico”, engade o director da agrupación.

O repertorio que amosarán en Lorient está case pechado (ao 90%) e nel recuperan un tema antigo como o da Banda de Gaitas Ancoradoiro, que “existiu nos anos 80 e 90, e foi moi importante como Xarabal e a Escola de Gaitas de Ortigueira e que hoxe en día non ten actividade. Hai unha peza, Suite do Alcacén, dun dos seus discos que nos gustou e o director de Ancoradoiro no seu momento, Pepe Romero, autorizounos a poder tocala”.

Ademais de Arume, a representación galega en Lorient este ano contará coa gaiteira María López, de Narón (A Coruña), que aos 14 anos de idade gañou o Trofeo MacCrimmon, “converténdose na gañadora máis nova e a primeira muller galega en acadalo”, segundo destaca a Delegación Galega do Festival Intercéltico de Lorient.

Coautora do libro As que dormen entre o centeo (da Asociación de Gaiteiros Galegos), está a gravar o seu primeiro álbum. Na vila bretona, tocará no Celtic Odyssée o 14 de agosto.

Nesta edición, o festival está dedicado á Xuventude Celta polo que a delegación galega abriu un periodo de recepción de propostas para elixir un grupo de baile tradicional, banda de gaitas, grupos folc e grupos instrumentais.

No caso de Caldo, a banda do Val Miñor presentará na Bretaña o seu último disco, Lugar A Ponte co que María Jorge, Anaïs Barbier e Pedro Fariñas homenaxean a casa na que vivían os dous últimos en Mañufe, Gondomar, e que se afundiu tras anegarse varias veces. Novo disco tamén presenta Carlos Núñez, baixo o título de Celtic Sea, unha especie de banda sonora para os Brittany Ferries que comunican Reino Unido, Francia e España. A súa actuación será o 15 de agosto.