20 de septiembre de 2020
20.09.2020
La Opinión de A Coruña
Cantareira, presenta o seu novo disco o 11 de outubro no Pazo da Ópera

María Xosé Silvar 'Sés': "Xa non son unha quinceañeira, xa non quero levarme ben con todo o mundo"

"Son as persoas ás que todo lles parece estupendo as que terían que plantexarse os seus valores", asegura. "Os músicos están limitados polo medo a molestar aos señores que os contratan"

20.09.2020 | 02:03
A cantora Sés, nunha imaxe promocional.

Non deixa de resultar irónico que, nun intre no que o mundo asómase ao desastre da pandemia, María Xosé Silvar -máis coñecida como Sés-, encare a vida con máis calma. A cantareira das inxustizas enfróntaas hoxe "sen negalas, pero con máis fortaleza", e a filosofía escorrenta por todas as pistas do seu novo traballo. Liberar as arterias -agarimoso chisco a Luz Fandiño-, fala de perdón, de deixar correr a rabia e mesmo de rupturas de fío pulido. Este 11 de outubro presentará o álbum no Pazo da Ópera, no que actuará ás 19.00 horas.

Que nos tupe as arterias?

O enfado ante a explotación encuberta e ante a corrupción e a hipocrisía. Sobre todo a que está instalada no poder, que parece que xa case non queda alternativa sequera.

Advirte no tema que da nome ao disco que non quere ser escrava "das xenreiras". Temía que a envelenara a rabia?

Totalmente. Eu e calquera que sexa permeable. Ese poema non é meu, é de Luz Fandiño, pero paréceme moi sabio e realista. Debemos lexitimar o enfado e a reacción popular, pero temos que ter coidado de ser nós quenes controlamos o enfado e non ao revés, porque, se non, non te guía a xustiza, guíache a rabia.

Nese sentido, logra que cada disco sexa un borrón e conta nova?

Non necesito facer ningún borrón. Creo que di máis ben que mal de min que durante certo tempo puidera estar enfadada. Son as persoas ás que todo lles parece estupendo as que terían que plantexarse os seus valores. Pero si que vexo que xa pasaron anos e que aprendín moitas cousas, entre elas, a que di o disco.

"Sangrar as miñas feridas para liberar as arterias".

Si. Foi un verso que me gustaría ter escrito eu, porque paréceme impresionante esa metáfora. É cero vitimista, porque todos temos feridas, e é moitísimo máis valente ensinalas e deixalas sangrar en limpo. O que trae ocultalas é sordidez, e o que trae deixalas sangrar é ser persoa.

Como tal, vostede rexeita sempre dicir que é cantante. Si poeta, como recita no álbum?

Non, é unha palabra moi grande. Ás veces escoito a persoas denominarse poetas e invádeme a vergoña allea. De feito, a meirande parte da poesía que leo non me parece tal. Non vou usar adxectivacións, porque son unha persoa elegante, pero ás veces hai xente que confunde as lendas das cuncas de Mr. Wonderful con poesía. Só o pobo escolle aos líderes e só o pobo escolle aos poetas, e eu non creo que poida denominarme así.

Pero si muller, si galega, si de clase obreira... Foron os obstáculos que parecen?

Creo que tiven os mesmos obstáculos que unha persoa que diga a verdade. Claro que son vetada en moitos sitios porque molesto, pero o que realmente te obstaculiza é o teu medo. Se non temes iso, entón non hai obstáculo. Pero o que vexo na música agora mesmo é que o 99% están limitados polo medo que teñen a non gustar ou dicir cousas que molesten aos señores que os contratan. Así que teñen máis obstáculos a maioría ca min (ri).

Por declaracións coma esa, acúsana de dogmática. Preocúpalle chegar a transcender máis polas súas ideas que pola súa música?

A maioría dos bos cantautores transcenderon máis polas súas ideas que pola súa música. Claro que transcendo por ela, pero a miña música ten ideas! Desde cando van separadas? Vendéronnos tanto a superficialidade das artes sociais que a compramos, pero eu non. Silvio Rodríguez non é Silvio Rodríguez porque cante moi ben. É Silvio Rodríguez porque pensa moi ben. E non me preocupa transcender por pensar, é ao que aspiro (ri). Pero sei que non o vou facer, porque son unha muller.

Inflúe?

Claro. Podes dicir Pablo Milanés, Serrat, Sabina?Pero o discurso feminino vai ser un discurso ao que lle custe achegarse ao liderado. E sempre vai ser un liderado de perfil baixo. Aínda así, nas miñas cancións hai ideas, e iso é o que me interesa. Malia que sexan de amor.

Neste disco iso ten moita presenza. Sobre todo o desamor en Non queda nada e Desenganeime sen crer.

É que hai cancións do disco que escribín en 2010, pero Non queda nada é un tema moi recente. Pódese ser unha persoa profunda e sentir. Eu non considero que a miña música como concepto sexa moi interesante, pero tampouco opto a iso.

Porén, o álbum fía moitos estilos. O folk galego, esas palmas andaluzas de A única señora?

Pero é que a min gústame moito o flamenco, non son unha desas medias neuronas que confunden a afirmación identitaria co odio. Eu ante todo son unha folclórica. Escoito a Violeta Parra, Atahualpa Yupanqui, Xabier Díaz, Camarón? As palmas non me avergoñan, o que se pretendía era unha achega estética.

Coincidirá en que sorprende.

Pero porque creo que a unha muller téndeselle máis a reducila, e logo non encaixa na idea que crea a xente. Eu vivín na música tradicional galega, si, pero despois consumín de todo. Son unha persoa intensa, creo que é unha palabra que me define sen matices, así que chámame a atención o intenso. E unha música folclórica ten a intensidade da historia de pobos enteiros. A nós ensináronnos que o noso non era flamenco, pero non é certo, porque a reacción é a mesma cando eu saco a pandeireta. Pero vemos o que queremos ver, e eu tamén.

A que se refire?

A que eu xa non quero coñecer a ninguén. Teño coñecido a tíos na música e dinme conta de que lles supoño máis interese e cultura, e non sei se o faría se foran tías, porque estou ensinada niso. E leveime tremendas sorpresas. Unha persoa que pensabas que che ía soster unha conversa, e non cha sostiña.

Pero aos músicos presupónsevos tantas amizades no mundillo...

Eu son cero corporativista, non teño moita relación coa xente da música. De feito, hai certos aspectos do corporativismo que me parecen clasistas e desprézoos?

Como que?

Unha frase que detesto, por exemplo: "Por fin nos coñecemos!" (risas). Pero por que teño que coñecerche a ti máis que ao carteiro? É superclasista. Pero hai ese rollo de "como sodes da música galega, tédesvos que coñecer e caer ben". Quen sería eu se me levase ben con todo o mundo? É socioloxía de instituto, eu xa non son unha quinceañeira, xa non quero ser amiga de todo o mundo.

Non pide hoxe esa unidade a cultura, cos danos do Covid?

Iso depende das accións gobernamentais, e estas non van dirixidas á sostibilidade. Pero eu desmárcome do rollo de "a cultura é necesaria", o enfoco de maneira máis efectiva. Eu non escollín o neoliberalismo económico, pero existe e nese sistema o coherente é que se unha empresa como Iberia ten dereito a levar 500 pasaxeiros nun voo con aire artificial, eu desde a iniciativa privada que o sistema defende, teño dereito a meter nun teatro a mil persoas. Non é unha cuestión de hipismo, é unha defensa política. Eu teño dereitos, como cidadá e coma entidade.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia