18 de octubre de 2010
18.10.2010
Vixésimo aniversario de Os Diplomáticos

Xurxo Souto: "O concerto vai ser unha sesión bravú sen acougo"

"A cidade está moito máis divertida que cando nós empezamos, e hai un lote de grupos, aos que eu chamo o momento coruñento, absolutamente fascinantes"

18.10.2010 | 19:41
Os Diplomáticos de Monte Alto, nunha das súas primeiras fotografías promocionais.

A formación orixinal dos pais do bravú, Os Diplomáticos de Monte Alto, vaise reunir por derradeira vez para ofrecer un concerto moi especial na sala O Túnel, situada nos baixos do Coliseum, o 22 de outubro. O grupo liderado por Xurxo Souto despedirase da súa cidade para conmemorar o vixésimo aniversario da súa formación.

–Volve reactivarse a formación clásica de O Diplomáticos ou este concerto vai ser só unha conmemoración?

–A historia saiu un pouco de casualidade: os membros de Jarbanzo Neghro invitaron ao noso batería, Viascón, a tocar con eles no festival Reperkusión, en Allariz, e propuxo que nos reuníramos. Dímonos conta que se cumprían vinte anos da formación da banda, e, como somos animais simbólicos, actuamos. Despois diso houbo moitas peticións e algunha ameaza para que tocáramos tamén na Coruña.

–Entón este recital vai ser unha celebración de cumpleanos.

–É unha celebración e unha autodestrución. En Allariz prometimos que nos xuntariamos de novo dentro de dez anos, pero incumprimos a promesa e tocaremos un pouco antes na Coruña.

–Nestas datas tamén se conmemoran as dúas décadas de Los Eskizos. Qué pasou neses anos na Coruña?

–Simplemente, hai vinte anos se fixeron cousas. Na Coruña xa estaba domesticada esa furia que houbera nos 80 co Atlantismo, con Radio Océano, e estaba durmindo esa plácida sesta provinciana. E a principios dos 90, na cidade aconteceron cousas. É normal que o celebremos.

–Bota de menos esa época de efervescencia?

–A cidade está moito mais divertida que naqueles anos, e hai un lote de grupos aos que eu chamo o momento coruñento absolutamente fascinantes, como Fracasados de Antemano, Loretta Martin, Ultracans, Trapallada... En cuestión de música, os tempos cada vez son mellores.

–Entón non é vostede dos que din que os tempos pasados foron mellores.

–Non. Nos últimos anos, A Coruña foi perdendo esa condición provinciana. É unha cidade cargada de vida, pero para os medios movíase no territorio provinciano, unha fotocopia do que se facía en Madrid, triste, pijo... e diante diso, cada vez estoupa máis a vida, en música e noutros eidos da cultura.

–Teñen xa preparado o repertorio do concerto?

–O temos mallado, porque o imos facer exactamente igual que en Allariz. Vai ser un concerto antinostálxico, porque o que acontece nestas circunstancias e que se xuntan amigos, suben colaboradores... e non. Isto vai ser unha sesión bravú concentrada, sen acougo, como faciamos nos noso tempos. Unha arroutada vehemente e constante.

–E van facer algo ademais do concerto?

–O día anterior imos recuperar un documental que fixo Fran Pego, titulado Coruña Rabuña, na Casa Casares Quiroga. Imos tentar reunir a todos os que nel aparecen, porque é unha crónica brutal do que era a Coruña dos 90, no que, por exemplo, aparece o grandísimo Toñito Blanco, director da mítica película La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook



 

esquelasfunerarias.es