-Como leva o día de hoxe?

-Pois hoxe [por onte] veu a Policía Local xa para ver como han facer o cordón mañán [por hoxe]. Dixéronme que, se quería entregar as chaves, que me poderían dar máis prazo para a mudanza. E que, se non o facía de boa fe e que se non quitaba as cousas da casa, que me habían cargar o recibo da empresa de mudanzas que mandarían eles para librar a vivenda. Xa lles dixen que a mudanza estábaa a facer eu, que non me tiñan que cobrar nada. Dixéronme que non fixese caso de Stop Desahucios, que era todo politiqueo. Intentaron convencerme, pero eu xa lles dixen que, acertada ou non, a decisión estaba tomada.

-A decisión de resistir?

-Si, é a que me parece máis xusta neste momento. Hai un pouco [antes das 15.00 horas] recibín unha chamada dunha funcionaria que me dicía que entregase as chaves porque non lle sería grato vir mañá [por hoxe] ao desafiuzamento. Xa lle dixen que, agora xa tiña nada de valor e que, na situación na que estou xa todo me dá igual. Perdín toda a miña propiedade e o meu negocio e facerlles o ben de non resistirme a cambio de nada, pois non. Se aínda me desen unha esperanza... Agora quedamos aquí e que paseo o que teña que pasar.

-O piso que lles ofrecen, sabe xa se o collerá ou non?

-No momento no que estou aínda non o pensei. Pero o tema é que o solicitamos desde o primeiro momento. O venres, estando en Servizos Sociais, non cumpriamos os requisitos e o luns, cunha chamada do concelleiro de Urbanismo, Martín Fernández, xa podemos entrar na vivenda social. Non temos que pasar ningún filtro nin nada. Está mostrando a forma na que están a actuar. Se eres bo e non protestas, tes o que queiras, se reivindicas os teus dereitos estás fodido.