Os galegos coincidimos á hora de sentirnos orgullosos dos nosos marabillosos produtos do mar. O marisco e peixes son un elemento básico do patrimonio natural e cultural e unha continua fonte de pracer.

Dispoñemos deses animais grazas ao alimento que o mar produce e que lles serve de sustento. E o punto de partida que permite a súa renovación, a xénese de nova vida nas augas, chámase fitoplancto.

Un "bosque invisible" constituído por organismos autótrofos microscópicos, que posúen o pigmento verde que chamamos clorofila. Microalgas que forman materia orgánica (produción primaria) por fotosíntese, un proceso no que a luz solar é captada pola clorofila.

Esa circunstancia fai do fitoplancto mariño a herba do mar, o inicio da cadea trófica, que permite que se alimenten o resto dos seres vivos do mundo acuático. E grazas a el os océanos contribúen co 50% do total da produción primaria mundial, sendo a contribución das augas doces menor en termos relativos.

Para estudar o fitoplancto, para saber máis desa fonte de vida, Manuel Varela Rodríguez (Malpica, 1954) -que considera que existe unha relación entre o extraordinario sabor do noso marisco e as microalgas que lle serven de alimento- pasou trinta e cinco anos observando no microscopio mostras de auga.

Contacto con Margalef

Como comentamos nun episodio anterior, a observación da vida vexetal microscópica foi a paixón de Manuel desde mozo. Xa sendo estudante universitario recurriu ao asesoramento de Ramón Margalef (1919-2004), experto de sona internacional en microorganismos acuáticos.

O investigador catalán aproveitaría nos anos cincuenta do pasado século algunha estadía estival para estudar as augas doces e salgadas de Galicia. Por iso, cando Manuel rematou a carreira de Bioloxía chamou por teléfono á Facultade de Bioloxía de Barcelona e falou con Margalef. Era un venres pola tarde e concertaron unha cita para o seguinte luns ás 4 da tarde. Colleu o tren e o luns estaba no departamento de Ecoloxía. Tiña ao científico catalán en tan grande consideración que, sentado no banco que daba acceso ao seu despacho, non se decatou cando este pasou, pois -ri ao lembralo-. "Pensei que tería unha presenza especial, un aura".

Margalef recomendoulle que para a dirección da súa tese de doutoramento fálase cun discípulo seu que se atopaba traballando en Vigo: "Ya que está en Galicia hable con Niell, es un buen elemento".

Á volta viaxou á cidade olívica a ver a Xavier Niell Castanera, que traballaba no Instituto de Investigaciones Marinas (CSIC). Contoulle o cualificativo que utilizara Margalef sobre el ("buen elemento"), e quen sería o director da súa tese (actualmente catedrático de Ecoloxía na Universidad de Málaga) respostou: "Bueno no, amigo; el mejor".

A memoria de doutoramento tratou sobre a ecoloxía da lagoa de Sobrado dos Monxes, sería presentada en 1984 e Margalef formou parte do tribunal.

Nas últimas veces que viu ao científico catalán este insistíalle: "Varela estudie el sedimento, el secreto está en el sedimento", e ao dicilo Manuel imita a voz de Margalef, un son de persoa maior e con acento catalán.

O sedimento é o material que se acumula no fondo acuático. Nel aparecen formas resistentes (quistes) e tamén restos do fitoplancto e pigmentos ("fósiles químicos") que permiten coñecer a distribución de temperaturas, circulación de auga e produtividade de cada zona ao longo do tempo.

Xa de maior Margalef confesoulle a Manuel: "Después de pasar tantos años metiéndome en el río para recoger muestras y publicar resultados, me pregunto si quizás no hubiese sido mejor haberse sentado en la orilla a escuchar el rumor de las cristalinas aguas". Mais o noso investigador sabe que a pregunta do científico catalán era retórica: "Pois metíase no río empurrado pola mesma paixón que a min me dominaba".

Excelencia investigadora

En 1978 Manuel empezou a traballar no Centro Oceanográfico de A Coruña do Instituto Español de Oceanografía (IEO), onde desenvolveu unha brillante carreira investigadora.

Os artigos técnicos, papers, que se publican en revistas especializadas constitúen o elemento a considerar para medir a excelencia do traballo realizado polos científicos.

Un recoñecido sistema para valorar a calidade deses escritos consiste en comprobar se as publicacións en que aparecen están incluídas no Science Citation Index, un esixente índice que recolle só revistas de verificada calidade. Manuel publicou 79 artigos científicos en revistas internacionais de prestixio que figuran nese Index.

Actualmente para medir a calidade profesional dos científicos é bastante utilizado o índice h, baseado no número de citas que reciben os artigos publicados. Ese índice informa do impacto da produción científica, publicacións, na área científica do autor.

Manuel, que recibiu 1.858 citas en 1.185 artigos publicados por outros colegas, ten en marzo de 2015, o índice h 26, ou sexa 26 artigos seus publicados foron citados, como mínimo, 26 veces. Ese dato o sitúa como o primeiro en Oceanografía na provincia coruñesa e tamén na primeira posición nas diversas áreas de Bioloxía a nivel local (A Coruña).

Experto en fitoplancto

Manuel Varela está considerado como o principal experto de Galicia en fitoplancto. No seu labor salienta o elevado grao de precisión na identificación e reconto de especies.

Dentro do Proyecto Radiales, proxecto estrutural do Instituto Español de Oceanografía, realizou mostraxes, recollidas de auga mensuais, durante máis de vinte anos fronte a plataforma costeira da Coruña para determinar parámetros físicos, químicos e biolóxicos. Acadou a información máis ampla e completa de toda a obtida polos diversos equipos do IEO en España.

No seu percorrido profesional tamén sobresaen os estudos que realizou sobre a biomasa e produción do fitoplancto nas augas da plataforma continental de Galicia e o Cantábrico e nas rías galegas na primavera, polo estudo da relación das sardiñas co fitoplancto.

O seu labor inclúe a campaña realizada na Antártida, outra entre as Illas Malvinas e Inglaterra estudando as diferenzas en produción primaria a distintas latitudes, un salientable traballo de seguimento do impacto dos naufraxios do Mar Egeo e Prestige e outro sobre a construción do porto exterior de Ferrol.

En total participou en mais de 30 campañas oceanográficas e numerosas saídas o mar de corta duración (de 1 a 3 días).

Un legado frutífero

Os numerosos datos recollidos por Manuel resultan moi valiosos para o estudo de series temporais e para contrastar modificacións que podan afectar á cadea alimentaria no caso de impactos ambientais na contorna costeira. "Atrévome a apostar que a seguinte xeración de investigadores encontrará traballo que facer con eles" di o investigador bergantiñán.

Diversos colegas continúan no estudo do fitoplancto, e cuestións relacionadas, no mar de Galicia. No Centro Oceanográfico da Coruña, Antonio Bode, Manuel Ruiz, Marta Ávarez, Marta Varela, Maite Álvarez; no de Vigo, Santiago Fraga, Beatriz Reguera e Ana Miranda. Tamén na cidade olívica, no Instituto de Investigaciones Marinas, Francisco Figueras e no Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Vilaxoán), Yolanda Pazos e Juan Blanco.

Agardemos que podan disfrutar dos recursos precisos para continuar o seu importante labor.