Con só 17 anos, a flautista burelense Silvia Rozas Ramallal, gañadora, entre outros, do III Concurso de Solistas coa Banda Municipal de Música de A Coruña, será a solista da Orquesta Xove no concerto para flauta e orquesta de Carl Nielsen.

-Cando comezou o seu interese por adicarse á música?

-Pois a verdade é que dende pequena. Cando ía á escola gustábame e no meu pobo facían cursos en verán aos que eu fun un par de anos, e pedinlle aos meus pais polo meu cumple que me matricularan na Escola de Música de Burela. Empecei un pouco como hobby, e fun vendo que me gustaba.

-Hai un ano que está nesta cidade.

-Si, matriculeime o ano pasado no Conservatorio Superior de Música, e de feito fixen as probas para o ingreso o día do meu cumple. O certo é que foi un gran agasallo.

-Por que elixiu especializarse en flauta?

-Foi casualidade, coñecín a unha rapaza que tocaba a flauta e dixen: eu tamén, por que non?

-Como é o día a día para preparar un concerto coma este?

-Todas as veces que os montas tratas de facelo o mellor que podes, pero sempre é un aliciente saber que o vas facer cunha orquestra.

-Que supón para vostede o feito de tocar baixo a batuta de Alberto Zedda?

-Un honor, porque é un director do mellor que hai internacionalmente. É un privilexio.

-É sinxelo compaxinar os ensaios coa formación académica?

-Hai que facer un esforzo, ás veces pode chegar a ser un pouco duro, pero sarna con gusto non pica.

-Seguirá a súa formación musical tras concluir os seus estudos de Secundaria?

-Si, decidín seguir coa música e non contaba facer outra carreira.

-Algún centro no que lle faría especial ilusión estudar?

-Quizáis me gustaría facer un máster en Sttutgart con Davide Formisano, un flautista bestial, pero a verdade é que hai conservatorios moi interesantes por Europa adiante.

-Músicos que aos que admire.

-Davide Formisano encántame, ten un son moi puro e é moi grande e expresivo. Tamén me gusta a violinista Sarah Chang e as gravacións de chelo de Jacqueline du Pré, que son unha pasada.

-Retos por acadar.

-A verdade é que estiven un pouco ocupada e non me deu tempo de pensar moito no futuro. A cuestión é estudar a tope, e as cousas van vindo soas cando te esforzas ao máximo.