- Que balance fai do que levamos de mandato?

-Bastante decepcionante ao respecto das expectativas que creara Marea Atlántica porque non está dando solución aos grandes problemas. O exemplo pode ser a política de Mobilidade, que é estritamente municipal, e porén non se están tomando decisións sobre cuestións como o carril bus ou a reordenación de liñas.

- Hai tempo para modificar esta liña?

-Tempo hai e nós imos facer todo o posible para que así sexa. Por iso apoiamos ao goberno da Marea Atlántica hai dous anos e por iso volvimos renovar a confianza o día da cuestión de confianza, porque cremos que se pode rectificar e tomar outra liña, aínda que para iso o Goberno ten que facerse responsabel e superar o vitimismo.

- A cuestión de confianza pode ser un punto de inflexión?

-Esperaba que o fose, pero creo que non está sendo porque se argumenta constantemente desde un posicionamento vitimista que non resolve os problemas. O que os resolve é un goberno que toma decisións e que se senta a falar coa oposición.

- Non hai vontade de chegar a acordos?

-Dise que si hai vontade, pero despois están os feitos. Ten que haber propostas concretas que até agora non as hai e sentarnos todos xuntos para ter un posicionamento común. E de momento non temos iso enriba da mesa.

- Hai esa mesma dificultade cos orzamentos?

-O principal problema cos orzamentos é que nunca están nun prazo razoable para chegar a un acordo. Os dous últimos anos presentáronse moi tarde á oposición, xa que co goberno bipartito no que estivo o BNG estaban listos en agosto e comezaban a negociar para que estiveran aprobados a tempo. Con máis razón debería facerse agora que non hai un goberno con mayoría, aínda que o que se fixo foi telos en outubro ou, o que foi máis grave, que sabendo o que pasara o ano anterior, presentalos a finais de novembro. Sigo mantendo un raio de esperanza de que este ano poidamos sentarnos a falar en agosto dos orzamentos de 2018 e que non lle deamos a razón ao PP de que son eles ou o caos.

- Xorden eses problemas da inexperiencia?

-A inexperiencia non é unha xustificación en absoluto porque cando se presentaron ás eleccións sabían que non tiñan experiencia e aínda máis sabendo que levan dous anos gobernando. O problema non é se teñen experiencia, senón se teñen claras as cousas que queren facer. As críticas que eu lle fago ao Goberno son máis por falta de valentía ao tomar decisións.

- Hai acertos no mandato como a renda social?

-Estase concedendo con contagotas e non está cumprindo o seu obxectivo, que é a inserción sociolaboral. Hai un aspecto positivo que foi a retirada dos nomes franquistas das rúas, pero foi unha decisión que tomou outro goberno e que non executou. Tamén estaba satisfeita de que se lle declarase caducada a concesión á Compañía de Tranvías, até que logo se dixo que vai quedar até 2024 e que só lle imos pedir que o bus sexa máis barato.Tómanse boas decisións pero con minúsculas, sen que sexan transformadoras.

- En que área atopa máis eivas?

-En Participación non podemos estar dous anos modificando un Regulamento de Participación Cidadá. O Goberno tardou un ano en constituír a comisión municipal e estanse creando procesos participativos que non teñen apoio nun regulamento, polo que se desaparece este goberno non se van manter. En Xustiza Social tamén fallan cousas vitais, porque os servizos sociais seguen centralizados nos tres lugares nos que os deixou o PP e non volveron aos centros cívicos de onde nunca deberan saír.

- Que opina da política do Goberno local sobre os terreos portuarios?

-O Goberno local tanto vota a favor de mocións que falan de negociar co Porto que doutras que esixen a devolución gratuíta dos terreos. Non está sendo absolutamente claro e está dende o primeiro día a pagar a unha Autoridade Portuaria que xestiona como xestiona os cartos.