O pasado 20 de abril recibín a confirmación oficial, de parte do presidente da Autoridade Portuaria, do que xa sabiamos na Coruña grazas aos medios de comunicación e dende varios días antes. Refírome á sinatura dun acordo entre o Ministerio de Fomento, Puertos del Estado, a Xunta e o ente portuario da cidade para definir e desenvolver cuestións fundamentais que condicionan o futuro do borde litoral da Coruña. Acordo, por certo, no que as partes poñen negro sobre branco algo que non deixa de preocuparnos: a aposta pola continuidade da operación urbanística deseñada nos convenios de 2004 e mesmo pola aceleración dos prazos e os procedementos para a desafectación dos peiraos de Batería, Calvo Sotelo e San Diego.

Sen prexuízo de recoñecer que o acordo responde parcialmente a algunhas das demandas expresadas polas mobilizacións populares e por sucesivos pronunciamentos da maioría plenaria na nosa Corporación, cousa que celebro e que cómpre agradecerlle ao exercicio de rebeldía democrática da nosa veciñanza, o certo, presidente, é que me sinto na obriga de manifestarte, como máximo representante da cidadanía coruñesa, a miña profunda decepción, tanto co fondo como coa forma. Lembra que na praza de María Pita nunca recibimos unha resposta oficial á proposta que en outubro do ano pasado lle fixemos a todas as administracións, incluída a Xunta, para a constitución dun consorcio público que impulsase e xestionase a transformación da nosa beira atlántica.

Entenderás que non se pode considerar axeitado que dúas administracións e dous organismos delas dependentes adopten acordos de semellante importancia para a cidade ocultándolle en todo momento a negociación ao Concello da Coruña, e mesmo sen ter a delicadeza de informalo previamente das intencións, máxime cando despois se pretende que a administración municipal se sume ao acordo nas condicións previamente pactadas na súa ausencia. E non só porque vaia ser necesario antes ou despois o seu concurso, como titular da competencia en materia urbanística, senón sinxelamente porque non se poden tomar decisións de tanta importancia e tan desacertadas para o futuro da cidade sen contar cos seus máis directos representantes.

Este sentir, como sabes, é maioritario na Corporación da Coruña e foi respaldado tamén de xeito explícito no Pleno da Deputación provincial e polas alcaldías de Oleiros, Sada, Cambre, Culleredo, Bergondo e Betanzos, sensibles ao destino dun patrimonio común que vai ter un papel clave no futuro da área metropolitana. Non só porque supoña un xesto de deslealdade institucional, senón porque agrava o déficit de transparencia que este asunto arrastra dende hai case unha década e media. Non esquezamos, presidente, que a fórmula escollida para dar consistencia administrativa ao acordo careceu e vai carecer do imprescindible proceso de exposición e participación públicas.

Cando digo que foi un acordo desacertado é porque, máis alá da evidente ausencia de decoro institucional, o certo é que o protocolo asinado non se encamiña na dirección correcta, na que o futuro do bordo litoral da Coruña e dos seus terreos portuarios esixe. En primeiro lugar, porque pretende manter a vixencia dos convenios de 2004, mesmo ameazando con responsabilidades ao Concello da Coruña no caso de modificar o planeamento urbanístico, cando o sentido común da cidade xa dixo hai tempo que aqueles pactos e o modelo de cidade ao que respondían deben ser revisados. E deben revisarse porque nin son realistas nin resolven as necesidades de financiamento orixinadas pola construción do porto exterior, e ademais someten un enclave moi sensible da cidade a unha presión urbanística excesiva e inasumible dende un entendemento razoable da planificación urbana. En segundo lugar, porque seguen sen poñerse enriba da mesa as verdadeiras solucións para a viabilidade de punta Langosteira, unha infraestrutura básica para o desenvolvemento económico da Coruña e de Galicia, así como para a seguridade marítima e das nosas costas, na que o Goberno de España debe comprometerse.

Sempre hai oportunidade de reconducir as cousas se hai vontade de facelo. A miña, neste caso, é absolutamente sincera. Gustaríame que abrísemos as canles para tentar chegar a un acordo que concilie os diversos intereses das administracións que estamos dun xeito ou doutro vinculadas ao desenvolvemento dos terreos portuarios da Coruña, e, sobre todo, da veciñanza da nosa cidade e a súa área metropolitana. As bases para este acordo deben pasar por unha negociación que recoñeza o liderado da cidade da Coruña e das súas institucións, que implique unha renegociación e revisión dos convenios de 2004, garantías para a titularidade e a xestión públicas na transformación do litoral e un instrumento compartido, un consorcio público no que participen todas as administracións que crean en nós, para materializar os desexos desta cidade para o seu futuro.

Podes estar seguro de que, se existe unha colaboración leal e sincera, o Concello da Coruña vai estar á altura, para deseñar os espazos públicos de calidade e os equipamentos sociais e culturais que Batería e Calvo Sotelo poden ofrecer á cidade, e para axudar a financialos, se é preciso; para impulsar un distrito do mar en San Diego, que sume á actividade portuaria outras vinculadas á economía azul e á innovación, que sexa referente dun modelo económico sostible e marítimo para o noso país; para deseñar un bordo litoral baixo os principios da calidade urbana, o compromiso medioambiental, a mobilidade sostible e unha saudable, leal e produtiva relación e integración entre o porto e a cidade. Para falar de todo isto e, particularmente, para que podamos fixar conxuntamente unha convocatoria da comisión de seguimento dos convenios de 2004, quedo á túa disposición para vérmonos canto antes, preferiblemente antes de que remate este mes de maio.

Houbo unha época na que a Presidencia da Xunta entendía e respectaba o que significaba A Coruña e as súas institucións para Galicia. Tes a oportunidade de amosarlle á nosa veciñanza que a confianza nesta cidade non é, para a Xunta, cousa do pasado, senón do presente e, o que é máis importante, do futuro.