- Co conflito en Comandancia, non parece o mellor dos escenarios para celebrar os tres anos de goberno. Nalgún momento valoraron deixar o centro como autoxestionado e sacrificar o investimento de Fomento?

-E que o proxecto é que Comandancia sexa autoxestionado. Foi o que se trasladou á xente da Insumisa, que habería un proxecto de autoxestión, onde eles tivesen un papel, pero recoñecendo a titularidade do ben por parte da administración. Imos seguir traballando niso, hai moita xente interesada, como se demostrou nas xornadas de traballo na Cidade Vella, onde foron convidados a participar e onde a resposta foi o boicot. Lamento o estado no que se produciu isto, non foron sensacións agradables as destes días.

- No código ético prometían "non neutralizar " a "actividade dos movementos sociais e cidadanía organizada". Non é contradictorio co camiño tomado?

-Non, en ningún caso concreto pódese extrapolar a todos os movementos sociais da cidade, nós estamos colaborando e intentando potenciar os movementos sociais. Como con Proxecto Cárcere e moitos máis exemplos. Gustaríanos ter atopado unha vía onde traballar con todo o mundo e non ter que chegar a onde chegamos pero tamén entendiamos que unha administración pública non pode facer deixación das súas funcións. En realidade estes son conflictos ou contradiccións que se dan cando un está a gobernar, cando un non está gobernando non ten que tomar decisións deste tipo nin asumir responsabilidades.

Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña, sobre o despexo de Comandancia

Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña, sobre o despexo de Comandancia

- Nas concentracións destes días, escoitouse o seu nome. Síntese responsable das cargas?

-Evidenmente non. O meu nome xa se escoitara moitas veces, viuse en fotos con dardos, foi berrado á saída do centro cívico con epítetos pouco cariñosos, todo isto antes da recuperación da Comandancia. Ten pouco que ver ou non é a única relación que hai entre o que pasou e esa inquina. Frente a min, frente a un determinado goberno. Creo que hai certas tradicións políticas, máis ben certas persoas, ás que lle custa relacionarse cun goberno que non quere confrontar, que quere colaborar. En todo caso, tamén comprendo a rabia, a min tampouco é unha escena que me gustase ver. Pero se entramos na Comandancia foi porque estaba baleira. Desde logo os policías municipais non tiñan ninguna orde de cargar contra os alí reunidos. De feito, estiveron moitas horas sen que houbese ningún incidente e ocorre cando hai un grupo de personas que intenta irrumpir pola forza. Levo moitos días preguntándome como se evita sen usar a forza que persoas entren pola forza nun edificio. Creo que é unha pregunta irresoluble.

- Pode ser un punto de non retorno con parte dos votantes?

-Agardo que non, agardo que non.

- Nas primarias de Marea de 2014 votaron 500 personas. Na última votación participaron 146 persoas, de 300 activas. Hai alarma pola desmobilización interna a un ano das eleccións?

-Non, creo que son momentos diferentes. Un é un momento electoral, de ebullición, cando se crea a Marea, un momento político diferente. Votar uns textos sobre os que había consenso... ese espírito é difícil. Por poñer un exemplo, pouco tempo despois o PSOE elixía a súa executivas e tiña máis ou menos os mesmos votos, nun contexto máis disputado. Preocupación sempre hai pero creo que o propio escenario electoral mobiliza máis á xente.

Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña, sobre a inclusión de Podemos nas listas

Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña, sobre a inclusión de Podemos nas listas

- Podemos, que en 2015 quedou fóra dos postos de saída, está a reclamar máis protagonismo. Chegará a un acordo previo con eles antes desas primarias?

-En 2015 Podemos tivo o peso que a xente que participou nas primarias quixo que tivese. Quero encabezar unha lista que sexa o máis inclusiva posible, que conte con todas as sensibilidades que están en Marea. Podemos e as outras.

- Estarán todos os concelleiros actuais nesa lista?

-Iso non sei, non sei nin se queren estar nin se non? é algo que aínda non comezamos a falar

- Dan por seguro que, cun marcador similar a 2015, habería coalición cos socialistas?

-Non o sei, non depende só de un pero creo que sería bo buscar a estabilidade. A principal dificultade que tivemos nestes tres anos é a inestabilidade plenaria, a imposibilidade de saber que se nos iamos atopar no pleno, os vaivéns, as negativas inxustificadas a proxectos e o follón, estar en permanente polémica. Consumiunos moitísima enerxía e impediu sacar cousas adiante, porque moitas veces tanto o PP como o PSOE foron o non polo non. É certo que co PSOE hai momentos de mellor entendemento pero aínda así é moi difícil. O que aspiro é a lograr un resultado electoral que permita ter un goberno estable durante catro anos.

- Coa dificultade de relación co PSOE nestes anos, que ten que mudar en 2019 para un pacto?

-Evidentemente tería que darse outro clima diferente que o que tivemos. Pasaron catro anos, non sei que persoas van estar no PSOE. Eu escoito á nova secretaria xeral que fala de entenderse todo o tempo? creo que ese é o camiño correcto.

Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña, sobre a coalición co PSOE

Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña, sobre a coalición co PSOE

- Un tema bloqueado por esa falta de entendemento foi a área metropolitana, hai tempo a concretar ante das eleccións?

-O que decidimos foi traballar no asunto do transporte, que podía ter aceptación máis ampla. Para o PSOE é algo no que podían apostar. Poderían apostar tamén pola área metropolitana pero para eles é unha cuestión de cálculo electoral. E o mesmo o PP. Se PP e PSOE en Vigo entenderon que era positiva a área, non explicaron por que non o é para A Coruña. Neste momento traballamos en avanzar na autoridade única de transporte e esta semana presentamos a alegación ao Plan de Transporte de Galicia para que a contemple. Lamentablemente da Xunta só escoitamos o non a todo o que veña da Coruña. Ao mesmo tempo todos os concellos da mesa de alcaldes comprometémonos en seguir avanzando. Se vai dar tempo ou non de ter un borrador de proxecto de lei que remitir ao Parlamento de Galicia, verémolo.

- En mobilidade suman varios asuntos prometidos pendentes, como o carril bus e a renovación do mapa de liñas. Farano antes de rematar o mandato?

-Estamos ultimando o mapa de liñas a nivel técnico e vaise comezar a falar con operadores e axentes sociais. Hai consitituida unha mesa para o proceso de negociación e ter un mapa co feto co consenso de Concello e veciños.

- E o carril bus?

-Vai depender do mapa. Unha vez definido, veremos onde. Vai volver porque é unha cuestión de sentido común e de eficiencia do transporte pero as cousas hai que facelas con coidado. Seguramente sexamos a única cidade de España na que se retirou un carril bus que xa existía. Sabemos que é un tema sensible e as cousas hai que facelas con coidado para que non volvan atrás, xa temos experiencia, a utilización non adecuada electoralmente do carril bus puxo en cuestión o propio instrumento.

Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña, sobre os cambios nas liñas de bus

Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña, sobre os cambios nas liñas de bus

- A revisión da concesión de Tranvías, céntrase en negociar unha baixada de tarifas ou finalmente enviarán á Comisión Europea o contrato para que diga se foi ilegal nestes anos, como di a Comisión pola Competencia?

-Nós o que faremos é atender ese informe. Outra cousa é que busquemos un xeito concreto de facelo, se facelo unilateralmente ou facelo a través dunha negociación coa compañía. O que temos é que axustar o contrato ás novas reglas que marca a Unión Europea, esa era a nosa tese e iso fixemos cando declaramos caducada a concesión. Aí xa lle dixemos a Tranvías que había que falar. Pedimos ese informe para fortalecer a posición do Concello, para que non se nos acusase de movementos demagóxicos ou non axustados ao dereito.

- Xa comezaron a negociar?

-Nunca deixamos de falar con Tranvías, desde o principio mantivemos encontros periódicos, foron sabendo cal era a folla de ruta.

- Cambio de goberno en Madrid. Confían en que se abra a porta no tema dos peiraos?

-Evidementemente, se un atende a como foi o comportamento de Puertos del Estado en todos estes meses, de enredar e de estar negociando coa Xunta de costas ao Consello. Ábrese a posibilidade cun novo goberno de que, se un se atén á postura do PSOE no Parlamento de Galicia e mesmo no Congreso, poida haber un presidente de Puertos máis proclive a chegar a unha solución. Seguro que o que non vai facer o novo presidente é facer pinza coa Xunta frente ao Concello. Ábrese unha oportunidade, en moitísimos sentidos, para o municipalismo e para os concellos.

- Pero foi unha ministra socialista a que firmou un dos convenios de 2004. E o PSOE buscou no Concello unha postura propia.

-Puido haber unha postura máis moderada no Pleno pero o outro día no Parlamento de Galicia defenderon a devolución gratuita. A postura do PSOE non é unívoca pero, en todo caso, sí o é na vontade de actualizar, de renegociar eses convenios e de adoptar unha solución na que a cidade sexa protagonista e que non se intente facer nada ás súas costas.

- Pasado un mes do foro sobre o litoral, está listo o proxecto do Concello para os peiraos?

-O equipo de traballo está pechando o documento de conclusións e poderemos presentalo nos próximos días. A partir de aí, acabar de definir a proposta de usos na que tamén estivemos traballando e poder ter documento serios e formados sobre os que sentarse a falar.

- Se este traballo estivese definido antes por parte do Concello, teríase evitado o paso dado pola Xunta e Puertos?

-Eu creo que non, non había ninguna vontade de negociar. Nós presentamos un documento sobre o que sentarse, un protocolo que lle trasladamos a portos en outubro. Que estabamos preparados para trasladalo en febreiro pero non sei se nos lembramos que, desde febreiro ata setembro, o presidente de Puertos del Estado estivo sistemáticamente retrasando as reunións con excusas de diverso tipo, que se a axenda, que se a estiba, que se as vacacións? estaba intentando gañar tempo, para algo que estaba facendo de costas á Coruña.

- E a consulta popular? A moción é de marzo de 2017.

-Creo que unha vez que teñamos definido ese documento final do foro máis un plan de usos que se poida someter a consulta, será o momento. Hai que definir ben que e o que se pregunta, en que momento se pregunta, e tamén en que circunstancias de negociación ou non con outras administracións.

- Que outras cousas porán enriba da mesa de Pedro Sánchez?

-Os alcaldes da comarca levamos moito pedindo unha entrevista co ministro de Fomento. Hai infraestruturas pendentes, como o Vial 18 e Alfonso Molina. Xa que se comparte o modelo de Alfonso Molina co PSOE, é a oportunidade de que un novo ministro atenda con celeridade eses problemas. En xeral, tamén con darlle pulo aos concellos. Estabamos dacordo en reformar a lei de réxime local, a lei de facendas locais, en acabar con limitacións absurdas como a taxa de reposición, o teito de gasto...

- Tras negar de inicio que houbese irregularidades, analizaron o expediente e iniciaron un proceso de revisión de oficio da compra de vivendas para aluguer social. Como vai ser a proposta que enviarán ao Consultivo?

-Estase afinando. O que dixemos era que non se detectaban irregularidades invalidantes e despois apareceu unha cuestión, que era o tema da altura e a imposiblidade de convertir o que era legalmente un local comercial nunha vivenda. Curiosamente no piso do lado, cando o PP estaba no goberno, non houbo problema para facer ese cambio. Descúbrese nas comprobacións posteriores. Os propios técnicos din non houbo ningunha inxerencia política, non houbo nunca un expediente sometido a tal nivel de revisión tanto polos grupos como polos técnicos. E nós non temos nada que ocultar. Que despois o Pleno cre que hai que enviar a revisión máis? Pois engadirémolo despois das alegacións. Non temos interese en ocultar nada nin en seguir ata o final se o Consello valida o que di a Asesoría Xurídica ou o que din resto dos grupos municipais.

- O programa foi presentado como un plan estrela, poderán facer sen el un balance positivo das súas políticas de vivenda?

-É unha política novidosa que non tivo todo o alcance que nos gustaría na súa primeira edición. É difícil cando se ofertan precios por debaixo do mercado. E iso hai que dicilo porque parece que houbo alguén que fixo un grande negocio. Curiosamente despois da polémica houbo moita xente que se interesou no programa, así que é posible que nunha segunda edición teñamos máis posibilidades. A intención é aumentar o parque de vivenda municipal, que cando unha persoa chegue ao Concello cunha situación grave, poidamos dicirlle que vai ter onde durmir. Dado o exiguo do parque actual, non o podemos facer. É cubrir unha necesidade real, non estamos acaparando pisos nin sendo un promotor. Hai que facer política de vivenda creando unha bolsa de aluguer que nin PSOE nin PP apoiaron en Emvsa. É unha pena porque se critica que non hai política de vivenda pero cando se fan plans rexéitanse ou dinse cousas como que non temos competencias.

- Ademais de Comandancia, hai outra serie de espazos municipais co futuro por concretar. Por exemplo, en xaneiro de 2016 anunciaron que ían arranxar o antigo Padre Rubinos para entidades sociais, que pasou?

-Padre Rubinos aínda pertence a Padre Rubinos. Estivemos vendo se había posibilidade pero é un proxecto cun financiamento complicado, que pode ir por riba dos dez millóns de euros nun edificio que non é municipal. Non queda desbotada de todo esa idea pero estamos tentando dar unha solución parcial ás entidades. Algún día si deberiamos asumir o proxecto pero cando haxa un marco de financiamento claro.

- Non se resolveu o conflito xudicial con Interior polo cárcere, hai novidades ?

-Non, segue no Supremo e no momento en que falle, saberemos que pasará co edificio, se volveremos ser titulares do edificio ou haberá que pagar o que estipula o convenio que firmou o convenio do Goberno local co SIEP [2005].

- Pódese seguir coa reforma?

-Xurídicamente, ao ser unha cesión temporal, o diñeiro que se pode invertir é limitado. O edificio está en peores condicións do que se pensaba. Imos seguir intervindo. A próxima intervención terá que ver con parar o deterioro, cambiar as cubertas, que non siga entrando humidade. E a partir de aí ten que ser un proxecto que vaia pouco a pouco, no que se vaia gañando espazo, a medida tamén que poidamos ir aumentando a actividade. Neste momento estará Proxecto Cárcere, pero nun futuro terá máis usos.

Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña, sobre a reforma do cárcere

Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña, sobre a reforma do cárcere

- Cal poderá ser a súa carta de presentación para as eleccións, xa non como unha forza nova, senón como forza de goberno?

-Temos un nivel de cumplimento de programa altísimo, do que hai que estar orgullosos. Desde a renda social, a ampliación da cobertura social, a rebaixa substancial nas cotas das escolas infantís. A cobertura da dependencia, os programas para as personas sen fogar, a igualdade. A cidade tiña rúas dedicadas a persoas do réxime. A Coruña é un referente de políticas culturais, co mellor festival urbano de España. E podemos falar de turismo, con récord pero sen problemas. Cuestións que levaban enquistadas anos, como a peonalización da Cidade Vella. Imos ter un montón de carriles bicis, non só para usar como un elemento recreativo. Vemos as obras grandes como a de Riazor e todas esas rúas que se están facendo máis humanas. Estánse vendo desafíos de cidade, se este goberno non estivese aquí, o debate dos peiraos non existiría. E, por primeira vez, hai unha relación fluida entre os concellos da área metropolitana.