O pasado 1 de xuño mudou, tras unha moción de censura, o Goberno do Estado. A demoledora sentenza da Gürtel precipitou en moi poucos días unha situación que para boa parte da sociedade española resultaba xa intolerable. Rajoy deixa unha herdanza terrible: recortes no gasto social, deterioro da educación e a sanidade públicas, falta de compromiso na loita contra as violencias machistas, desprezo polas pensións das nosas persoas maiores e gravísimos retrocesos nas liberdades cívicas, algo que a miña xeración non vivira nunca. Rajoy perdeu a confianza do Congreso dos Deputados fronte a unha nova maioría de forzas políticas diversas, pero xa perdera antes a dos xuíces e a de millóns de persoas nas rúas.

Rajoy, francamente, tampouco confiaba na Coruña. Agás honrosas excepcións, como a da exministra Ana Pastor, a quen lle teño agradecido en reiteradas ocasións a súa disposición ao diálogo -aínda que fose para discrepar-, as portas dos seus ministerios estiveron pechadas para esta cidade durante os últimos anos. A deslealdade institucional do ministro de Fomento saínte é abondo coñecida na cidade e na súa área metropolitana: estivo na Coruña para asinar coa Xunta e o Porto un acordo que compromete o futuro de 450.000 metros cadrados da nosa fronte litoral, pero nunca visitou nin atendeu unha soa chamada de María Pita.

Como dixo un ex alto cargo do Estado a xeito de despedida, xa non ten sentido matinar no que se debía ter feito e non se fixo. É hora de mirar cara adiante e de abrir, coa mellor das disposicións por ambas partes, dende o recoñecemento mutuo e a vontade de cooperar, unha nova etapa nas relacións entre o Goberno central e a principal cidade de Galicia. É urxente recuperar o tempo perdido e restaurar a confianza retomando os principais retos da nosa área metropolitana con dilixencia e sentido do ben común. Está na man de Pedro Sánchez e do seu equipo, felizmente integrado por máis ministras que ministros, aproveitar a oportunidade.

O novo responsable de Fomento ten xa sobre a mesa o primeiro dos grandes desafíos da Coruña: a revisión dos convenios urbanísticos asinados en 2004 e o inicio dun diálogo leal entre todas as administracións, tanto estatais como locais e autonómicas, para impulsar un proxecto de futuro para os nosos peiraos interiores. Un novo horizonte litoral libre de especulación, que conte coa participación da veciñanza, que se comprometa coa xeración de riqueza e emprego, co mantemento do sector pesqueiro e o estímulo da innovación, coa apertura de espazos libres e verdes e coa construción de equipamentos públicos.

Do mesmo xeito que o porto exterior de punta Langosteira necesita con urxencia unha conexión ferroviaria, a cidade e a súa área metropolitana agardan dende hai anos con crecente impaciencia a humanización de Alfonso Molina, un proxecto de enorme transcendencia sobre o que o Concello da Coruña, aínda que pareza incrible, carece a día de hoxe de información directa por parte do Ministerio de Fomento: nin prazos, nin previsións, nin resposta ás alegacións presentadas hai varios meses. A avenida súmase a outras demandas históricas en materia de infraestruturas que seguen pendentes, como a ampliación e as melloras que esixe o crecemento do aeroporto de Alvedro, as conexións da terceira rolda e da Vía Ártabra coa AP-9 ou a eliminación da discriminatoria peaxe de Arteixo. Peticións de consenso, esixidas e reiteradas dende A Coruña e dende os concellos veciños a través da Mesa de Alcaldes e Alcaldesa da Área Metropolitana. Un espazo no que tamén somos conscientes de que é necesario, dunha vez por todas, que o Ministerio de Medio Ambiente aborde a tantas veces prometida rexeneración da ría do Burgo e o seu curso fluvial, converténdoo no principal corredor ecolóxico da comarca.

O relevo no Ministerio de Defensa abre tamén unha oportunidade no Campo da Estrada e na Maestranza, á beira da antiga Comandancia de Obras, onde xa comezaron os traballos de rehabilitación que permitirán dentro dun ano e medio poñer a andar un novo equipamento público, as Naves do Metrosidero. Os terreos do ministerio na zona, agora mesmo en venda, poderían manter a súa titularidade pública e poñerse ao servizo dun proxecto máis útil para a cidade e para un barrio, a Cidade Vella, que comeza unha etapa ilusionante o vindeiro 25 de xuño coa súa peonalización e a activación dun plan de mellora integral que estamos a desenvolver man a man coas entidades e axentes sociais da contorna.

Confío en que o presidente Pedro Sánchez saiba traducir o apoio recibido no Congreso na prioridade que estes e outros asuntos da Coruña merecen e que, lamentablemente, non recibiron por parte do seu antecesor na Moncloa. E que se abra tamén unha etapa prometedora para as cidades, tanto en Galicia, onde son esenciais para a construción dun proxecto de futuro, como no conxunto do estado. Os concellos son as institucións máis próximas á cidadanía, a primeira liña de defensa da democracia e dos dereitos e as necesidades básicas da xente. Necesitan ferramentas, non atrancos. Confianza, non tutelas. E por iso agardo, tamén, que se repare o dano causado cos recortes en materias tan sensibles como as axudas á dependencia ou as pensións e se derroguen canto antes as leis que, ao abeiro da vergonzosa reforma do artigo 135 da Constitución, están a servir para vulnerar a autonomía local e restrinxir a capacidade das cidades para dispoñer libremente dos seus aforros, para librarse da tiranía da débeda e investir nas persoas, para rescatar servizos privatizados e contratar persoal, xerando emprego público e calidade na atención cidadá.

É hora de recuperar o tempo perdido. Na Coruña, dende logo, temos vontade.