"Eu non teño facilidade de palabra para discursear, pero se me preguntan...", dicía onte Elvira Varela Bao antes de comezar a conversa na que participou na Agrupación Alexandre Bóveda sobre os seus pais, os históricos galeguistas Elvira Bao e Bernardino Varela. Malia ter xa 92 anos, conserva intacta a memoria dun tempo máxico no que a vivenda familiar na avenida de Rubine era un fervedoiro de actividade cultural e política. "Lémbrome de Castelao, Bóveda e todos os que pasaban pola casa dos meus pais, que eran como irmáns para eles", comentou sobre as persoeiros daqueles anos que frecuentaban a vivenda familiar.

Elvira só tiña dez anos cando comezou a Guerra Civil, aínda que lembra con todo tipo de detalles a traxedia que supuxo para a súa familia, xa que os seus pais foron prendidos e levados ao cárcere. "Miña nai estivo tres días e tres noites na inspección de garda, onde acusárona de cometer delictos, polo que dixo que indagaran sobre a súa vida no Sanatorio de Oza, onde levaba traballando de mestra dezaoito anos", explicou. Tamén destacou que a mala calidade do rancho da cadea fixo que os seus amigos lles mandaran a comida e a cea cada día, e que un día fixeron "un buraquiño nun bolo de pan e meteron un papeliño cunha mensaxe".

E o resultado da investigación no Sanatorio de Oza non tivo boas consecuencias para Elvira Bao, xa que a súa preocupación polos alumnos fixo que se enfrontara ao resto dos profesores cando esixiu e logrou que comeran o mesmo que os rapaces para que mellorase a calidade dos alimentos que lles proporcionaban. Finalmente foi represaliada coa perda do emprego de mestra, mentres que seu home tivo que deixar as clases de Naútica que daba desde que deixara de exercer como capitán da mariña mercante por razóns de saúde.

"Puidemos vivir dos aforros porque tiñan traballado os dous", lembra a súa filla, coa que se mudaron á casa dos avós en San Roque de Afora, un lugar que entón estaba cheo de cortellos, polo que recorda que "non se podían abrir as ventás". Anos despois, ela montou unha escola privada na súa casa e él levou a contabilidade dunha empresa ata a súa temperá morte no 1944.

"Gústame que os recorden porque fixeron algo bo", afirma Elvira sobre os seus pais, polo que mostra agradecemento porque o Concello lle dera o nome da súa nai a unha praza da Cubela e que a Deputación o fixera coa residencia universitaria. Ela tamén foi nomeada republicana de honra no 2013, aínda que pensa: "Eu non teño mérito ningún, o mérito que teño e ser filla de que son".