Dunha noite de copas entre un director teatral e a xente do circo é difícil que non saia un espectáculo. As ideas voan, cada un aporta do seu e, se se engade á fórmula a pluma de Xosé Luís Méndez Ferrín, o resultado adquire a dimensión dun calidoscopio de dramaturxia, literatura e saltos acrobáticos. Iso, precisamente, foi o que aconteceu na velada na que se xestou Arnoia Arnoia: O Circo da Casa Pequena. O espectáculo, realizado entre os artistas de Pistacatro Productora de Soños e Quico Cadaval como director, converte o imaxinario do autor ourensán nun programa cheo de números aéreos e malabares, que chegarán hoxe ao teatro Colón ás 19.00 horas.

A fantasía que envolve o universo de Méndez Ferrín foi presa fácil para as artes circenses, que se entrelazaron co texto do escritor grazas a Cadaval. O dramaturgo coruñés, que construíu a peza en base á novela Arnoia, Arnoia, foi quen fixo "chocar os dous mundos" coa súa proposta, na que "artistas de circo extraordinarios" únense ao "maior autor vivo que temos" para narrar dun novo xeito as peripecias do viaxe de Nmonadah. "É a historia dunha rapariga que perde aos seus seres queridos nunha guerra. Está chea de fantasía, pero tamén é moi actual", conta o director en referencia ao conflito bélico, que obriga á protagonista a "buscarse á vida saltando de mundo en mundo".

As aventuras que vive en cada un tradúcense na peza de Cadaval á linguaxe circense, integrando malabares, equilibrios sobre corda e acrobacias aéreas. Os números acompañan xunto á música galega, soul e barroca á Nmonadah, que torna nesta versión o seu xénero ao feminino da man da bailarina Ánxela Blanco. "Nesta ocasión é unha rapaza. Tiñamos a Odisea de Ulises, pero facía falta unha odisea feminina", explica o coruñés, que asegura que contou na súa muda co consentimento do autor.

Sumarlle á obra o entramado do circo tampouco supuxo unha "transgresión" para Méndez Ferrín, "moi vinculado" ao mundo da carpa desde neno por mor do seu parentesco co Circo Feijoo. As metáforas vitais do seu texto, no que retrata o paso da infancia á vida adulta, materialízase ademais grazas a estas acrobacias circenses, que provocan que "todo se separe do chan". "É moi poético, porque nalgún momento voan, e noutros están baixo terra. É un pouco como nos sentimos nós. Ás veces non levantamos cabeza e outras crémonos os reis do mundo", di Cadaval, que valeuse na súa peza de outros elementos do imaxinario do escritor, como o protagonista de Percival e outras historias.

Con Arnoia Arnoia: O Circo da Casa Pequena, o director agarda facer máis sinxela á entrada do público a este universo de Ferrín, ao que se lle ten "medo porque é un autor complicado". Para Cadaval, o espectáculo supón "unha oportunidade" para que todos os espectadores, e especialmente os adolescentes, se atopen con esta peculiar viaxe, na que, entre piratas e paseos polo deserto, cólase a aventura máis vertixinosa de todas: a de facerse maior.