Vinte anos van xa desde que Susana Seivane se botara, gaita en man, a percorrer os escenarios de medio mundo. Fíxoo con temas tradicionais, aos que lle gustou sempre vestir con cores contemporáneas, e tamén con composicións propias, como as que enchen de intimidade o seu último disco, Fa. A gaiteira presentaba o álbum hai uns meses na Coruña, á que volverá este xoves cun concerto que promete ser inesquecible. Ás 21.00 horas no Garufa Club, xusto o día no que se cumpren dúas décadas do seu primeiro traballo homónimo, a intérprete botará a vista atrás para repasar todo o seu percorrido, e agradecer con grandes clásicos e temas inéditos a calor recibida ate o de agora polo público.

- Dicía cando presentaba Mares de tempo que a música é camiño. O seu tornouse ben longo.

-A verdade é que si. Cando gravábamos o primeiros disco, lembro que había moitas emocións embutidas, porque era o meu primeiro paso para dedicarme a isto profesionalmente. Fixémolo con todo o agarimo do mundo, pero tampouco nos imaxinamos que ía acontecer todo o que pasou 20 anos despois. Axiña aquel disco chegou a mans do director dunha revista que era como a biblia das músicas do mundo, e fun a primeira artista española en aparecer na súa portada. A partir de alí, abríronseme moitos camiños.

-Daquela tiña apenas 22 anos. Tempo quizais de cometer erros e non de enfrontarse ao éxito das masas como fixo?

-Si. Eu tiña moita vertixe a dar ese paso. Tocando con outras formacións nas que era unha máis estaba moi cómoda, pero o outro supoñía algo moi importante. Rodrigo [Romaní], a miña familia e a xente de Milladoiro foron os que máis me animaron a que gravara algo sola. Digamos que me empurraron entre todos, porque se non eu pode que non tivese decidido tomar este camiño pola responsabilidade que supoñía. Xa con 22 anos tiña esas miras de, xa de facer algo, que fora ben feito.

-Aprendeu moito a Susana Seivane de agora, en comparación coa de entón?

-Imaxínate, 20 anos dan para aprender moitas cousas [risas]. Eu o que si noto é que fun gañando moita máis tranquilidade que nos inicios. Das equivocacións aprendes moito, e das cousas boas tamén. 20 anos deron para moitas historias, unhas bonitas e outras máis feas.

-Dicía Cristina Pato que en 1999 as discográficas buscaban gaiteiros. Saíu á pista no momento indicado?

-Eu creo que as discográficas o que buscaban era gaiteiras. E non o creo, seino seguro, porque había unha cando estabamos gravando o primeiro disco que estaba moi pesada con que fichara por eles. Estabamos interesados en firmar, pero dixémoslles que tiñan que agardar un pouco porque estabamos rematando de gravar o disco. Pero eles tiñan moita présa, tiña que ser xa, e chegou un momento no que a situación foi inaguantable.

-A que se debía tanta ansia?

-Dicían que tiñan que sacar a una muller que tocara a gaita. Non había móbiles, e había un representante da compañía que chamaba como catro veces ao día á miña casa. As miñas negativas, que non eran tal, fixeron que se enfadara moito e entón fichou a Cristina Pato, porque estaban empeñados en atopar a unha muller entre todos os homes que había. Eu creo que, naquela década dos 90, no que houbera aquel gran boom, había moita xente interesada en que saíra unha muller gaiteira.

-Ese interese mantívose no tempo?

-Eu creo que non. No meu caso, síntome privilexiada porque, desde entón, tiven traballo sempre. Pero aquel boom foi algo extraordinario. Xa se dera algún outro nos anos 70 con xente como Milladoiro, pero nos 90 foi un momento no que todas as discográficas potentes do momento atoparon en Galicia un auténtico filón de músicos cunha boísima calidade. Con iso non quero dicir que a nosa música sexa unha moda, porque leva pervivindo moitísimos anos, pero ese boom de interesarse polo que estamos a facer si que foi esvaecendo.

-Unha cousa que chama a atención, se se mira en perspectiva todo ese período, é a súa evolución compositiva. Naquel álbum debut só firma unha canción, mentres que en Fa , o último, é a autora de practicamente todos os temas.

-O que acontece é que eu nunca me considerei compositora. De feito, comecei a compoñer moi pequena, creo que fixen a miña primeira composición aos seis anos. Compoñía moito ao piano, pero na gaita nunca se me dera.

-Por que?

-O meu repertorio era outro, máis tradicional. Naquel primeiro disco firmei só Sabeliña, dedicada a unha das miñas mellores amigas, pero co transcorrer dos anos é como se me fose animando. Sempre digo que, cando me quedei embarazada do meu primeiro fillo, Fiz, entrei nun momento de inspiración que nunca tivera antes. Estaba a vivir tantas cousas a nivel físico e psicolóxico, que precisaba sacar todo iso e plasmalo con música en Fa.

-Di que os seus non foron embarazos moi idílicos, pero saiulle un disco que semella o contrario.

-[Risas] Si. Do disco a verdade é que estou moi contenta, porque tivo moita aceptación de público e crítica. Quedoume redondo porque foi feito coa verdade por diante, íspome totalmente nese traballo.

-Séguenlle inspirando os seus fillos novas composicións, agora que xa pechou o disco?

-Aínda seguen, si. Teño xa varias composicións para o próximo traballo. Eu penso que os meus nenos estanme a dar as cancións. Todo o que sinto por eles, e todo o que me fan sentir, exprésoo antes con música que con palabras.