Unha vez máis fálase da ría do Burgo en Europa, pero non cambia nada, cómpre seguir agardando a que chegue unha solución desde Europa?

Si, marchamos cunha sensación que, por un lado é triste, e, polo outro, alegre. É reconfortante ver a todos os compañeiros poñendo en común demandas moi similares ás que temos na ría do Burgo, como o saneamento, a mellora dos cauces dos ríos, a recuperación de entornos degradados... Aínda que tamén é triste comprobar que hai situacións similares en tantos sitios. A boa sensación é ver a acollida de altos funcionarios da Comisión Europea ás nosas demandas, o asombro que tiñan ao saber que era unha cuestión tan xeralizada e que vexan que hai numerosos colectivos mobilizándose en varios puntos do territorio galego. Quedamos con que nos deron azos, con que nos pediron que non nos rindamos, que non esmorezamos, aínda que sexa para impacientarse e para perder a esperanza. Aseguráronnos que este é o camiño, mobilizarse e utilizar todos os recursos políticos, como estamos a facer desde o BNG, desde o nivel local ata o europeo, para que se aplique a directiva marco da auga e toda a lexislación derivada, para que o saneamento dos ríos e das rías sexa unha realidade.

Falaba na súa exposición sobre a necesidade de que no Burgo se cumpra estritamente a normativa europea.

Porque vemos que non se está a aplicar e as directivas fanse para cumplilas. As autoridades non se están a preocupar tanto polo saneamento como por falar dos fondos. Está ben que falen de como van conseguir os cartos para executar as políticas pero vemos que as administracións, tanto locais como estatais e galegas, se preocupan máis por executar medidas como a canalización dun río por motivos urbanísticos, que por devolver a un río terreos que se lle roubaron, ou en facer minicentrais para a produción eléctrica, é decir, que dan máis importancia a fins que son alleos á recuperación do medio ambiente. No caso da ría do Burgo, cómpre evitar que os lodos deixen de medrar a razón dun centímetro por ano. Non é só que teñamos que retirar os 75 centímetros de media aos que chegan os fangos na ría senón que temos que conseguir que deixen de medrar. Se non o logramos, o dragado será pan para hoxe e fame para mañá.

Confían aínda en que se poida ter a ría limpa no ano 2021, como anunciou o Goberno en xaneiro, agora que saben que os fondos europeos da depuradora de Santiago xa están reasignados a outros proxectos e que España aínda non solicitou á Comisión Europea que aprobe cofinanciar o dragado?

Aquilo foi unha farsa. Antes do Nadal, dicíase que ía vir un ministro reunirse cos alcaldes da Coruña. En xaneiro, porén, degradando a importancia da cuestión, vén o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, para dicir que xa teñen o 50% do financiamento e que a outra metade a van conseguir desviando a partida europea da construción da depuradora de Santiago. Non había máis que botar contas para saber que aquilo era unha entelequia. Quixémonos aferrar a esa esperanza, pero só fixo falta que Ana Miranda presentase unha consulta á Comisión Europea para saber que todo o que nos dixeron non era certo.