O presidente da asociación veciñal Agra do Orzán, Ricardo Seixo, dará o relevo na entidade a unha executiva composta só por mulleres. Defende que é un paso consecuente co traballo que estaban a facer, no que o empoderamento feminino está sempre presente.

Deixa a presidencia da asociación logo de catro anos e toma o relevo unha directiva integrada só por mulleres, por que?

Déixoa encantado, penso que se fixo unha xunta directiva moi boa, integrada por quince mulleres. É unha forma de facer efectivo algo do que falamos habitualmente, que as mulleres teñen que estar tamén nos cargos de toma de decisións. Nós dixémoslles ás mulleres: 'Mirade, vai haber eleccións, por que non dades o paso de presentarvos vós? Nós imos estar aí, igual, apoiando, traballando e colaborando como estivemos até o de agora'. Animáronse, fixeron unha candidatura e estou encantado.

E elas, como tomaron a proposta, xa o tiñan pensado?

Eu levei unha sorpresa moi agradable porque cando xurdiu a idea, hai ano e pico, eu comecei a traballala e a falar con elas. Tiña en mente a un grupo de mulleres que son habituais da asociación, que colaboran e veñen facer cousas, pero non agardaba que a resposta fose a que foi. Cando ía falando con elas todas me dicían que estaban dispostas a formar parte da directiva. Unha das nosas arelas nestes catro anos era colectivizar a asociación e que a xente se implicase, que participase, facer grupos de traballo abertos. De todas as mulleres coas que contactei, só dúas me dixeron que non, unha delas porque neste momento, por motivos persoais, non podía participar, pero que se ofrecía para máis adiante, se a súa situación cambiaba. A resposta foi extraordinaria, por iso creo que o seu traballo tamén o será.

Seguirá na asociación?

Si, este cambio na directiva leva aparellado tamén un programa de traballo con eixos nos que estarán integradas as mulleres da directiva, pero tamén calquera veciño que queira participar. Haberá grupos de traballo que serán autónomos, o obxectivo será chegar a canta máis xente, mellor, así que, eu vou estar aí como colaborador.

Nestes catro anos como presidente e nos outros tantos anos que estivo na anterior xunta directiva, que foi o que máis lle agradou, qué o que máis orgullo lle dá ter feito?

Un dos noso obxectivos era sacar do soto a asociación veciñal, que a veciñanza soubese que había unha entidade que estaba a facer un lote de actividades, tanto culturais como de reivindicar cousas para o barrio e que era unha asociación aberta. A entidade non é de ninguén. O máis importante foi incorporar novas actividades que están a funcionar francamente ben e sumar a moita xente. Na directiva eramos doce, pero traballando a prol da asociación eramos trinta.

Cales son os proxectos que quedan aínda por cumprir nesta nova etapa?

A nosa grande eiva é non ter conseguido que o parque da Agra estea en marcha. Sabía que non estaría feito en catro anos, pero pensaba que estariamos traballando para ter en breve o parque. Non foi por nós, que estivemos enriba do proxecto desde o primeiro día co novo Goberno municipal, pero non foi posible e esta é a gran decepción como presidente e como veciño coa Marea Atlántica, xa que se comprometeran a que o parque da Agra ía ser prioritario e non o foi. Na parte cultural, porén, teño que aplaudir ao Goberno municipal porque sempre se mostrou receptivo ás nosas actividades e sempre apoiou as nosas iniciativas.

Quédalles tamén o pesar de sempre, de non ter recuperado o muíño da Agra ou xa o dan por perdido?

Nós igual aí temos algo de culpa, porque o Concello quería restaurar o muíño e poñelo no parque de Visma ou en Bens e nós negámonos sempre porque o que nós queremos é que ese muíño retorne á Agra, ao parque da Agra, cando se faga. Somos o único barrio da cidade que non ten zona verde e debemos ser dos poucos do mundo que, con máis de 20.000 habitantes, non ten ningunha zona verde. É unha débeda que o Concello ten con este barrio, sabemos que o custo é importante pero, igual e se gastan millóns en adecentar Riazor, que me parece estupendo, hai que facer un esforzo coa Agra, porque hai tantas persoas vivindo aquí diariamente, como as que van cada quince días ao estadio.