A elección de José Manuel Sande como senador por designación autonómica en representación de En Marea supuxo a ruptura definitiva dese grupo parlamentario na Cámara galega, xa que catro dos seus deputados „entre eles o portavoz, Luís Villares„ decidiron pasar ao grupo mixto ao non estar conformes coa proposta da maioría. O exconcelleiro de Marea Atlántica chama a reflexionar sobre o enfrontamento entre os dous sectores de En Marea e aposta por un traballo político de todos os que a integraron para facer esquecer o conflito e recompoñer a antiga unidade.

A súa decisión de non formar parte da candidatura municipal de Marea Atlántica facía pensar nun abandono da primeira liña política. Que lle moveu a aceptar ser senador?

A vida municipal é moi intensa e ten unha parte representativa enorme, e noso Goberno había varias áreas enormes e na de Cultura e Deportes tivemos moitas fins de semana con cinco e seis actos, polo que non había nin tregua nin transición entre unha semana e outra. Iso afecta á esfera persoal e de conciliación e, no momento que me fixeron a proposta do Senado, aínda que ten a compoñente do traballo presencial en Madrid, dá outras posibilidades horarias e de coordinación, e representa ademais outro tipo de reto, o que me fixo reconsiderar a decisión de deixar a primera liña da política.

Que pode supoñer para a cidade que un antigo concelleiro sexa agora senador?

Fronte a outros grupos políticos, que seguramente teñen unha concepción política diferente ou están máis sometidos ás estruturas centrais dos seus partidos, no caso de En Marea existe a posibilidade de visibilizar a Galicia e á Coruña en Madrid, o que é unha oportunidade histórica de reivindicación de creación de iniciativa política.

Sabe xa que asuntos serán prioritarios para o seu labor no Senado?

Ese é o traballo que comeza agora aproveitando os ritmos da Cámara Alta e a formación do novo Goberno, polo que o verán pode ser un momento de rearme e reflexión, aínda que as peripecias dos últimos días contribúen a centrarse no tema da miña elección como senador. Hai que ver os principais conflitos que teñen que ver con Galicia e con diferentes perspectivas, porque fronte a miña dedicación anterior a temas de cultura e deportes, agora terei un abano máis amplo e ademais haberá que ver como podo integrarme nas comisións do Senado, polo que é un pouco prematuro falar disto.

Fala das "peripecias" da súa elección, que semellan ser a pinga que rebordou o vaso de En Marea.

Si, pero eu en ningún momento percibín que fora algo persoal, senón que foi conxuntural, unha sucesión de feitos por diferenzas políticas que foron máis aló de debate. A nosa candidatura xurdiu como unha proposta de consenso, xustamente por estar fóra de dinámicas partidistas, xa que cada un dos partidos de En Marea, en vez de escoller a alguén do seu partido, decidiu escoller a alguén que non pertencía a ningún deses partidos porque se pensou que é un momento de unidade e de ser xeneroso e plural. A iso hai que engadir que a miña traxectoria é unha metáfora de Marea Atlántica, que non está vencellada a ningunha forza política concreta e na que eu teño que ver coa parte máis activista, polo que creo que por iso se pensou en min para esa candidatura. Pero parece que nese momento as diferenzas eran xa importantes e produciuse esa ruptura, na que creo que esta elección non foi o detonante único. Creo que será algo que se esquecerá coa acción e o traballo, xa que con eleccións autonómicas dentro dun ano convén traballar nun camiño no que as forzas de progreso podan gobernar na Xunta.

Vai ser prexudicial para o futuro electoral de En Marea se rache en dúas partes xusto antes das autonómicas?

Seguramente a imaxe si que se verá afectada nestes días, pero hai que traballar e ter outro tipo de dinámica de creación de iniciativa política que permita ir esquecendo iso. É un feito xa innegable, pero é necesario que se vexa que as propostas que veñan do espectro político do cambio poden conducir a un camiño esperanzador e solvente para a cidadanía e que o Partido Popular perda a Xunta de Galicia.

Pensa que aínda hai marxe para que En Marea se recompoña, aínda que sexa con outro nome?

Entendo que na situación actual non estamos en condicións precisamente de dicir iso.

É irreversible?

Non sei se é irreversible, pero decidiuse que cada un se concentre no seu espazo, as súas posibilidades e a súa capacidade de traballo. Iso é importante para esquecer todo isto, xa que non debemos olvidar que estes días outros partidos tamén tiveron tensións, máis ou menos reflectidas entre bastidores, pero creo que é importante que non exista esa vontade de visibilización ou de publicitar as cousas e que todo se debata dun xeito civilizado. E, se non hai outro camiño, convén rearmarse cada un coas súas conviccións e propostas, pero a situación confrontación non debe existir. Cara a este ano que vén todo o espazo político ten que reflexionar, porque hai un certo triunfalismo nalgunhas forzas e noutras unha percepción de declive, pero tal como foi a situación nestes últimos anos, hai bastantes incertezas, polo que existe a posibilidade de que os grupos se recompoñan ou teñan outra forza. E ao revés, ninguén pode confiarse xa, creo que esa pode ser a lección política destes últimos anos.

Pero se moitos atribuén á división interna de En Marea a súa caída nas últimas eleccións, que consecuencias pode ter agora a consumación da ruptura do seu grupo parlamentario autonómico?

As consecuencias hai que abordarlas de xeito construtivo. Se se decide que cada un siga o seu camiño, hai que pelexar nas mellores condicións dentro do espazo político pero para un fin común que faga esquecer estas loitas intestinas. As pelexas desta esquerda se subliman ou se enfatizan máis, pero o camiño é o traballo, de recomposición e autoanálise para estar en sintonía coas necesidades da cidadanía. O importante é estar nos órganos de poder, como poder ser neste caso o Senado ou no seu momento as chamadas alcaldías do cambio ou o goberno dalgunha comunidade autónoma. Seguramente o elector é máis esixente con esta esquerda e iso é algo que se debe ter en conta desde dentro, pero ao mesmo tempo o camiño debe ser seguir xerando espazos de confluencia e o achegamento á cidadanía.

O ata agora voceiro de En Marea, Luís Villares, bótalle a culpa da ruptura de En Marea a Podemos, no sentido de que intentaría controlar a súa acción política.

Tanto Podemos, como Anova e Esquerda Unida, que conformaban o sector crítico de En Marea na elección para a representación autonómica no Senado, tiveron a ben escoller persoas que non formaban parte dos seus grupos políticos. Creo que ese pode ser o camiño, a procura do respecto mutuo e a independencia. Algunhas análises políticas que se fan tenden a exacerbar o que está máis próximo por tratarse de situacións de conflito, pero temos que centrarnos na realidade ademais de analizar os nosos propios problemas porque a rivalidade política está noutro lado. Escenificar esas diferenzas está claro que non está sendo positivo para ninguén.