03 de noviembre de 2019
03.11.2019
Episodios da cultura científica

Alarma cidadá en 1767 polo olor do "perfecto amor"

Un licor con ese nome xerou na cidade da Coruña unha inquietude sanitaria mesturada con prexuízos misóxinos

02.11.2019 | 19:38
Etiqueta do licor Perfecto amor que se producía en Xátiva.

O domingo 22 de marzo do ano 1767 Bernardo Hervella, deputado de abastos (supervisor do subministro de víveres) do Concello coruñés, avanzou pola rúa Real da cidade e dirixiuse aos almacéns situados a carón da Aduana. Ese edificio, que ocupou o Goberno civil, actual Subdelegación do Goberno, era daquela o local das oficinas dos Correos Marítimos que, abertos en 1764 cunha ruta á Habana, inauguraran ese mesmo mes de marzo outra nova, a de Bos Aires e Montevideo.

Hervella recolleu dous frasquiños do licor chamado "perfecto amor" para comprobar se eran verdade certas queixas sobre esa substancia. Levounos á súa casa para inspeccionalos, alí abriu un e describiu o contido como "hediondo, en términos que desazona y disgusta el paladar". Coidada que contiña "almizcle, o otra cosa perjudicial". Esa apreciación levoulle ao día seguinte a comunicar ao alcalde o feito, pedindo que o licor requisado fose examinado polos expertos do Concello. Ese escrito foi o punto de partida do expediente que se abriu, conservado entre os fondos do Arquivo Municipal da Coruña, e que amablemente a directora do mesmo, Mariola Suárez, puxo nas miñas mans.

O avogado Hervella

O promotor do expediente, Bernardo Hervella de Puga, foi un destacado xurista na Galicia do século XVIII. Nado en 1735 en Manzaneda de Trives e morto en Betanzos (1807), exerceu como avogado do colexio da Coruña, ocupando o cargos de "fiscal de Penas na Cámara de SM", relator da Real Audiencia de Galicia e membro do Consulado Marítimo galego localizado na cidade herculina. Salientou como autor dun libro, Derecho práctico y estilo de la Real Audiencia del Reino de Galicia, que publicou en Santiago en 1768, ao ano seguinte do asunto que tratamos neste episodio. Un texto utilizado de modelo polos avogados que exercían en Galicia e que obtivo un importante éxito, polo que en 1844 se publicaría unha segunda edición con formato e paxinación diferentes.

O sedutor almizcle

Hervella apuntou como probable causante do "hediondo olor" do licor ao almizcle, unha substancia graxa que destaca polo seu intenso efecto olfactivo, identificado tradicionalmente como de "animal", "macho" ou "bravío". É segregada polas glándulas de certos animais, sobre todo polo cervo almizclero siberiano ( Moschus moschiferus), mamífero cetartiodáctilo emparentado, malia seren denominado cervo, cos bóvidos (antílopes, cabras ou vacas). Vive nas montañas de Asia Central e posúe unha bolsa glandular aloxada na barriga, entre o embigo e os xenitais. Nela se acumula, nos machos adultos, a olorosa secreción, cuns 20 a 30 gramos de almizcle. Ás veces aplicase o nome de almizcle a substancias producidas por outros animais, mesmo plantas, que presentan un forte olor. A característica olfactiva singular do almizcle asociase ao desexo sexual, afrodisíaco, e a substancia foi moi prezada na creación de perfumes ao longo da historia. Na actualidade o uso de almizcles naturais é case inexistente, o produto que o imita adoita nomearse musk.

Licores e nomes

Non hai constancia do uso do almizcle en licores. Unhas bebidas que son o resultado da destilación de produtos fermentados, proceso no que se afastan os compoñentes do líquido doutras substancias non volátiles ao sometelo a ebulición. Tras o paso a vapor e posterior condensación fórmase un líquido con alto contido de alcohol. Aos destilados que incorporan aromatizantes, saborizantes e elementos doces, e con menor graduación, se lles chama licores (e tamén "cordiales", pois "alegran" o corazón).

Foron os árabes os que experimentaron coa destilación do alcohol e o seu uso en Europa iniciouse nos séculos XII e XIII nalgúns mosteiros, incorporando herbas medicinais no proceso. De todas formas, a difusión das bebidas destiladas tivo lugar a fins do século XVI e inicios do XVII, antes, o viño e a cervexa monopolizaban o consumo alcohólico. Para atraer a atención do público cara os licores os produtores utilizaron nomes comerciais suxestivos. Na España do século XIX tiveron éxito algúns que se chamaron: Cualquier cosa, Placer de damas, Beso de novia, ou un coa mesma denominación que o noso licor, Perfecto amor. Este era fabricado en Xátiva (Valencia) a mediados do século XIX e nos inicios do XX. Porén ese nome xa fora utilizado con anterioridade, a fins do século XVII cun licor de orixe francesa, parecido á "auga de cidra" (ou chayote, parecido ao pomelo); coidamos que a esa bebida se refire o expediente analizado neste episodio. En coctelería existe o "Parfait Amour", licor exótico de cor lila, tamén orixinario de Francia e relacionado co cóctel "aviador".

Convocatoria de expertos

O escrito de Hervella moveu a que o alcalde da cidade, o avogado Alfonso Nicolás de Fonseca y Patiño, solicitara a súa opinión sobre o tema ao médico e cirurxián municipais, Joseph Antonio de Vales y Vaamonde e Guillermo Muller. Asemade, nomeou péritos para o recoñecemento do licor a dous veciños da urbe, Manuel Garzón Palomino e Ángel Prina, e pediu informe a Pedro Vázquez, boticario da Compañía de Xesús. O xesuíta non sabía que neses mesmos momentos o Goberno estaba artellando un plan para expulsalos dos territorios da Coroa, acusados de opoñerse a prerrogativas reais e favorecer os intereses da curia romana.

O mesmo día da denuncia, o 23 de marzo, e coa asistencia de Hervella e Andrés de Ponte, procurador xeral da cidade, o boticario e o seu axudante examinaron o licor e indicaron que "tiene y despide un poquito de olor a almizcle o hombre", pero admitiron que "sin que se puedan asegurar sus efectos, no es su profesión". Ao día seguinte continuou o exame por outros expertos. Palomino afirmou que lle pareceu un licor de boa calidade agás o olor a almizcle, que atribuíu a "descuido del fabricante de Francia", testemuña que informa da orixe do licor. Ángel Prina coincidiu coa mesma opinión.

Control sanitario

Os elementais medios utilizados para supervisión do licor (recoñecemento visual, gustativo e olfactivo) e a mínima cualificación profesional na materia dos expertos evidencian unha salientable precariedade na análise e control da calidade dos alimentos naqueles tempos. Sen dúbida os cambios operados nesta cuestión foron enormes e, se ben hoxe non estamos exentos de problemas (lembremos a contaminación alimentaria por carne mechada do pasado verán), dispoñemos de persoal competente na análise, institucións e protocolos axeitados.

O propio concepto de saúde pública non existiu como tal ata a segunda parte do século XVIII. Antes dese tempo a saúde era un asunto persoal. Os que tiñan recursos gozaban de tratamentos médicos e os demais carecían de atención sanitaria, agás os poucos que podían acudir á beneficencia, á asistencia caritativa. O panorama empezou a mudar coa Ilustración e deu un paso importante coa Revolución francesa de 1789, que avanzou na idea do dereito á saúde e da responsabilidade do estado.

En tempos do tema tratado no episodio existía o Real Tribunal del Protomedicato, corpo técnico encargado de vixiar a actividade das profesións sanitarias (médicos, cirurxiáns e farmacéuticos), así como de atender á súa formación e denunciar o intrusismo. Se o Protomedicato tiña orixe medieval, a Junta Suprema de Sanidad foi creada en 1720 e, por medio de xuntas provinciais, controlaba os buques, pestes e epidemias. No ámbito local a responsabilidade sanitaria era dos concellos, porén o seu persoal tiña escasa formación no control dos alimentos e carecía de medios técnicos; ata finais do século XIX non se crearían os laboratorios de hixene en cada municipio.

A deriva misóxina

Como vimos, ata ese momento o tema estaba limitado ao ámbito sanitario, do posible impacto do licor sobre a saúde dos consumidores. Porén nas declaracións dos facultativos municipais incorporouse unha nova valoración. Un "toque técnico" condicionado por prexuízos. Nese sentido, o médico Vales dixo que o olor do licor "ofende a las mujeres que padecen histerismo o mal de madre y a hipocondríacos". E o cirurxián Muller estendeu e precisou ese diagnóstico, coidaba que sería un risco para o conxunto das mulleres. A lectura en termos da época semella obvia, o licor era inapropiado para persoas "febles", homes preocupados pola saúde e histéricas.

Os galenos aludían á histeria, unha enfermidade de longa e polémica historia, na que se mesturaron moitas cousas, entre elas os prexuízos misóxinos, de desprezo á muller e rexeitamento ao seu papel sexual activo. Inicialmente converteuse nun caixón de xastre para identificar numerosas patoloxías nas mulleres. No fondo funcionaba a intención da cultura patriarcal de eliminar e/ou controlar o desexo sexual feminino ou consideralo anormal. A día de hoxe a formulación como enfermidade exclusiva das mulleres resulta un concepto médico superado, a histeria é unha neurose con trastornos motores, dos músculos. Abondou con que a muller cambiara o rol que lle tiña asignado aquela sociedade, que tivera un papel máis activo e asumira o control da súa sexualidade para que unha doenza aceptada por toda a Medicina durante séculos se desvanecera e deixara en evidencia a relevancia do peso dos prexuízos tamén entre os científicos.

Fin do expediente municipal

As valoracións dos expertos consultados deberon convencer ao alcalde de que a saúde pública da cidade estaba a salvo, o expediente rematou o 25 de marzo (en dous días, hoxe iso sería imposible) e o tema morreu aí. Os coruñeses que non fosen hipocondríacos e as coruñesas que non foran histéricas podían seguir bebendo tranquilos o licor do "perfecto amor". E os outros, a pesar dalgúns, tamén.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Contenido Patrocinado


Ecommerce Tour A Coruña vuelve con las últimas novedades

La jornada, que tendrá lugar el próximo jueves, 14 de noviembre en PALEXCO, prestará este año especial atención al mercado de la moda en Galicia



Elecciones Generales 2019

Domingo 10 de Noviembre de 2019, España

Congreso de los Diputados

esquelasfunerarias.es