O ano 2019 está a chegar ao seu fin e deixa tras de si a arrepiante cifra de 52 mulleres asasinadas e máis de 80.000 denuncias por violencia de xénero en España. A xuíza Sandra Piñeiro, do Xulgado de Instrución nº2 de Lugo, para falar desde o punto de vista xurídico ante as informacións erradas ou deformadas da problemática .

A violencia ten xénero?

Con toda a frialdade dos datos xudiciais, reflíctese que a violencia si ten un xénero, e non é o feminino. Fronte a unha poboación penitenciaria de 4.400 varóns por delitos relacionados coa violencia doméstica, hai 11 mulleres, e fronte aos 7.700 homes cumprindo condena por delitos como a violencia sexual, hai 52 mulleres. A cifra de asasinados por parellas ou exparellas contabilizados dende o 2004, reflicte que hai 1.200 mulleres asasinadas, fronte a 81 varóns.

Un día como o do luns segue a ser necesario?

Lamentable si. Sobre todo cando aparecen certos discursos que cuestionan os datos que ofrece a realidade, que negan ou queren invisibilizar esa violencia sobre a muller, pretendendo a incorporación de conceptos como a violencia intrafamiliar.

¿Que ocorre cando falamos de violencia intrafamiliar?

Se analizamos de novo as estadísticas, vemos que a violencia sobre a muller tradúcese no 85% da violencia no ámbito familiar, mentres que o resto de violencias no ámbito familiar representan unha porcentaxe mínima do 15%. Os discursos que pretenden diluír e invisibilizar un concepto que ten unhas causas, como é a violencia contra a muller, resulta contrario ao respectar os dereitos fundamentais. Este problema afecta a máis da metade da poboación do Estado e do mundo, que son as mulleres.

Algúns destes discursos apelan ás denuncias falsas en violencia de xénero.

Cando se negan os datos e se pretende obter un rendemento electoral sobre a base dun discurso carente de fundamento, hai que apelar á opinión pública informada. A porcentaxe de denuncias falsas é mínima. Non chega ao 0,1%. Un compañeiro contoume que este mes levou 20 causas por denuncias falsas relacionadas con estafas a seguros, fronte a sete causas por denuncias falsas por violencia de xénero nos últimos dez anos. Pese as cifras, ninguén se cuestiona que a vítima que denuncia un roubo con violencia está a mentir.

Por que ás veces os datos oficiais non son suficiente?

Estamos na época da posverdade, vende máis un discurso que a realidade. Un maltratador que exerce a violencia sobre a muller é un delincuente, igual que o é un narcotraficante, e ninguén cuestiona que este sexa condenado por atentar contra a saúde pública.

¿A xuventude ten conciencia sobre esta realidade?

Si, agora hai máis información, e polo tanto máis denuncias. Á vez apreciamos que hai máis procedementos de violencia contra a muller protagonizados por xente moi nova, e fálase dunha volta a determinados roles propios de épocas pasadas en novas xeracións.

É necesaria a reforma da lei?

A nivel estatal, demándase unha ampliación no concepto de violencia de xénero, no sentido de que se inclúa tamén a criminalidade asociada ao feito de ser muller, que abarcaría a violencia sexual, a delincuencia sexual, a trata de seres humanos con fins de explotación sexual e os matrimonios forzados. Aínda estamos nese punto.