Quen queira troula, que me siga!, reza o cartel que anuncia o comezo da festividade máis agardada por comparsas e choqueiros. María Pita, emblema da cidade, revisa o seu coñecido berro de guerra para convidar a todo coruñés a desfrutar da ampla programación de actos propostos para celebrar o Entroido á altura.

É prioritario, nesta edición, que todo o mundo se poida sentir parte da festividade, polo que unha das novidades do programa inclúe o compromiso das comparsas para percorrer en silencio un dos tramos do desfile, de xeito que os nenos con sensibilidade acústica poidan, tamén, gozar do Entroido, como adiantaron as concelleiras de Benestar Social e de Festas, Yoya Neira e Diana Sobral, no acto de presentación da festa.

A ledicia e xúbilo que caracteriza decote as xornadas carnavalescas veranse este ano parcialmente ensombrecidas por unha ausencia notoria: a de Fernando Amaro, Cantero, técnico de Festas, promotor activo dos festexos falecido recentemente e cuxos actos de homenaxe ocuparán un lugar destacado no programa. "Imos celebrar o Entroido, esta vez sen Fernando, que seguro nos está a ver dende o ceo. Farémolo mellor que nunca", asegurou o representante das comparsas, Juan Otero, Chucas.

O concurso de comparsas abrirá, o sábado, a programación de actos, malia que haberá que agardar ata o Xoves de Comadres para reanudar a troula. O pasarrúas Donaire ou a entronización do Momo porán as guindas do venres, que servirán de entremés para o sábado, unha xornada dividida entre os pasarrúas da mañá, o desfile da tarde nos Cantóns, o concurso de carrozas e a verbena nocturna á cargo da orquestra La Ocaband.

O martes, o día dos choqueiros, concentrará o maior número de actividades, repartidas entre o Torneo de Petanca Choqueira, a festa infantil, as diversas ofrendas florais coa homenaxe a Cantero, ou o concurso infantil de disfraces. Haberá un concerto en dous actos de Gandy e a Banda do Camión, interrompido polo concurso de choqueiros. O mércores será día de loito para acompañar á Sardiña ao seu cadaleito, tas o cal, un espectáculo de fogos artificiais porá a traca final das festas.