O bocado do coronavirus non mingua só a ese bar da esquina, a pequena boutique de moda ou a tenda de xoguetes. Tamén afecta ao que se ve nas pantallas, malia que sexan moitos os que acudan a ela estes días para paliar o illamento. O sector audiovisual treme a prol da pandemia, que comeza xa a cobrarse outro tipo de vítimas distinto. Decenas de técnicos e actores vense desde o pasado venres na inactividade, e condenados a unha incerteza económica que tamén comparten, sobre todo, as produtoras independentes.

As máis afectadas son as que se atoparon de fronte coa crise no medio dun proceso de rodaxe. As gravacións suspendidas polas medidas sanitarias acadan hoxe ás previstas ata maio, e provocan un efecto dominó que arrastra consigo equipos, prazos para cumprir cos términos das subvencións públicas e a asfixia duns intereses bancarios que ascenden "porque pides un crédito para unha produción e non sabes cando vai chegar o retorno económico, xa que non hai estrea". O conta o coruñés Marcos Nine, un dos realizadores e directores afectados polo tremor do virus. Entre mans, antes da chegada do Covid-19, tiña A virxe roxa, un documental que pensaba "rematar en xuño e que agora non sei se daremos feito".

O profesional non é optimista, e aventura un futuro negro para o sector. "O pau vai ser moi grande para as empresas e para os traballadores. Só unha serie xa son 100 persoas que dependen dela, e que a pospoñan supón que non sabes como afrontar o resto do ano", lamenta. El foi un dos moitos que veu frustrada a súa posta de longo na Festival de Málaga, cancelado o venres 13. O acto, no que ía presentar Carta número 4, caeu xunto a filmes como 3Caminos, unha das coproducións internacionais da comunidade que perigan e as que se suma a suspensión da segunda tempada de Hierro.

"Entre series e películas", a Academia Galega do Audiovisual calcula que "o 98% das pezas están paralizadas a nivel de España". Para o director da entidade, Miguel Mariño, a cifra tradúcese nun "posible atraso de seis meses" no lanzamento de novos produtos, que "non sabemos como se vai resolver". Asegura que "hai moitos profesionais que poden non cobrar o traballo xa feito en moito tempo", e que o panorama máis difícil o enfrontarán as "produtoras independentes sen proxectos vinculados directamente á televisión". Polo de agora, a pequena pantalla é a que mellor capea o temporal con medidas como a supresión do público en vivo, e a Televisión de Galicia non se atopaba no intre da crise rodando ningunha ficción.

Tamén Vaca Films, a produtora coruñesa, tivo relativa sorte na chegada do Covid-19. Xusto o venres 13, o día previo ao anuncio do estado de alarma, remataba a gravación da súa serie para Netflix El desorden que dejas, polo que os seus actuais proxectos se atopan en desenvolvemento ou posprodución. Son as dúas fases que se salvan da parálise, segundo indica a directora da empresa, Emma Lustres, que pensa xa porén en como "reenfocar a promoción" de produtos como La Unidad, a estrear en maio. O lanzamento será nunha plataforma „Movistar„ lonxe dos cines que permanecen pechados, e que poden rematar "na bancarrota".

Ese futuro hipotético é para Nine o máis preocupante. O realizador afirma que a recuperación dun sector "non empeza cando podes pór un pé fóra da casa, senón cando hai unha actividade económica que o apoie" no interior. Aventura "unha regresión" na relación entre o cinema galego e o exterior se as cadeas deciden "ir cara atrás e apostar por Madrid en lugar de por produtoras da periferia", ou se o Estado recorta en inversións públicas ao audiovisual. A ese respecto, todo o gremio coincide en pedir aprazamentos ou suspensións do pago dos impostos, co fin de non tributar "por uns cartos que me deron por unha película que non estou podendo producir".

O presidente da Asociación Galega de Produtoras Independentes, Felipe Lage, reclama maior flexibilidade nos prazos que as axudas públicas esixen polas subvencións. O mesmo opina Lustres, que avoga por reconsiderar a inversión mínima á que se ven obrigados os produtores, e que debería "adelgazar se así o fai o mercado".