Luis Puente-Castelo, lingüista especializado en linguaxe científica, viu interrompida, por mor do estado de alarma, á súa estancia de tres anos en Birmingham, onde levaba a cabo as súas investigacións á través dun contrato posdoutoral da Xunta.

Cal é a situación do persoal investigador?

Os contratos posdoutorais da Xunta duran tres anos, dous no estranxeiro e un ano de retorno. Eu estaba no segundo ano, quedábanme seis meses de estancia. Como a miña universidade en Birmingham pechaba, volvín o mesmo día do estado de alarma. A Xunta anunciou que nos van estender os contratos seis meses máis, a situación é incerta porque as persoas que estamos en estancias non sabemos como se vai aplicar ou se temos que volver, depende da situación de cada un dos países. Ninguén sabe se imos poder completar a estadía, que implica moitos gastos.

Cales son as principais demandas do colectivo?

É complicado, é una incerteza total, penso que cos investigadores ten que haber una flexibilidade total. Cómpre atender ás circunstancias, ás casuísticas de cada persoa, a como se vai dar, a Xunta declaraba que se vai atender pero non está concreto. Eu penso que o lóxico sería que as medidas se aplicasen a todos os tipos de contrato, independentemente da entidade financiadora. O ministerio só está financiando a aqueles que van rematar o contrato, a prórroga só aplica aos contratos que están por rematar. O estado de alarma tamén afecta ás persoas que van pola metade.

Botan de menos unha maior implicación do ministerio?

Eu, no meu caso, dependo da Xunta, polo que non me afecta tanto directamente. A Xunta tardou moito en actuar, tívonos un mes e medio sen saber nada, houbo una instrución o 10 de marzo que dicía que estabamos autorizados para volver se pechaban os nosos centros, pero despois ata este mércores non soubemos nada máis da Xunta. O Ministerio de Universidades actuou pouco a pouco. Nótase unha falta de coordinación entre as administracións.

Existen certas desavinzas entre alumnado e reitoría sobre a finalización do curso.

Os investigadores sen docencia somos o colectivo que estamos máis á marxe de ambas as partes, pero creo que houbo una certa falta de diálogo, penso que podería haber unas medidas de flexibilización máximas, da mesma forma que pedimos os investigadores con respecto á administración. Nós, por exemplo, temos unhas avaliacións ao final do programa, das cales nada se dixo sobre como se van adaptar ás circunstancias actuais. Investigar na situación actual é moito máis difícil por condicións loxísticas e psicolóxicas, por acceso aos equipos, porque, en definitiva, non sabemos como se nos vai avaliar.