09 de junio de 2020
09.06.2020
La Opinión de A Coruña

Unha terra para a troula

O coruñés Xurxo Lobato reúne nun libro as festas galegas máis destacadas, como o San Xoán en Riazor ou o San Roque de Betanzos, que retrata en preto de 200 fotografías

09.06.2020 | 01:40
Retrato de Entroido de Chantada publicado no libro 'Galicia é unha festa'.

A Galicia gris e neboenta. Os homes serios que van en silencio ao mar, e as mulleres de ollos tristes vestidas de loito que os agardan no peirao. "Houbo un tempo", conta Xurxo Lobato, no que o galego era visto "como un pobo chorón", pouco dado á troula. Pero como ben sabe calquera que caldeara unha noite ao lume do San Xoán, ou bailara no Entroido de Chantada, á festa nunca se lle deu por tropezarse co branco e azul da bandeira.

O fotógrafo ten máis de dous anos como proba, e preto de 200 imaxes cheas de cor e sorrisos en celebracións por toda a comunidade. O seu berce coruñés nótase nalgunhas do seu arquivo, como o San Roque de Betanzos, o Apóstolo de Santiago ou a Semana Santa de Ferrol. Tamén está presente o Carnaval da cidade, xunto a outra vintena de entroidos diferentes, e unha selección de festexos de Interese Turístico, Nacional, Internacional e mesmo Galego. Todos se atopan reunidos en Galicia é unha festa, o libro que lanzou aos estantes ás portas da pandemia, e que agora -coa maioría das celebracións de verán en suspenso- tingue de morriña as estampas.

No canto de tristura, Lobato ve remedio nas súas fotografías. "Xa que non podemos ir á festa polo virus, levémonos á festa ás nosas casas", di o creador, malia que, logo de meses brincando de troula en troula, lle quede pouco corpo para a foliada. A súa maratón comezou un xaneiro cos Fachós de Castro Caldelas, e seguiu coas festas do Albariño no verán e o cheiro a castañas do magosto. Impelíalle o desexo de artellar "un retrato cíclico" das festas galegas -todas "vinculadas a un santo ou a un cambio estacional", engade- que actuasen de fiestra para descubrir, entre as estrelas máis brillantes, as menos coñecidas.

Ao coruñés aínda lle bailan nos ollos as imaxes das pelas, esas mulleres que danzan con cativas sobre os ombros o día do Corpus Christi. Atopounas en Redondela, na Festa da Coca - "outra coca", ri o fotógrafo-, e a lembra hoxe como unha das máis peculiares. A serpe de lume que percorre nos Fachós Castro Caldelas é outra que lle fixo gozar, aínda que a súa cámara non lle deixara abandonarse de todo á esmorga. "Claro que retratar as festas é moi divertido, pero tamén o vives con moita tensión. Non queres que se che escape nada, e moitas cousas son irrepetibles", indica.

Tan únicas son, que ás veces tivo que agardar todo un ano para ter outra oportunidade. Foi o caso do lanzamento do globo de Betanzos en 2018, que rachou e non puido voar. "Lembreime de todos os santos! Xusto cando fun se escarallou e tiven que volver!", recorda o fotógrafo, que pode presumir de levar "40 anos retratando Galicia". O Prestige, o Camiño de Santiago e incluso o feísmo -esa terra de parábolas nos hórreos e bañeiras para que beban as vacas- protagonizan as súas máis de 60 publicacións, ás que suma agora ese "oco editorial" que quedaba, a xolda. O caderno ten un afán "divulgativo", con textos de Felipe Senén en tres idiomas, e segue a mesma filosofía que o seu autor cree tan firmemente: que "hai que exportar Galicia".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es