Que balance fai da xestión da Xunta na Coruña nos últimos catro anos?

Absolutamente negativo. Realmente hai unha falta de balance que poder presentar tanto á cidade como á comarca. Hai unha ausencia de realidade que confirme as palabras e esas maquetas tan ostentosas que Feijóo gusta tanto de presentar e eses macroproxectos dos que é tan seguidista pero que cando pasan os anos non se desenvolven. O señor Feijóo en once anos non foi quen de crear con investimento público unha praza pública de residencias de maiores e unha praza de educación infantil, de poñer en marcha unha política pública de vivenda, de apoiar un sector económico fundamental como é o comercio local e de fixar unha folla de ruta para axudar aos autónomos.

Pero o Partido Popular di que a Xunta é a administración que máis inviste na Coruña.

Están moi afeitos a vivir na permanente mentira. Agradécese moito escoitar as palabras, pero agradécese máis contrastalas cos feitos que son os que lles dan credibilidade. Os únicos feitos que vemos é que Feijóo se arroga investimentos, traballo e obras que son competencia doutras administracións, ben sexa a Autoridade Portuaria ou o Goberno central. Iso demostra unha claudicación das súas responsabilidades, funcións e competencias. A estas alturas xa non son cribles as mensaxes de Feijóo, quedan sempre no baleiro e nos titulares desas campañas mediáticas ás que está afeito. No orzamento de 2020, os investimentos para A Coruña per cápita son a metade do resto de Galicia, cando ten un peso demográfico e produtivo moito máis importante, polo que hai unha desatención absoluta. A única obra da Xunta foi unha pasarela que ademais mete á xente nun centro comercial privado, cando sabemos que nesta cidade ese sistema non funciona. E ademais, unha pasarela na que aos cinco meses xa houbo que investir para amañala, polo que é unha metáfora perfecta que di moito máis que as palabras de Feijóo.

Que hai que facer para que as infraestruturas na Coruña dende hai anos saian adiante?

Esa situación demostra a incapacidade de Feijóo para o diálogo e a conciliación de consensos. É algo que xa ten demostrado que non é quen de facer ou de que non ten vontade de facer. Para sacar adiante proxectos importantes tes que contar con colaboracións e Feijóo está afeito aos seus propios monólogos e a que todo o mundo o escoite a el. Pero esa non é a realidade da sociedade, na que se intenta chegar a acordos que permitan construír colectivamente. O proxecto do BNG é sempre de construción colectiva, de escoita activa, de conversa, de diálogo e de chegar a consensos para dar pasos adiante.

O BNG foi moi crítico coa exclusión do Concello do protocolo sobre os terreos do porto asinado por Estado e Xunta. Teñen que estar presentes todas as administracións nestes proxectos?

Sempre. Se cada administración ten as súas obrigas, hai que cumprir con elas. E hai que ter sempre unha mentalidade propositiva, que é o que facemos no BNG cando hai un problema ou necesidade que atender, como se ve nos concellos onde temos responsabilidades de goberno, nas deputacións e no Parlamento. Viuse nesta pandemia como a nosa candidata, Ana Pontón, sempre puxo enriba da mesa propostas de colaboración que, por certo, sempre foron absolutamente silenciadas ou non escoitadas por Feijóo.

Que solución daría o BNG á débeda do porto?

O que sempre mantivemos é a necesidade da condonación da débeda, como se ten feito noutros portos. E sobre os terreos portuarios, son unha oportunidade de futuro e hai que reflexionar ben cales son as necesidades desta cidade. O que nunca se pode poñer como criterio prioritario é a especulación como xa se ten deixado entrever. É importante que esa fachada reverta na cidadanía atendendo aos servizos públicos que se precisan. Pero é tamén unha zona que precisa poñer en valor a cultura mariña e mariñeira desta cidade. Hai que valorar dunha maneira moi medida posíbel superficie construída porque A Coruña ten outras urxencias ás que hai que entender dende un goberno galego, como a perda de músculo financeiro desta cidade pola desaparición das caixas de Banco Pastor e a desindustrialización.