O románico representou a María sentada en maxestade co neno Xesús no colo. Algo hai nesas imaxes inmóviles que nos resulta familiar. Se cadra lémbrannos ás nosas bisavoas diante das cámaras daqueles primeiros fotógrafos, conxelando o xesto antes de que o flash as fixese estremecer.

Esas virxes románicas foron unha das grandes paixóns de Ana Sastre. Era quen de arrastrar a José Luis, o seu home, centos de quilómetros para ver unha. E igual que facían os fotógrafos coas nosas devanceiras, retrátabaas. Tomáballes as medidas e xa de volta en Sada coas súas mans facía o miragre de reproducilas en pasta de papel.

En certa ocasión pedíronlle que fixese unha copia da Virxe de Pesqueiras xa que a orixinal desaparecera nun sospeitoso incendio que quizais ocultaba o roubo da imaxe valiosísima. Só quedaba dela unha fotografía e cando Ana presentou na parroquia a súa creación a incredulidade dalgúns dos veciños foi manifesta. Estaba a igrexa chea de xente, agardando a ver a imaxe cuberta por un pano no altar. Cando a descubriron os veciños estremecéronse e achegáronse para presentarlle os seus respectos. De volta no banco, dúas veciñas falaron claro:

-Que vai ser que a fixo ela, esta é a nosa!

-Muller, claro, quen sabe onde a tiñan agochada e agora por vergonza din que a fixeron de volta. Ben se ve que é a nosa.

Non podería facerlle mellor crítica ao traballo de Ana Sastre ningún reputado especialista en arte. Sabíao e sorría satisfeita. Creara coas súas mans unha imaxe tan semellante que mesmo os que a veneraron durante anos na súa igrexa podían chegar a confundilas. A anécdota dá idea da habilidade no modelado en papel que podía acadar.

Estas imaxes creadas por Ana Sastre estiveron en varias salas de exposicións e había nelas algo da tenrura e da nobreza que tiña a autora. Daba vontade de collelas no colo e arrolalas. Só o amor enxendra coñecemento e ela axudounos a coñecelas mellor. Tiña que chamarse Ana, como a nai da Virxe, a muller que máis fixo por divulgar o valor destas imaxes. E fíxoo en silencio, traballando o material máis humilde, dende o corazón da "arte póvera". Coa sabiduría de quen renuncia á caduca eternidade.

Onde seguramente o traballo de Ana foi máis persoal e a súa arte voou máis libre foi no modelado de monicreques e de cabezudos. Un mundo creativo que merecería tamén unha exposición para poder aprezalo no seu conxunto. Oxalá a súa obra non acabe prematuramente desaparecida como os cabezudos que Castelao fixo en Rianxo.

Esa muller que nacera en Navas del Marqués en 1951, e que por veces falaba un galego tímido e delicado, foise este 7 de outubro en Sada, o lugar que escolleu para vivir e para morrer. As nosas virxes medievais perderon unha valedora. Agora chórana a familia, os amigos, os exalumnos do Colexio Hijas de Cristo Rei de Oleiros e socios d´O Sorriso de Daniel cos que compartía paixón polo románico. A súa enerxía e bondade permanecerán.