Isabel Faraldo, traballadora do Sergas e militante de Unidas Podemos, é desde o xoves concelleira non adscrita, logo de renunciar a formar parte do grupo de Marea Atlántica, forza coa que concorreu nas municipais de 2019. Debutou nun pleno, aínda sen oficina no Palacio Municipal nin medios materiais e persoais para desenvolver un traballo co que aspira a “axudar ás maiorías sociais da cidade”.

Que sensacións lle deixa o seu primeiro pleno?

Recoñezo que estiven nerviosa, pola responsabilidade que supón e pola miña inexperiencia no terreo. Rematei orgullosa e cunha sensación de intensidade.

Atopouse co que esperaba de cada grupo municipal?

As forzas políticas quedan ben debuxadas: as progresistas fan propostas progresistas e as que non o son fannas máis ancoradas no pasado, antigas. En todo caso, todas parecéronme interesantes.

Todos os grupos déronlle a benvida, agás Marea. Non semella que se queira entender con vostede.

Teño o costume de poñerme nos zapatos dos demais e entendo a súa postura. En toda ruptura sempre queda dor. Eu non faría o mesmo, pero non llo reprocho. En todo caso, en moitas medidas imos estar máis que de acordo porque representamos accións progresistas.

O PSOE non lle tentou para darlle espazo no Goberno local?Iso é algo que non está no horizonte. Eu representarei a Podemos na cidade para facilitar todas as melloras que se propoñan, veñan de quen veñan.

Di que representa a Podemos, que non concorreu nas eleccións. É coherente a participación desta forza na Corporación?

É certo que son non adscrita. Trátase dun subterfuxio político. Podemos supón a miña única traxectoria política, non veño de ningún outro partido, e nese sentido fun na lista de Marea, que era un espazo común. Polo tanto, a ningún lle vai a estrañar que no pleno, fale e pense como Podemos tras falar e consensuar co meu partido.

Vostede é da corrente pablista?

Eu estou aliñada co que se consensúe dentro do meu partido. Como militante, si son pablista, recoñezo que o noso secretario xeral, non o vicepresidente do Goberno, é unha persona con moita altura política e fortaleza no momento que estamos a vivir.

Que lle preocupa a Unidas Podemos, desde Madrid, do que ocorre na Coruña?

Non hai unha liña de conexión entre Madrid e A Coruña, entendámolo no sentido de dar directrices. A nosa política para a cidade vai ser falada, debatida e consensuada aquí, en Podemos Coruña, pola militancia e os órganos locais. Non houbo ninguna chamada de Madrid.

E que quere esta sede para mellorar a cidade?

Entramos no Concello con espírito totalmente facilitador. Non lle poremos trabas a ningunha medida que sexa boa para as maiorías sociais. Cremos que ten que haber unha maior involucración cos barrios para que non haxa máis atención á Coruña do centro que á periférica. Defendemos a protección do litoral. E debemos fixarnos nos sectores que agora o están a pasar peor, como o pequeno comercio e a hostalería, para tratar de facilitarlle a súa situación. Por enriba de todo, para nós as políticas son xente.

Prevé moito ataque da dereita?

No pleno foron lixeiros, polo momento. Non me asusta ese xogo político, aínda que en Podemos estamos máis que acostumados aos canonazos por todos os lados. Eu son das persoas que eluden a lama e van ao gran.