“É unha gala máis”, pero non é unha actuación calquera, está xestada xa en tempos de pandemia, con todas as restricións sanitarias en mente, pero sen cancelas no eido da creación, así que, para sacar a espiniña que lles deixou non poder facer o seu tradicional festival de rúa no mes de agosto, os artistas de Manicómicos subirán mañá ao escenario do teatro Rosalía de Castro, a partir das sete da tarde, para celebrar os seus primeiros 17 anos de vida e tamén para iniciar 2021 pensando en que todo pode mellorar e traballando, algo que 2020 non lles deixou facer.

Explica o director e presentador da gala de Manicómicos, Carlos Sante, que este ano non se encherá o teatro Rosalía, pero que teñen convites para 170 persoas. “A gala é de balde e ten o inconvinte de que os asistentes terán que facer unha cola para poderen entrar e de que, cando se esgoten as entradas, non poderá pasar máis público, pero nós faremos todo o posible para que pasen un bo rato cando estean agardando na billeteira, así que, estaremos animando por alí fóra”, relata.

Os que poidan entrar no teatro, sen dúbida, verán un espectáculo que acaba de nacer e que nunca antes foi representado. “Aínda agora estamos facendo cambios”, explica Carlos Sante, a pouco máis de 48 horas de que empece o show. Pero é que a xente de Manicómicos é así, amante do “risco, dos retos e da improvisación”, así que, unha gala para estrear o ano, tendo como fío condutor a música urbana antollóuselle un plan xenial.

“Gústanos o risco, os retos e a improvisación”, di Carlos Sante

O menú ten moita música, moito ritmo, pero tamén números circeneses, hip-hop, regueifa, “que é o rap galego”, matiza Sante, danza urbana, un número de acrobacias aéreas con teas, pantomima e clown, todos os ingredientes para que o Rosalía pareza algo máis ca un teatro, para que sexa un espazo de encontro para os artistas que volven traballar logo dun 2020 moi complicado e tamén para un público orfo de risas pola pandemia.

“Aínda non sabemos como se vai desenvolver este ano, pero é unha alegría poder celebrar a gala, moitos dos artistas que participan practicamente viven disto e vimos dun ano moi difícil no que houbo moitas cancelacións. O noso festival de rúa, por exemp,lo, non se puido facer en agosto, pero esperemos que se poida celebrar neste ano. Temos moita gana e queremos demostrar tamén que somos quen de nos reinventar, pase o que pase”, relata Sante, que apunta que a duración da gala será dunha hora e vinte e que o público de Manicómicos vai atopar sobre o escenario xusto o que precisa: Moita ilusión, moita risa, tamén moito traballo e, sobre todo, moito ritmo para esquecer, por uns intres o coronavirus e as súas restricións.