O historiador coruñés Xosé Alfeirán formará parte, a proposta do Concello, da comisión de expertos que terá a misión de evaluar os posibles usos do pazo de Meirás, que abrirá as súas portas á cidadanía sadense o día 30 deste mes, trala súa recuperación provisional por parte do Estado á familia Franco. A comisión estará composta,ademais, por profesionais propostos polas outras administracións e organismos implicados: a Xunta, a Real Academia Galega, a Deputación, a Administración Xeral do Estado, o Concello de Sada e o Consello da Cultura Galega.

Trala conquista democrática da recuperación de Meirás, era previsible que xurdira un debate tenso sobre os posibles usos?

Foi unha fazaña histórica. É a expresión da utilidade da historia, que as veces queda aí como unha especie de ferramenta para o divertimento e coñecemento do pasado. De pronto, a historia convírtese nun instrumento activo de carácter político e liberador para a cidadanía, de algo que fora arrebatado por un sistema dictatorial. Tanto dende o punto de vista xurídico como histórico é impresionante.

Enténdese entón a polémica?

Hai polémicas que non teñen sentido. O pazo é un elemento que ten a súa propia historia. Non podes controlar as súas vicisitudes, esa historia hai que contala, non podemos limitala, son 127 anos de historia. O perigo é o esquecemento. O que nos arrebataron non se pode esquecer. Penso en calquera cidadán demócrata, en toda a xente á que a ditadura privou de desfrutar da vida. Iso non se pode esquecer. Que pasou no pazo? Quen foi o seu dono? Como se apropiaron del? Que fixo aí ese ditador? Para A Coruña, ter aí a ese ditador foi unha humillación. A loita pola recuperación, todo ten que estar aí.

Hai quen fala de articular un relato en positivo. Cabe aí o relato da humillación e o espolio?

Se esquecemos o que significou esa dictadura, pódenos levar a pensar que todo vale, e non é así. Os cidadáns o que queren é lembrar o pasado, pero dende o punto de vista democrático. Coas súas luces e as súas sombras. O pazo vai ter catro propietarios: Emilia Pardo Bazán, o seu fillo, o ditador, e agora o pobo. Hai espazo suficiente para contar todo isto.

Cal pensa que debe ser o destino axeitado para Meirás?

Penso que á historia do pazo de Meirás. Dende o tempo de Emilia Pardo Bazán, ata a loita pola súa recuperación por parte do pobo. Creo que hai sitio para todo, non se pode adicar só a un aspecto da historia e deixar fantasmas por aí. Hai que afrontar o noso pasado, é o que hai. Aínda non coñezo os proxectos propostos.

A raíz disto, xurdiu un debate subxacente en torno a Emilia Pardo Bazán e a súa exemplaridade como personaxe histórica para que o pazo sexa adicado á súa figura.

Calquera personaxe histórica ten as súas luces e as súas sombras. Penso que son máis as luces que as sombras, senón non sería dona Emilia Pardo Bazán. Foi unha muller emblemática na nosa historia e na nosa literatura. O pazo de Meirás é o seu pazo. Paréceme unha polémica estéril.

Non cabe un pazo de Meirás sen a presenza de Emilia Pardo Bazán?

Totalmente. Calquera cidadán quere saber a historia do pazo. Do que viviu alí e do que o construiu, que pasou co pazo, como o conseguimos. Calquera cidadán quere que lle expliquen iso, dun xeito sinxelo e democrático, con luces e sombras. Como non vai estar dona Emilia alí?

Moitas voces apuntan a que está a haber unha utilización da figura de Emilia Pardo Bazán para tapar o relato do espolio e a memoria histórica. É así?

Cada un pensa o que quere pensar. Pode haber xente que utilice a figura para tentar tapar iso, si. Iso non quere dicir que os que avogamos pola memoria democrática, non queramos que estea aí a figura de dona Emilia, con todo o que a caracterizou. Son cousas totalmente compatibles. É como dicir que a Torre de Hércules era romana e xa non o é porque por fora lle puxeron un forro, e falamos do de fóra e non o de dentro. Hai que falar de Emilia, do que lle pasou á súa familia, que tamén padeceu, non foi unha figura illada, tivo fillos. Hai que falar da Guerra Civil, do ditador, da recuperación. Como cidadáns, deberíamos sentirnos orgullosos deste momento, do que se fixo.

Hai certa tensión ou posturas encontradas entre administracións?

Eu espero que se impoña o consenso democrático. É unha tarefa ben bonita a de recuperar un elemento da ditadura para o pobo. É unha empresa interesante e innovadora, é a primeira vez que ocorre isto en Galicia e en España, e que as administracións crispen a situación é un pouco absurdo. Vivindo en democracia hai un consenso básico sobre o que foi e é este elemento.

Existe o medo de que, de non chegar a un acordo entre os entes implicados, o pazo quede baleiro e sen uso.

Iso é inconcibible. Pareceríame un fracaso como sociedade democrática. Non lle boto a culpa a ningunha administración, pero sería un fracaso. Penso que non vai pasar. Hai un acordo: recuperar un elemento da ditadura para o pobo. A partir de aí, pódese discutir a cantidade de información que se lle pode adicar a unha cousa ou a outra, pero que non haxa consenso no sentido básico de tentar explicar os 127 anos de historia do pazo, é inconcibible, sería escamotear a historia. A historia hai que contala, cos seus fracasos, miserias e grandezas. Á xente gústalle a historia, se está ben contada.