Facerse un oco no mundo editorial non é sempre sinxelo. Moitos optan por abandonar as súas aspiracións de publicar os seus escritos cando as editoriais lles pechan as portas ou ignoran o seu traballo; mais hai quen vai máis alá e evidencia que hai xeitos alternativos de sacar as súas obras á luz. E, ás veces, ata funciona. Xabier Gayoso, mestre de infantil coruñés, pode falar moito disto. Hai cinco anos, a súa novela A lúa ouveada polo mundo foi rexeitada en múltiples editoras e concursos literarios. De moitas non recibiu sequera unha resposta. Agora, a súa é a novela máis lida en formato ebook en galego.E todo, grazas a Amazon. “Cando escribín a novela, mandeina a varias editoriais e non recibín resposta de moitas. Do meu entorno recibía boas críticas. Deixeino aparcado, e retomei a idea durante o confinamento”, explica o autor.

A idea era a mesma, o que variou foi a plataforma escollida para difundir o seu traballo: a visiblidade, neste caso, proporcionoulla Amazon, pero todo o demais foi obra súa. “A obra estaba en galego e fixen unha tradución ao castelán para facerlla chegar tamén aos que non entenden galego. Despois, xunto coa miña parella, aprendín a maquetar, a dar promoción, a presentalo ben. Hai anos nin o pensaría”, relata.

A principios de ano, cando estivo satisfeito co aspecto do proxecto, decidiu subir o libro á rede de xeito anónimo, sen dicirllo a ninguén. “Dábame reparo”, recoñece. De súpeto, decatouse de que o libro non deixaba de escalar entre os outros títulos nos postos dos mais lidos en galego en formato libro electrónico.“Amazon ten unha biblioteca virtual con máis dun millón de títulos. Segundo os teus gustos o algoritmo vaiche recomendando cousas relacionadas”, explica o escritor. A lúa ouveada polo mundo colouse entre eses títulos e non o fixo por azar ou de refilón, xa que o autor pode saber se os lectores len o libro enteiro ou optan por quedar nas dez primeiras páxinas. A maioría, asegura, decántase polo primeiro.

“A xente lía o libro ata o final, e a partir de aí, comecei a vender algúns”, conta Gayoso, cuxo nome adiantou, nos últimos días, aos de xigantes actuais das letras como Ledicia Costas, Suso de Toro ou Manuel Rivas. Os datos tampouco desminten o éxito insólito dun libro sen editora, e, nun inicio, sen autor.

“Cada dous ou tres días, unha persoa remata de ler o libro enteiro, que ten 230 páxinas. Teño unha venta á semana, máis ou menos”, estima Gayoso que, con todo, non busca empañar o labor das editoriais, grandes ou pequenas, ás que moitas veces recorreu sen éxito. “Algunha díxome que só editaban novelas premiadas, outra que non descartaban editar a miña novela nun futuro. Non quero cargar contra as editoriais, todo o contrario, parécenme super necesarias. Tamén entendo que non todas as novelas que lles chegan poden ser acollidas e lidas con calma, porque na literatura galega hai moito nivel”, concede.