Un venres de febreiro, a escritora Úrsula Bas sae da súa casa, en Santiago, e non volve. O desenlace, nas páxinas de A vida secreta de Ursúla Bas, a nova novela de Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) que serve de continuación de Beleza Vermella. Falará dela hoxe (20.00 horas) na Fundación Luis Seoane da Coruña, no ciclo Somos o que lemos.

Tiña claro que os protagonistas, o comisario Santi Abad e Ana Barroso, terían un novo caso?

Non o tiña claro cando escribín Beleza vermella, pero o certo é que tal como quedaron os dous pendurados na porta da comisaría no final do primeiro libro estaba claro que necesitaban continuidade. Sentino e ademais a xente o pediu. A verdade é que eu sempre digo o mesmo, que o paso moi ben escribindo novela negra e iso fai que o lector o note. Gustoume volver a eles. Desde o punto de vista técnico, esta novela para min é moitísimo máis madura. Esa maduración vese na parella, son máis maduros, máis reflexivos.

Comeza cunha frase dunha canción de Los Piratas, a obra demostra que El equilibro es imposible?

A obra amosa que ‘es horrible el miedo incontenible’. As veces temos unha muller que quere vivir sen límites e paga o prezo de vivir sen límites. O descoñecido da medo, pero o coñecido faite vivir como se estiveses morto. Hai xente que camiña durmida. Hai un momento no que Úrsula Bas esperta e quere vivir sen límites. Esa busca do equilibrio imposible entre o que un quere e o que debe ser da moito medo. É unha novela que fala moito do medo, hai un capítulo que se chama Medo e outro Máis medo. O personaxe ten medo do presente, do que está a vivir e de como acabou. É un pouco o reflexo do que nos pasa a nós na vida.

Hai que aprender a vivir con el?

Hai que vencelo. O prezo de non vencer o medo é vivir sen vivir, é vivir de mentira. Úrsula Bas está nun momento vital no que estamos moitos, que é a necesidade de vivir. Sobre todo tras a pandemia, todos estamos desexando vivir, tocarnos, espremer a vida ao tope. Para iso hai que vencer o medo.

Todos estamos desexando vivir, tocarnos, espremer a vida ao tope

No libro, un admirador secuestra a Úrsula Bas, tamén hai que ter medo ao fanatismo que nace nas redes sociais?

As redes sociais son a praza do pobo, para o bo e para o malo. Unha poñíase guapa para ir ao baile e a misa nos anos 50, e unha ponse guapa para sorrir en Instagram. É un medio de relación, pero non se lle poder ter medo. Hai que aprender a manexalo e dirixir a situación, que a situación non te dirixa a ti. Temos que aprender que temos que convivir coas redes e para iso hai que administralas ben, non podemos renegar dos tempos que nos tocaron vivir. Agora vivimos a través do teléfono, das redes sociais, pero é verdade que cando traspasamos iso, o que queda é o de sempre. Quedan as persoas, a conversa, tocarse, sentirse... O outro non é nada máis que un lugar de encontro.

Despois do éxito de Beleza vermella, sentiu presión para facer a segunda parte?

Non. Se eu non estivese preparada para facer esta novela, non a faría. Sempre digo que escribo o que me apetece. Apetecíame facer unha novela dese calibre, reflexiva. Úrsula Bas reflexiona moito en voz alta. Gustoume amosar no momento vital no que se atopa, que non sei se é o meu pero é o dunha xeración como a miña. Abad e Barroso son a escusa para contar o que me apetece contar como escritora.

Estou agardando a que me dean o premio a señora que non sabe que máis facer.

Volve aparecer o medo, pero polo fracaso profesional. Sempre está presente?

Penso que si. Non sei se teño moito síndrome do impostor. Amosoumo Joël Dicker en La verdad sobre el caso Harry Quebert e o maldigo todos os días. As persoas que temos un alto sentido da responsabilidade temos moito medo ao fracaso. Volvemos ao de antes. Ese medo hai que vencelo, pero creo que o intelixente é telo. O medo ten unha función en todos os ámbitos, incluso no neurolóxico, que é avisar de que algo malo pode suceder para evitalo. Eu penso que no ámbito profesional tamén. O medo hai que aproveitalo e darlle a volta para convertilo en autoexixencia. Todos somos inseguros, todos pola noite chegamos a casa e vemos no espello a nosa realidade e todos temos que volver a erguernos ao día seguinte para superala.

Sitúa de novo ao lector en Santiago, tamén en Pontevedra. É o escenario perfecto para vostede?

Agora non vou cambiar a comisaría (ri), pero para mín si é o escenario perfecto. Santiago é o escenario polo que eu transito. Vivo preto, en Teo, pero traballo aquí e son as rúas polas que paseo día a día. É moi importante porque hai unha parte de documentación que xa non teño que facer. Pero non renuncio a trasladar os escenarios. Tiven unha charla con Domingo Villar e dicíame e que é Galicia enteira, non me podo resistir a amosar polo menos a nosa ría. É ensinar ao mundo as nosas fermosas paisaxes.

Imaxina as súas historias na pantalla?

Parécenme tremendamente audiovisuais. Encantaríame. Pero hai cousas na vida que non dependen dun. Señores produtores, veñan a min.

Comezou escribindo microrrelatos, agora triunfa coa novela negra. Atopou o seu xénero?

Para nada. De feito, en novembro saquei cunha editorial da Coruña, Bululú, un marabilloso libro de relatos que ilustrou Javier Zabala. Gústame moitísimo o relato breve, tamén o microrrelato, aínda que agora non teño tanto tempo, e a novela intimista tírame igual que a negra. Esta novela, en teoría, é unha continuación de Beleza Vermella, pero desde o punto de vista do xénero xa non é o mesmo. En Beleza Vermella tíñamos un policial clásico e aquí temos un thriller psicolóxico. Mantéñense os personaxes, pero a acción e a tipoloxía mudan. Gústame experimentar e o fago libro a libro. Levo seis libros xa. O primeiro de microrrelatos, o segundo unha novela por entregas, o terceiro unha novela intimista, o cuarto unha negra, o quinto un de relatos e agora un thriller psicolóxico. Estou agardando a que me dean o premio a señora que non sabe que máis facer.

E moitos deles en galego. Pode sorprender aínda ver o teu lugar de nacemento, San Sebastián?

Vivo en Galicia, as miñas fillas naceron aquí. Nunca nego que o meu corpus lingüístico orixinal e de nacemento é o castelán. Nacín no País Vasco e crieime alí ata os 13 anos, pero vivo en Galicia e temos unha lingua marabillosa. Creo que é fermoso escribir na nosa lingua e que sexa traducida ao castelán, hebreo, alemán ou italiano.