Nun episodio anterior (14 de marzo de 2021) aludín ao erro de atribuír unha estreita relación de parentesco entre o enxeñeiro de minas Ramón Rúa-Figuerioa e a nai da escritora Emilia Pardo Bazán, Amalia, por considerala a súa irmá. O segundo apelido da proxenitora da excelente escritora é ben respectable, Somoza, pero non o é menos o segundo de Ramón, Fraga. Son distintos porque as nais foron diferentes, María do Socorro Somoza Piñeiro e Teresa Fraga Couto respectivamente. Tampouco tiveron o mesmo pai. O de Amalia foi Juan Dionisio Rúa-Figueroa Cuadra e o de Ramón, Antonio Rúa-Figueroa Casal. O parentesco era ben distante. Porén a equivocada conexión figura repetida en numerosas publicacións. Un “copia e pega” que afecta a unha cuestión importante, pois esa falsa irmandade de Amalia vén sendo utilizada como elemento relevante para caracterizar o progresismo da contorna de Emilia. Pola parte da nai, non.

Unha familia liberal progresista

Imos ver, brevemente, quen foron os Rúa-Figueroa Fraga. Eran nove irmáns: Manuel, Teresa, Antonio, Xosé, Ramón, Dolores, Antonio, María Manuela e María Antonia (Antonio aparece repetido porque o primeiro morreu e puxeron o seu nome a outro fillo nado despois). Algúns deles tiveron un papel ben destacado na sociedade do seu tempo.

Nova da morte de Xosé Rúa.

A familia estivo moi comprometida co liberalismo e coa reivindicación dos intereses de Galicia. A intensa relación co progresismo, mesmo co republicanismo nalgún caso, é un elemento clave para entender os proxectos persoais e profesionais, contactos, e traxectorias deses Rúa-Figueroa. O liberalismo era unha alternativa política e ideolóxica que, inicialmente, se identificaba coa revolución francesa de 1789, unha proposta antisistema fronte o Antigo Réxime e o absolutismo, a prol dun avance democrático nun contexto ben diferente ao actual. Durante o século XIX esa opción deu lugar a diversas fórmulas, polo que falar só de liberalismo sen poñerlle apelido é simplificar demasiado. En xeral os debates entre os diferentes grupos xiraban sobre o grao de soberanía dos cidadáns, e polo tanto o poder da Coroa, a extensión do dereito a voto e a atención ás reivindicacións populares.

Os Rúa–Figueroa e o resto dos liberais sufriron diversas derrotas e persecucións segundo avanzaba o século. O pai estivo preso de 1814 a 1820, na volta ao poder do rei felón Fernando VII, e foi perseguido de novo ao remate do Trienio liberal, polo que permaneceu no exilio de 1823 a 1832. Esa circunstancia provocou que Manuel, por idade (naceu en 1811), fose algo máis que un irmán para os seus, especialmente para Ramón.

Estes Rúa-Figueroa Fraga apareceron en primeiro plano da vida cultural e política compostelá nos anos corenta. Naquel momento os estudantes universitarios progresistas integráronse na Academia Literaria (nada en 1840). Un foro de debate da que foi promotor o militar ferrolán Domingo Díaz de Robles e na que xogou un papel importante –que incidiu na formación dos irmáns Rúa-Figueroa– Pedro Losada Rodríguez. Un crego peculiar, liberal comprometido, catedrático na universidade compostelá, reitor da mesma no período 1837-39. Entre os socios fundadores da Academia figuraban Antolín Faraldo, Antonio Neira de Mosquera, Antonio Romero Ortiz, Augusto Ulloa, Francisco Añón, Alberto Camino, Antonio Valenzuela e os irmáns Rúa-Figueroa. Ese grupo, inicialmente asociado ao progresismo, foi xerando unha alternativa ideolóxica diferenciada e innovadora, o chamado “provincialismo”, a atención preferente ás necesidades de Galicia. De tal forma que cando en 1846 tivo lugar un levantamento progresista (o que remataría cos “mártires de Carral”) van ser eles os lle incorporen contidos pioneiros sobre as reivindicacións galegas. Nese contexto, algúns sitúan a Manuel Rúa-Figueroa como alcalde de Santiago. En todo caso, os mozos da Academia Literaria ocuparán postos moi relevantes nas institucións creadas polos revolucionarios.

A derrota de 1846 foi seguida de represión e fuxida de Compostela, e en moitos casos de Galicia, dos implicados. Os máis comprometidos exiliáronse e bastantes abandonarían o ideario “provincialista”. Antolín Faraldo, Antonio Romero Ortiz e José Rúa Figueroa morrerán lonxe do país. De todas formas o compromiso daqueles mozos deixará pegada na etapa posterior. Nos anos cincuenta o Liceo de la Juventud acollerá, con ese espírito, a Manuel Murguía, Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, Luis Rodríguez Seoane, Rosalía de Castro, os irmáns De la Iglesia, etc. Murguía mantería unha importante relación cos Rúa-Figueroa, con Manuel e, sobre todo, con Ramón.

Manuel Rúa-Figueroa

Manuel residiu gran parte da súa vida na Coruña, onde exerceu a avogacía e participou na Deputación provincial. Como o resto dos irmáns, tivo inclinacións literarias e xornalísticas. Por exemplo, entre 1841 e 1842 fundou e dirixiu a Revista de Galicia, publicada en Santiago, subtitulada “Periódico de Ciencias, Literatura y Artes” (en 1880 Emilia Pardo Bazán crearía unha publicación co mesmo título principal). No número 10 dese semanario apareceu un interesante artigo do científico coruñés Ramón de la Sagra, colaborador nos proxectos daqueles mozos, quen explicaba a súa visita á exposición sobre industria belga en Bruxelas.

A súa intervención nun caso moi famoso naquel tempo, o de o “home-lobo” Manuel Blanco Romasanta, doulle moita sona ao noso avogado. O vendedor ambulante, natural de Esgos (Ourense) fora detido en 1852 e o xulgado de Allariz abriulle causa criminal por nove asasinatos. El confesou eses crimes, indicando que unha forza irresistible convertíao en lobo e que devoraba ás súas vítimas, das que non se atoparon os cadáveres. Foi examinado por seis médicos que afirmaron que non estaba tolo e recibiu a condena de pena de morte con garrote. O caso pasou en maio de 1853 á Audiencia da Coruña, onde actuou como avogado defensor Manuel Rúa-Figueroa, quen estimaba que unha valoración obxectiva do acusado esixía a intervención de expertos cualificados. Finalmente un indulto transformou a condena a morte en cadea perpetúa. Sobre o tema publicaría Rúa-Figueroa en 1859 Reseña de la causa formada en el Juzgado de 1ª. instancia de Allariz. Distrito de La Coruña, contra Manuel Blanco Romasanta, El Hombre Lobo, por varios asesinatos. Ordenada y publicada por R.F. (236 páxinas).

Ramón de la Rúa Figueroa

En anteriores episodios detallei o perfil como escritor e enxeñeiro de minas de Ramón. No ámbito profesional, encargouse da xestión de minas e publicou numerosos traballos técnicos, salientando en metalurxia. Morreu novo, con menos de cincuenta anos. Casara con Carmen Guzmán García e tiveran tres fillos, Ricardo (1859-1914), tamén enxeñeiro de minas, Ramón e Emilio. Ricardo e a portuguesa de orixe italiana Clotilde Biava Bonte foron os pais de Ricardo Rúa-Figueroa Biava (1892-1940), terceira xeración de enxeñeiros de minas.

Xosé Rúa-Figueroa

Xosé estudou Medicina pero se dedicou ao xornalismo e á política. Con Romero Ortiz compartiu numerosos proxectos literarios, xornalísticos e políticos. Fundaron en 1842 Santiago y a ellos, un semanario satírico de literatura e costumes no que tamén colaboraría Faraldo e redactaron algunha obra teatral; os tres coinciden na fundación de El Porvenir. Revista de la Juventud Gallega, dirixida por Faraldo en 1845, no que que expresarán o ideario do provincialismo.

Como o resto dos compañeiros implicados na revolución de 1846, Xosé tivo que fuxir de Galicia. Finalmente estableceuse en Madrid, onde participou activamente no levantamento de 1848 contra o Goberno de Narváez. En maio estivo nas barricadas e, fracasado o intento, veu para A Coruña, xunto a Manuel, porén non puido evitar o cárcere. Volveu a Madrid, onde dirixiu en 1850 o xornal La Nación, voceiro do Partido Progresista. Contou na redacción co seu vello amigo e correlixionario Antonio Romero Ortiz. Colaborou no Semanario Pintoresco Español, no que tamén escribiron Antonio Neira de Mosquera e Romero Ortiz. Nesa publicación aparecerían La Cascada del Toja e Paso del Ulla en San Juan de Cova, asinados por Xosé pero de autoría de Ramón (Maffei, 1870).

O 22 de abril de 1853 un grupo de liberais galegos residentes en Madrid, algúns deles deputados (Ramón de la Sagra, Domingo Fontán, Daniel Carballo, Vicente Alsina, Eduardo Chao, Antonio Romero Ortiz, Xosé Rúa Figueroa, Antolin Faraldo, Manuel Bertemati, Benito Amado, Pedro A. Mourin e Manuel Somoza) promoveron unha función benéfica no Teatro del Príncipe, para poder “suministrar un pedazo de pan á los hambrientos de Galicia”, que pasaban momentos de moitas penalidades nun ano que pasou á historia como “o da fame”. Un reencontro de vellos camaradas que xa non se repetiría pois dous meses despois morreu Antolín Faraldo. En La Nación escribiron unha sentida necrolóxica Xosé Rúa-Figueroa e Antonio Romero Ortiz. Nela dicían: “Como hijos de Galicia, como escritores públicos, como liberales y como amigos, vamos a tributar en estas líneas un doloroso homenaje a la memoria del que acaba de desaparecer de entre nosotros dejando tras de sí una vida corta en años, dejando delante de sí un porvenir de legítimas esperanzas...”. E engadían: “Náufrago, como nosotros, de la revolución de Galicia (...) víctima también como nosotros de las persecuciones de 1848”.

Ao ano seguinte tivo lugar a revolución progresista de 1854, a que permitiu a José Pardo Bazán ser alcalde da Coruña e despois deputado en Madrid. Xosé, membro do grupo dirixente do seu partido, estivo detido en diversos momentos e interveu en postos de gran responsabilidade entre os rebeldes. O 17 de xullo foi dos primeiros en entrar no Concello de Madrid e formou parte da Junta de Salvación, Armamento y Defensa de Madrid, presidida por Evaristo San Martín. Tamén se integrou na comisión que entregou un escrito coas demandas dos alzados a Isabel II. A pesar do destacado papel xogado e da súa relevancia no Partido Progresista non quixo acceder a altos cargos, só dirixir a Gaceta, o equivalente ao Boletín Oficial del Estado. Resultou elixido deputado no Congreso en 1854 pola provincia da Coruña pero morreu axiña, en maio de 1855, especialmente novo (acababa de cumprir trinta e cinco anos). A necrolóxica no que foi o seu xornal, La Nación, explicou a importancia da perda: “El Partido progresista debe de cubrir de luto sus banderas”.