Para Carmen Penim, que a súa música estivese entre os traballos seleccionados para gañar un premio Opinión da Música de Raíz, era xa un agasallo. Finalmente, resultou gañadora na categoría de mellor adaptación dunha peza tradicional polo tema Aí vén o barco do mare. Nun tempo tan complicado, no que a pandemia paralizou as actuacións en vivo, asegura que este recoñecemento ao seu traballo significa “un pulo máis” para seguir creando e para seguir reivindicando a música de raíz e a súa mestura con outros ritmos.

Que supón este premio para a súa carreira musical, sobre todo neste ano tan raro marcado pola pandemia?

É moi difícil poñerlle palabras á emoción dese momento. Cando nos dixeron que escolleran a peza como finalista quedamos bastante sorprendidos porque nós sabemos que hai moitos grupos boísimos de música de raíz e pensabamos que a nosa, que é unha proposta máis de fronteira entre o jazz e a música de raíz, non nos habían ter en consideración. Eu sempre dixen que estar entre os nominados xa era un premio e que persoas expertas na música de raíz tivesen en conta o noso traballo, para nós tiña moito valor. Cando dixeron o meu nome non o podía crer. É un ano moi difícil e o disco saíu con seis meses de retraso, agora estamos xa cun proxecto novo e o premio o que nos deu foi moito osíxeno para seguir.

No agradecemento fixo unha referencia non só ás mulleres do mar senón a todas aquelas que ensinan e que están sempre aí.

Neste disco puxemos nas fotos a colcha que fixo a miña bisavoa e un pequeno texto sobre esta peza. A min esta música conéctame moito cos meus primeiros anos na aldea. Vivía nunha casa de mulleres e a herdanza cultural e musical foi transmitida polas mulleres. Eu quería dedicarlles este disco, penso que é moi importante facer visible o traballo humilde, non o das grandes mulleres cun nome xa na historia, senón o das nosas nais e as nosas avoas, que fixeron un traballo continuo e invisible.

O mundo da cultura foi un dos máis afectados pola pandemia, aínsa agora están empezando a traballar, como afectan estas condicións ao seu traballo creativo?

Non estamos igual en todas partes, hai cidades nas que se seguiu traballando, con restricións, pero en Madrid ou Barcelona, por exemplo, non se parou tanto coma aquí. A verdade é que aquí, tal e como están as medidas de desinfección, de distancia e de control de asistencia é case imposible que alguén se contaxie. Eu alzo a voz, porque non só hai que volver senón que hai que recuperar o tempo perdido, porque a xente fixo proxectos igualmente, e non poden pasar de moda só porque nacesen no ano da pandemia. Ademais, os concellos teñen orzamentos de cultura parados e agardo que lle dean moita vida ás vilas. Logo de tanto esforzo por parte dos músicos que colaboran neste disco, o que eu quero agora é que saian moitos concertos para compensalo. Porque o disco saíu en novembro, pero aínda o imos presentar este mes, en Vigo. Estamos moi ilusionados, pero queremos que saian máis concertos porque é un espectáculo moi divertido e moi alegre, no que o público conecta moi ben coa s pezas porque xa as coñece. e incluso canta con nós.

Con este disco aínda sen presentar, xa están traballando en novos proxectos?

É que como este saíu con tanto retraso solápanse os proxectos. Temos outro que se chama Ven, que che canto un conto, que é un espectáculo infantil de Dous na fronteira para rapazada de tres a nove anos, con contos que eu escribín inspirados nas poesías que musicamos. Son contos con base na igualdade, na ecoloxía, no uso do galego, son fábulas e ímolo estrear nunha escola rural, porque tamén pensamos que é importante dinamizar o rural. Eu agardo que a situación se normalice pouco a pouco e que a xente que programa cultura se conciencie de que é importante apoiala porque a cultura é a que te saca da tristeza, é coma unha pequena illa que te refresca e é moi importante que se aposte pola música, polo teatro, pola danza... para que a xente poida ter tamén un lugar de encontro cos veciños e tamén cos nenos.