Este domingo fanse cen anos da primeira vez que a bandeira galega ondeou nun edificio oficial, e foi no Palacio Municipal da Coruña, cuxa corporación foi a única en aceptar un chamamento feito polas Irmandades da Fala ás principais cidades da rexión para pendurar a insignia o 25 de xullo. Vinte dúas plumas do colectivo de ilustradores Coruña Gráfica contan a historia e papel deste símbolo, a través do cómic e o debuxo, na mostra 1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Pazo Municipal, inaugurada o pasado 1 de xullo e que se pode visitar na sede do Concello ata o domingo.

Cómic sobre a orixe da bandeira galega, no pazo municipal. | // VÍCTOR ECHAVE

Segundo sinala o artista Manel Cráneo, comisario da exposición xunto co historiador e experto en cómic Henrique Torreiro, a idea naceu como parte das colaboracións entre Coruña Gráfica e o Concello, e requiriu dun traballo de documentación “moi divertido e intenso” no que tamén colaborou o historiador Xosé Alfeirán. A historia da bandeira non é doada de rastrexar, pero, “segundo a teoría que nós manexamos” o antecedente foi a aspa celeste sobre fondo branco coa que se matriculaban os buques no porto da Coruña no século XIX. Nesa época, de forte emigración cara América, comezou a empregarse “como elemento identitario” polos expatriados nos centos de vilas americanas nas que os galegos viviron e morreron perseguindo unha vida mellor.

Ilustracións sobre a bandeira galega. | // V. ECHAVE

A equis celeste, sinala Cráneo, estivo presente nestas datas na inauguración do centro galego de La Habana, e aínda se pode ver en mans duns retornados que baixaban do avión nos anos 60 do século XX. Pero, a finais do XIX, o Goberno ruso queixouse porque a insignia confundíase coa dos seus barcos e pediu que a cambiasen, chegando ao modelo actual. “A nosa identidade a nivel de bandeira xerouse fóra de Galicia” explica Cráneo, e este papel da emigración amósase nun cómic, guionizado polo artista e por Manuel López Poy e debuxado por Alberto Taracido e Rubén Rial (con experiencia á hora de ilustrar ambientacións históricas), que conforma parte da mostra.

O percorrido pola historia volve a estar vencellado á Coruña polas Irmandades da Fala (cuxa primeira agrupación se constituíu en 1916 na cidade). Estas comezaron a celebrar o 25 de xullo como día de Galicia en 1920, sinala Cráneo, e cando o ano seguinte pediron aos principais concellos da rexión que pendurasen a bandeira para celebralo, o concelleiro republicano nacionalista Luis Peña Novo recolleu a reclamación e o pleno coruñés aceptouno “sen ningún tipo de complicación”, segundo permite comprobar a acta que consultaron os organizadores da exposición. Outras cidades, como Vigo, tardarían anos en unirse á iniciativa. “A Coruña é pioneira e temos que contar que o emprego institucional nace na cidade” explica Cráneo.

Toda esta parte explícase no cómic desde o punto de vista “da cidadanía”, sinala o autor, pois esta, en sentido amplo, é a protagonista da historia e o colectivo ao que representa a insignia. Sen limitacións: “reafirmámonos en que a bandeira é algo de todos, queríamos que amosase unha Galicia aberta: se es de Senegal e vives aquí, tamén es galego”, explica.

Esta aproximación tamén se ve na outra parte da exposición, conformada por preto de vinte ilustracións individuais de membros de Coruña Gráfica que vencellan a bandeira con distintas dimensións da comunidade, como o deporte. Nun principio, de feito, esta parte era a que ía conformar a mostra, pero o estudo da historia fixo que aos responsables lles parecese interesante facer unha labor divulgativa contando os seus inicios, e para isto, “o mellor medio é o cómic”. Así, as dúas vertentes, a da historia estruturada e a das ilustracións individuais, compleméntanse.

Estas segundas foron un experimento “que gustou moito” entre os ilustradores participantes, explica Cráneo, e enriquecen a exposición dado que cada autor aporta o seu estilo persoal e enfoque, ofrecendo unha visión de “pluralidade e diversidade”. Que se ve potenciada pola existencia, na Coruña, dun “panorama autoral moi rico”: na mostra participan un ilustrador de 26 anos e algún outro xa xubilado, con artistas que se estrean como profesionais nesta mostra.

O colectivo, promete Cráneo, seguirá disposto no futuro a facer outros proxectos co Concello. Polo momento, 1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Pazo Municipal pode verse gratuitamente esta semana de luns a domingo, de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.