Só quedan uns días para o comezo do curso. Os colexios prepáranse para recibir aos alumnos, os gritos, as carreiras e os sorrisos. Outra vez tras unha máscara, pois segue practicamente igual o protocolo de coronavirus, explica o presidente da Asociación de Directores de Colexios Públicos e director do Curros Enríquez, Antonio Leonardo Pastor.

Como será o novo curso?

En principio, o novo curso preséntase de maneira similar ao do ano pasado. O protocolo da Consellería de Educación ten unhas pequenas variantes. Aféctannos pouco en Infantil y Primaria, aínda que si é certo que poderemos mesturar nenos do mesmo nivel. Por exemplo, os alumnos de 4ºA e 4ºB poderán facer xuntos o recreo. E non cambia moito máis. É certo que o protocolo da Xunta do ano pasado empezou con moitas dúbidas, pero puidemos comprobar que deu un resultado positivo. O curso foi presencial durante todo o ano, así que nese sentido podemos estar tranquilos, tendo en conta que aínda estamos dentro dunha pandemia.

Mantense o ratio de 25 alumnos por aula ou hai cambios pola redución da distancia?

Seguimos cos 25 alumnos por clase. A Consellería non vai aumentar ese número. Aqueles niveis que superen os 25 alumnos, terán que desdobrarse, coma o ano pasado.

Que cambia que a distancia pase de 1,5 a 1,2 metros?

En Infantil e Primaria, nada. Nós mantemos os grupos burbullas, que son grupos estables de convivencia, así que a distancia será a mesma. Pode influír máis en Secundaria, onde esa distancia é máis efectiva e se pode levar a cabo.

Pero os grupos burbulla se amplían nalgúns espazos.

Si e non. No recreo, poderase aumentar o grupo a un mesmo nivel. Poden ser dous grupos, pero do mesmo curso. Nunca de cursos diferentes. Esa é a pequena modificación que hai con respecto ao curso pasado.

O avance da vacinación permite ser optimistas?

Ese escenario máis positivo contémplase, sobre todo, para Secundaria. En Infantil e Primaria, os nenos non están vacinados, así que será como o ano pasado. O día que estean vacinados, mudará a situación. Pero, de momento, os menores de 12 anos non teñen vacina. O profesorado si que está vacinado.

A experiencia axuda a iniciar o curso dunha forma diferente a de hai un ano?

A verdade é que si. O curso pasado había moita incerteza por esta situación. Agora temos un ano de experiencia e sabemos como pode resultar. A situación é moi similar e se afronta doutra maneira, cun pouco máis de tranquilidade. Unha tranquilidade relativa, porque nos gustaría que volvese a normalidade absoluta, pero non pode ser.

Confían en que o escenario sexa diferente en 2022?

Supoño que será un ano de transición cara a normalidade. O ano pasado tamén foi un curso de transición. Todos pensabamos que este curso podía ser máis parecido a normalidade, pero non, aínda que todo vai depender da evolución da pandemia. Os expertos neste tema son os que teñen que definir como temos que actuar.

A presencialidade segue sendo o obxectivo?

Penso que si. É importantísimo que en Infantil e Primaria o ensino sexa presencial. Para momentos puntuais, temos as aulas virtuais operativas para poñelas en funcionamento, pero ten que ser temporal, dez ou vinte días, non máis. Se non notaríase nos resultados. Os nenos de Infantil e Primaria necesitan da presencia dun adulto, non teñen a autonomía dos alumnos de Secundaria.

Nenos que demostraron estar preparados para adaptarse a nova normalidade.

Si. Unha das cousas que máis me asombrou o ano pasado foi a concienciación dos nenos. A principio do curso pensaba que ía ser complicado que mantivesen a máscara e non houbo ese problema. É para darlles unha medalla. Reaccionaron moi ben e hai que agradecelo.