Aos cargos institucionais que ten no Concello e na Deputación, José Manuel Lage (Outes, 1977) vén de engadir outro, o de secretario de Organización do PSdeG da man do novo líder do partido, Valentín González Formoso. Lage advirte a apertura dun ciclo de “esperanza” no partido, relegado á terceira forza política logo das últimas autonómicas, mentres defende o diálogo, fluido desde hai meses con Marea Atlántica e problemático co PP, como ferramenta coa que levar o mandato municipal a unha etapa de estabilidade ás portas da aprobación do orzamento de 2022.

Concelleiro, deputado provincial e agora número dous do PSdeG-PSOE. Cal é o seu peso no partido?

Teño a responsabilidade de organizar o PSdeG e de ser un leal colaborador do secretario xeral, Valentín González Formoso. Basicamente hai que facer que a nosa organización máis que centenaria funcione o mellor posible.

Máis traballo. Ten tempo e folgos para tanto?

Creo que combinamos ben as responsabilidades institucionais coas orgánicas. Nestes últimos catro anos así o fixemos Valentín e máis eu na dirección provincial.

Vostede sempre resalta as instruccións que lle dá a alcaldesa no Concello. As de Valentín no partido, cales son?

Que organice como o fixemos estes catro anos na provincia, poñendo os meus coñecementos e a miña capacidade ao servicio da organización. Eu son unha persoa que intento buscar acordo e entendemento. Galicia está a esperar unha proposta de goberno alternativo ao do PP e esa é a nosa responsabilidade na apertura dunha nova etapa para o PSdeG e nunha Galicia de maioría social progresista.

Mais o PP non da mostras de fraqueza e o BNG é a segunda forza.

Os galegos e as galegas saben que o PSdeG é unha forza testada e confían en nós no ámbito municipal, onde gobernamos a máis do 60% da poboación galega, en 110 concellos e tres deputacións. Somos unha forza recoñecida e confiable, con ampla experiencia. Tamén é certo que temos moita tarefa por diante. O último congreso abre unha etapa de esperanza.

Dixo a alcaldesa que o partido ten que mirar para Galicia e non para dentro, para si mesmo. Por que non ten mirado para fóra?

Comparto esa reflexión, tamén o dixo o secretario xeral. O partido ten que ser quen de abrir as súas portas para visibilizar o seu talento e poñelo ao servizo do país. Pensamos que os gobernos conservadores de Feijóo viven na resignación, que desprazan a responsabilidade cara outro sitio, cara os concellos ou o goberno de España. Parecen máis un equipo de tertulianos que opinan sobre os asuntos sen ter eles ningunha responsabilidade. Fronte a esa resignación está a ilusión de PSdeG, que coñece a realidade socioeconómica galega.

Por que na Coruña agora o PSOE ten unha boa relación con Marea e non se entende co PP?

Desde o primeiro día traballamos coa indicación de dialogar con todas as forzas políticas. Iso é indiscutible: temos tratado máis de 140 asuntos e aprobamos 143, 50 por unanimidade. Demostra o bo talante do Goberno e dos grupos da oposición, un exemplo son os dous Presco. Desde a metade deste ano vemos o intento do PP de poñer atrancos e facer pinza coa Marea. Se lles fixo una proposta de apertura de negociación a todos os grupos e o PP, polo que fose, se cadra pola súa interinidade ou a falta de liderado local, o rexeitou. A Marea fixo un ofrecemento, recolleuse o guante e abrimos conversas. Iso creou un ambiente propicio para chegar a acordos, como así foi en varios ámbitos: sostenibilidade, cultura, ordenanzas fiscais, urbanismo… Estamos nun bo momento.

Como para chegar a aprobar o orzamento e non prorrogalo de novo, aínda que non entre en vigor o 1 de xaneiro?

Estamos traballando para que se dean estas condicións, mais quero ser prudente.

Cedendo o PSOE e cedendo a Marea nas negociacións?

Non sempre saen todos os asuntos que un formula. Pero hai boa disposición en busca de acordos.

Para sacar o orzamento o PSOE precisa máis que nunca no mandato do apoio de Marea. Por iso ese achegamento?

O Goberno local pon sempre por diante o interese da cidade e agarda que ninguén obstaculice a aprobación das contas. Están abertas as opcións de entendemento.

Ten o apoio de Marea para mercar os peiraos?

O relevante é que o as dúas forzas sexamos capaces de acordar o conxunto do orzamento. Cada un pode ter as súas prioridades, pero ninguén vai poñer obstáculos insalvables, sería pouco intelixente que os houbese. O diálogo é a ferramenta de traballo. As políticas sociais, de mobilidade e de sostenibilidade son nas que se porá acento.

Para o BNG pagar polos terreos portuarios é unha liña vermella. Non o é para Marea?

Non as hai para ninguén, nin para o BNG. Cada quén se expresa dun xeito, pero todos coincidimos na necesidade de que os peiraos teñan aproveitamento público e sexan patrimonio da cidade.

Nalgún momento do mandato Marea quixo entrar no Goberno?

Ao longo do mandato se teñen producido moitas conversas pero neste momento non estamos na conformación do Goberno municipal. A alcaldesa, no ano 2019, decidiu un goberno monocolor. Agora hai un entendemento construtivo coa Marea e ese é o escenario no que hai que traballar no mandato.

E o BNG quixo entrar tamén?

Respondo o mesmo. Hai tamén un diálogo bo e frutífero co BNG.

Que lle molesta máis ao PP: que o PSOE dialoge con Marea ou que, como insisten, non fale co PP?

Temos con eles un diálogo constante, pero non temos coincidencia en bastantes puntos. Cando houbo que chegar a acordos con eles non tivemos problema. O Goberno de Inés Rey é dialogante, nada sectario, que fala á esquerda e á dereita, respondendo ao talante aberto e liberal da cidade. Os coruñeses non esperan de nós posicións dogmáticas nin fundamentalistas, senón pragmáticas e non excluíntes. A conversa permanente cos grupos está á vista. Pode haber momentos de tensión nos plenos. Respeto a todos os voceiros que tivo o PP: Rosa Gallego é unha política curtida que fai moi boa oposición e a teño louvado, como a Beatriz Mato e a Roberto Rodríguez. E dos demáis voceiros só podo ter palabras positivas. Por que na política todo ten que ser branco ou negro? A política non é así, tense que romper a idea de polarización, xa está ben de que se teña que insultar e descalificar ao adversario, cando todos temos un fin común: que á Coruña lle vaia ben.

Os populares levan tempo destacando a idea de que vostede manda na cidade tanto como Inés Rey. Din que hai un goberno “de Rey e Lage”.

Eu son un humilde colaborador da nosa alcaldesa e o que fago é seguir as liñas que ela fixa. Detrás desas expresións advirto un tufillo de machismo. Dáme bastante pena que se lle quite valor á alcaldesa. Iso o que mostra é a debilidade do PP. E se me permite dicilo, eu non mando nin na miña casa.

“Comprométome a que o escenario de diálogo culmine nun acordo sobre as reivindicacións de policías e bombeiros”

Por que durou tanto o conflicto coa Policía Local polas súas demandas laborais e por que semella aclararse agora?

O Goberno local dixo sempre que todas as reivindicacións laborais eran lexítimas e que as negociacións serían posibles se se fixeran baixo presión. Quen se movilizaba deixou de facelo e o Goberno se sentou na mesa de negociación coa maioría dos sindicatos para estudar a mellora das condicións do conxunto de traballadores municipais, comenzando cos corpos especiais de seguridade. O espazo de diálogo está aberto e comprométome a que este escenario culmine nun acordo satisfactorio que dé resposta ás reivindicacións da Policía Local, dos bombeiros e dos funcionarios. Podemos estar orgullosos de todos os empregados que ten o Concello, como demostraron no confinamento da pandemia, sen ter días de descanso. Remata o ano e queda menos dun ano de mandato.

Que reto principal ten o Goberno local?

Creo que hai tres retos inmediatos: que nas próximas semanas se poidan sacar adiante os orzamentos; aproveitar as convocatorias de fondos europeos para proxectos estratéxicos para a cidade apostando pola sostenibilidade e unha nova mobilidade; e a mellora das políticas sociais a través dos servizos ás familias, o servizo de axuda no fogar e a aposta por un plan municipal de vivenda.

E o reto de Lage no PSdeG?

Os meus retos non son persoais, eu concibo a política como algo colectivo e cooperativo e nunca fixen política de xeito individual. Son un colaborador de Inés e de Valentín nas tarefas que se me teñen asignadas.