Xa en marzo do ano pasado, o escritor Xurxo Souto contaba neste xornal que tiña “un soño” o de facer unha presentación da reedición do seu libro O retorno dos homes mariños en Lisboa. A súa idea non era levar a novela a unha librería calquera do centro senón á capela do Santo Amaro, o santo navegante, coñecida alí como Santo Amaro dos Galegos, porque xa daquela andaba matinando no paralelismo de Amaro co irlandés Brandán. Até principios dos século XX a comunidade migrante máis importante era a dos chegados do país veciños “Eran os aguadeiros, porque eran os que repartían a auga. Coñecíanos como os Aús [cun u moi longo]. Eles celebraban unha romaría e o seu patrón era o Santo Amaro, o que pasa é que esa romaría se deixou de celebrar no 1911, coa chegada da República, xa que algúns dos edificios relixiosos foron secularizados e esta capela tan bonita e de base octogonal, foi convertida nunha carbonería. Tempo despois recuperouse como capela, pero a romaría xa non tiña esa forza”, relataba onte Xurxo Souto, de volta á Coruña no coche e coa voz de saber que non só cumprira un soño, senón de que era mellor do que el imaxinara, porque na memoria dos habitantes desta freguesía lisboeta seguía viva a lembranza desta romaría desaparecida até esta fin de semana.

“Un grupo de galegos en Lisboa, como o escritor Carlos Callón ou o lector de galego Antón García, a poeta e escritora María Dovigo decidiron recuperar a romaría e chamáronme a min porque sabía que andaba con esa teimosía de reivindicar ao Santo Amaro, porque Santo Amaro é un santo que non existe. Non está no santoral da igrexa católica, pero como tiña tanta devoción, identificouno con Mauro, aínda que non tiña nada que ver”, relata Xurxo Souto que, desde esta fin de semana, ten o compromiso coa freguesía para volver en xuño, cando os veciños fan as súas festas grandes e de recuperar esta “conexión directa” da Coruña con Lisboa. “Foi moi emocionante, porque fomos á capela, que estaba aberta, e empezaron a chegar veciños de Santo Amaro e todos lembraban que era a capela dos galegos e cando lles dixemos que nós eramos galegos e que queriamos recuperar a romaría foi coma unha catarse. Era como se nos estivesen esperando, dixo a poeta María Dovigo e era certo”, di aínda sen crer moito o que pasou Xurxo Souto, e asegura que, aínda que “modesta”, foi unha festa “marabillosa”, porque volveron sonar as gaitas e as pandeiretas nas rúas de Santo Amaro de Lisboa, como o fixeran 111 anos atrás.

Outra das coincidencias máxicas que propiciou o Santo Amaro foi que asistise a este acto João Carré, o bisneto de Uxío Carré, que foi o que recuperou a lenda do Santo Amaro navegante e descubridor da illa do Paraíso, en 1925, na parroquia San Miguel de Figueiroa, en Abegondo.