Para atopar respostas, cómpre facer as preguntas axeitadas. Para que alguén respondese “Aquí pasou o que pasou”, houbo quen tivo que preguntar antes “Que pasou aquí?”. Algo parecido reflexionan as compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante na peza teatral A lúa vai encuberta, que revisita as inquedanzas do escritor e poeta Manuel María alá polo ano 1977. Os actores tratan, nesta ocasión, de dar resposta a unha incógnita un pouco máis concreta, “Como chegamos ata aquí?” hoxe, ás 20.30, no teatro Rosalía de Castro.

“Trátase dun texto que Manuel María escribe para o Grupo de Teatral da Asociación Cultural Auriense. Pretendía poñer en escena as contradicións da historia de Galicia, moi centrado no desexo de que Galica tivese voz propia na política do momento”, explica o director da peza, Tito Asorey. Os integrantes de ambas compañías revisitan o texto da man da adaptación de Vanesa Sotelo. Ambos compartirán táboas, ademais, con Melania Cruz e Davide González, responsable de musicar a proposta; unha peza que recolle os episodios fundamentais da historia de Galicia dende o ano 1936, dotada dun grande significado que comeza na escolla do título.

“A primeira versión que se fixo desta peza titulábase A noite ten un camiño. Aí se pensaba que aínda podía ser posible o autogoberno. Coa chegada da democracia, decidiuse cambiar o título por A lúa vai encuberta, que fala do que non foi. Deixouse de ver o camiño, pero a luz da lúa segue dentro de cada personaxe”, sinala Asorey. Os participantes revisitan as ideas do poeta da Terra Cha e, malia que a dramarturxia resultante amosa certo apego á actualidade, non foi preciso marcar as distancias, pois a peza nunca chegou a representarse en vida de Manuel María. “A partir desa testemuña, queriamos esclarecer esa historia oculta de Galicia que permaneceu máis na sombra”, explica o director da peza.

Para servir a este propósito, a obra percorre episodios singulares da historia contemporánea, dende o primeiro Estatuto de 1936 e ata a democracia nacente de 1977. Polo camiño, desfilan pola peza capítulos imprescindibles como o estalido da Guerra Civil, a guerrilla antifranquista, o impacto da ditadura de Franco e o ascenso das autoridades da xerarquía franquista, así como aacontecementos da historia industrial como as loitas obreiras de 1972 en Ferrol e en Vigo. Unha peza que non escatima en crítica e se pregunta onde estariamos agora se as cousas tivesen acontecido doutro xeito.

“Fala tamén desa intelectualidade galega dos anos 50, protagonizada por Ramón Piñeiro. Hai moita crítica ao feito de que decidisen deixar de lado a loita galeguista política, que pasa a ser un feito meramente intelectual”, xulga Tito Asorey. “Explóranse as posibilidades políticas que tiña a Galicia do momento. Manuel María fai ese percorrido pola historia tratando de dar luz a esa Galicia que quizais parece sorprendente. O que tivo a oportunidade de ser e non foi”, reflexiona. A conclusión sobre como e por que se artellou a Galicia resultante trala transición e a democracia, fica a criterio do espectador, que asistirá a unha proposta cuxa intención vai máis alá de representar unha mera leción de historia.

As maneiras, adiantan, tampouco son as habituais nas pezas teatrais de hoxe. “É unha peza que ten moito humor e moita crítica, pero ambas mestúranse. A música de Davide González ten un grande peso na historia, que aparece contada dende distintas visións, como a farsa ou a teatralidade propia dos grupos dos 70”, asegura o director.