Escritora, activista, feminista, militante. Mais tamén unha amiga fiel e unha persoa que mira ao futuro, dende a lonxevidade, con ilusión e vitalidade. Luz Fandiño é moitas cousas, todas elas recollidas, pola mirada agarimosa da directora Sonia Méndez e da produtora Nati Juncal, socias da produtora Cósmica, na peza A poeta analfabeta, que o teatro Colón proxectará este xoves ás 20.00 horas co mellor acompañamento posible: o da propia Luz Fandiño, que asistirá, aos seus 88 anos, á revisión do seu periplo vital en imaxes como unha espectadora máis.

O teatro Colón será ademais escenario dun coloquio conducido pola xornalista Tareixa Navaza, no que participarán a directora do filme, a propia protagonista e mais Lourdes Pérez, responsable da biblioteca de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e amiga da escritora e activista. A palabra non será o único elemento chamado a encher o auditorio, pois estará acompañada pola música do grupo Habelas Hainas, responsables da banda sonora dun documental que, ademais dun repaso á propia traxectoria, é unha homenaxe e un descubrimento.

"Supón o descubrimento dunha persoa poliédrica, unha muller que viviu moitas das realidades máis duras do século pasado: por emigrante, por muller, por roja e por pobre”

“A peza xorde dunha proposta de Nati Juncal de contar o periplo vital de Luz Fandiño. Para min supón tamén o descubrimento dunha persoa poliédrica, unha muller que viviu moitas das realidades máis duras do século pasado: por emigrante, por muller, por roja e por pobre”, explica a directora, Sonia Méndez, que se achega, por primeira vez na súa carreira, ao xénero documental da man de A poeta analfabeta. “Ela é unha persoa coñecida en certos núcleos de Santiago, pero fóra de aí, un pouco menos. É interesante dala a coñecer, sobre todo esa parte humana. Foi moi enriquecedor descubrila, coñecela, vivir o día a día con ela”, lembra Sonia Méndez.

O documental, que tivo a súa estrea no festival Cineuropa, terá ao teatro Colón como punto de partida dunha xira destinada a levar ao longo e ancho de Galicia a figura da muller que se agocha trala poeta analfabeta. Poucos nomes tan ben escollidos para titular unha peza que fala dunha persoa perseverante que non por non ter aprendido a ler e escribir cando tocaba renunciou a participar e se posicionar politicamente, ata se converter nun auténtico referente para as moitas xeracións que entraron en contacto coa militancia seguindo o seu exemplo. “Foi unha das cousas que máis me fascinou dela: o interese que esperta na xente máis nova. É moi interesante ver que é unha muller que, pese a diferenza de idade, conecta coa xente que ten 18 anos no século dixital”, explica Méndez.

A historia de Luz Fandiño é unha historia de resistencia. A da nena que pasou fame na infancia, que non puido recibir educación debido á miseria do seu fogar e que foi empurrada á emigración tras quedar orfa. Na Arxentina traballou como criada doméstica e fixo un descubrimento que lle cambiou a vida: o do Centro Gallego de Bos Aires, que lle abriu a porta á escrita e lle converteu, segundo as súas propias palabras, na poeta dos pobres e dos desherdados.

A estrea do filme e a presenza de Luz Fandiño fai xustiza a todas esas ocasións nas que o homenaxeado ten que agardar a estar morto para obter recoñecemento. “Cando lle puxemos o documental, gustoulle moito. Viuse moi reflexada. É moi fermoso facer este tipo de eventos, porque ela está viva. Hai que homenaxear á xente cando está en vida. Este vai ser o primeiro pase en condicións que imos poder facer despois dos pases hiperreducidos da COVID. É emocionante”, asegura Sonia Méndez.