Ía calor aquel domingo de xuño do ano 1897. Axudado polo seu cativo, a piques de cumprir os catorce, instalou no balcón de Fotografía de París o cinematógrafo para captar a procesión que acompaña o cadaleito do xeneral Sánchez Bregua. A Joseph gustáballe o cheiro a vidro e a química e todos os trebellos coma o quinetoscopio ou o animatógrafo que anunciaban a fotografía animada. Ao fotógrafo Sellier non lle daba preguiza viaxar a París ou Lyon e traer á Coruña la dernière mode.

Joseph Sellier, coa súa muller en 1915. | // LA OPINIÓN

Moito lle agradaba, antes de xubilarse como cineasta, coller o seu Lumière e filmar durante un minuto a praza de Mina ou o Cantón Grande, o mar bravo do Orzán ou un temporal en Riazor, os obreiros do Matadoiro ou os fregueses de San Xurxo, a descarga de carbón ou a chegada dos feridos de Cuba ao porto. E levar as súas proxeccións a Vigo, a Ferrol e a Compostela.

Na casa de Charles Saunier, reúnense os franceses que viven na cidade e persoeiros ilustres como Pardo Bazán, Carré Aldao ou Sofía Casanova. Escoitan ao piano a Eugenia Osterberger. Como Saunier dirixe a fábrica de gas, Sellier pídelle permiso para facer unha película antes de entrar no chalé anexo á fabrica e saborear con saudade un Château La Bridane.

No seu salón de San Andrés, a súa muller Marie explica como funciona o cinematógrafo mentres Esteban coloca os espectadores nas súas cadeiras e Joseph explica unha a unha todas as súas películas. Non sen antes presentarse como retratista, obreiro da fotografía e amigo de inmortalizar as paisaxes e as emocións da cidade que fixo propia. En breves unidades de dezaseis fotogramas por segundo, mudas, en branco e negro, con plano único e personaxes ocupando a metade da pantalla.

Sellier volvera ao oficio de retratista, mercara casa no Camiño Novo e alí faleceu con 72 anos un día moi sinalado: o mesmo no que nacía na rúa Panadeiras a actriz María Casares. Era martes, 21 de novembro de 1922.

María Casares foi en Francia unha obreira do teatro. Gustáballe queimar os demos no escenario, penetrar na alma de cada obra e no labirinto do autor, traballar con outras persoas e mirarse no espello do público. É o teatro que lle abre a oportunidade do cinema para facer dezanove películas e unha ducia de curtas desde o Guernica de Robert Hessens e Alain Resnais até Les Deux Mémoires, de Jorge Semprún.

María Casares indaga no territorio do amor e o desamor, a liberdade e a felicidade, sobre o mundo do teatro, a súa patria.

María debuta no cinema con 22 anos en dúas obras de culto realizadas en plena ocupación alemá e estreadas en 1945. Son Les Enfants du Paradis, de Marcel Carné e Les Dames du Bois de Boulogne, de Robert Bresson. María indaga no territorio do amor e o desamor, a liberdade e a felicidade, sobre o mundo do teatro, a súa patria.

O amor, o crime, a vinganza e o prohibido devalan nos seguintes traballos cinematográficos de 1946 e 1947 ás ordes de Andre Cayatte, Pierre de Hérain e André Zwoboda.

En 1947, xa orfa de nai, María pasa seis meses en Roma acompañada polo pai, rodando con Gérard Philipe La Chartreuse de Parme, de Christian-Jaque. A película, estreada en 1948, supúxoselle polo papel da duquesa Sanseverina a concesión do Gran Premio da interpretación feminina no Festival suízo de Locarno. A vida íntima e amorosa de María, moi complexa, pairou sobre a rodaxe.

En 1948 María Casares interpreta en Bagarres de Henri Calef unha labrega esquiva, enfrontada ao incesto, a violencia, o amor e a morte. Logo de L´Homme Qui Revient de Loin, de Jean Castanier (1949), en Ombre et Lumière, de Henri Calef (1950) actúa como antagonista de Simone Signoret. Dúas irmás namoradas do mesmo home. Aquel ano morría no pombal de París o seu pai Santiago.

María establecera daquela, antes de cumprir os 30 anos, unha frutífera relación con Jean Cocteau que xa a dirixe na complexa e mítica Orphée (1950), con Jean Marais interpretando a Orfeo. María interpreta á morte, a Princesa, nunha obra que achega o mito ao París contemporáneo, escrutando a tensión entre vida e morte e todos os meandros da paixón amorosa.

Nos anos 50, María non volve facer cinema e conságrase en corpo e alma ao teatro, primeiro na Comédie Française, e logo no Théâtre National Populaire e no Festival de Aviñón colaborando estreitamente con Jean Vilar e viaxando por todo o mundo. Rematada esta etapa, Cocteau reclámaa para a súa derradeira película: Le testament d'Orphée (1959). Neste testamento artístico e labiríntico, o director realiza unha indagación sobre a súa arte ao longo do tempo. A Princesa, María Casares, preside un tribunal que o xulga e condena a cadea perpetua.

María non volverá ao cinema en tres lustros. Logo de asistir á dramática e dolorosa morte de Camus, pasa dous anos protagonizando Cher Menteur e gañando millóns de francos. Merca daquela co actor André Schlesser La Vergne, en Alloue, onde escribe a súa conmovedora e brillante autobiografía Résidente privilégiéee.

En 1974, cumpridos os 50, no olimpo das máis grandes actrices dramáticas, traballa en Flavia, la Monaca Musulmana de Gianfranco Mingozzi. Tres anos despois faino en L´Adieu Nu, de Jean-Henri Meunier.

Entre os 62 e os 73 anos participa en seis películas, xa casada con André. A primeira é Blanche et Marie, dirixida por Jacques Renard, estreada en 1984 cando o concello coruñés a nomea filla predilecta. Viúva desde 1985, traballa en La Lectrice, obra complexa e ousada de Michel Deville (1988), conseguindo un premio Cesar como mellor actriz de reparto polo seu papel de muller louca de amor por Lenin. Nese ano 1988 estréase De Sable et de Sang, dirixida por Jeanne Labrune.

E en 1989 intervén por vez primeira nunha película española, Monte Bajo, dirixida por Julián Esteban Ribera, na que encarna unha labrega, a nai do protagonista interpretado por Jorge Sanz. Coincide con grandes profesionais como Julieta Serrano, Emilio Gutiérrez Caba, María Luisa Ponte ou Manuel Tejada.

María recibe entón os máis importantes galardóns como a Ordre National de la Légion d'Honneur, o Grand Prix National du Théâtre de Francia e a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. No ano 1990, fai Les Chevaliers de la table ronde, de Denis Llorca. O seu último traballo para o cinema foi en 1995 Someone Else’s America, dirixida por Goran Paskaljevic.

María Casares aceptou que os premios do teatro galego levasen o seu nome. Desde o camposanto de Alloue, desde La Vergne, desde Panadeiras e desde Montrove, María Casares vive. Tamén na súa filmografía. Aquela Vitola que viaxou da Coruña a Francia, para sentirse a súa embaixadora. Nacida cando nos deixaba o pioneiro Sellier, que veu á Coruña desde Givors, no país de Lumière e da Nouvelle vague.