“Marchou facendo aquilo que lle daba a vida”, con estas palabras lembraba onte a actriz Isabel Risco a quen fora o seu compañeiro xunto a Fran Rei en Falar sen cancelas, Pedro Brandariz, que faleceu onte aos 44 anos, logo de se sentir indisposto cando estaba nun centro escolar en Calo, no Concello de Teo, para facer unha actuación. Tiña apuntado na axenda volver á Coruña, ao Sporting Club Casino ás seis da tarde para estrear O inventor das palabras, xunto ao tamén actor e guía turístico Suso Martínez. Xuntos percorrían a cidade da Coruña a través do universo dos libros de Camilo José Cela. Non puido ser. Brandariz, coñecido e querido polo seu traballo nas escolas, nos teatros e tamén na televisión, faleceu pola mañá deixando orfos e orfas aos seus compañeiros.

Brandariz, nunha imaxe de 2016. | // VÍCTOR ECHAVE

As mostras de cariño a este home que se definía a si mesmo como “cómico, actor, clown, monologuista, contacontos e cabareteiro”, asolagaron as redes sociais . Chegaban de institucións, de quen compartiu escenario con el tamén de quen o contratou de quen non puido conter a risa cos seus vídeos de chistes malos ou coas súas personaxes disparatadas que ao final sempre tiñan o seu corazonciño.

“Nunca pensamos chegar a vivir un día tan triste. Hoxe marchou Pedro Brandariz e non temos palabras para describir o baleiro que deixa”, compartiu o equipo do programa Luar, do que Brandariz era habitual; tamén a Consellería de Cultura se quixo lembrar del, así como o Concello de Oleiros, do que o artista era natural, que amosou o seu pesar polo pasamento do seu veciño e o da Coruña, que compartiu unha foto de Brandariz, na praza do Humor, nunha das funcións que fixo durante a pandemia, dentro da programación do Presco Cultural.

“Queremos ter unha lembranza para unha persoa que nos acompañou en numerosas ocasións, e pór en valor a súa importancia na difusión cultural, especialmente grazas ao seu traballo coas novas xeracións, ás que sempre agasallou co seu eterno sorriso”, dixo o Concello de Culleredo e no mesmo senso se manifestou co consistorio de Cambre, que agradeceu a Brandariz que compartise cos seus veciños as súas “incribles historias” e o seu “sentido do humor único” e tamén por axudarlles a crear “recordos imborrables”. E, en nome de todos os concellos da provincia, lembrouno o departamento de Cultura da Deputación da Coruña, que asegurou que “vai ser difícil afacerse á ausencia de Pedro Brandariz dos palcos, dos auditorios, dos salóns de actos e de tantos centros que percorreu” pola Coruña adiante.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, da que formaba parte Brandariz, lembrouno tamén nas súas redes sociais, facendo un percorrido pola súa carreira. A pesar de que el recoñecía que sempre fora dos graciosos da clase, non foi até finais dos anos 90 cando descubriu a interpretación e fíxoo da man doutro dos grandes, no Grupo de teatro do Concello de Oleiros, “dirixido daquela por Lino Braxe e Flor Maceiras”, segundo apuntaron na entidade. Desde aquel momento, Brandariz dedicouse plenamente aos escenarios, tanto con espectáculos cómicos para os máis novos como con montaxes para adultos. A súa actividade de contacontos e de divulgador cultural compaxinouna coa súa faceta de actor de teatro coas súas compañías Os sete magníficos+1 e Dinamo Producións, con colaboracións na radio —entre outras, en Radio Coruña— e no audiovisual, con participacións no Show dos Tonechos ou no Luar da TVG, en series como Casa Manola ou Luci. Participou nas webseries gañadoras do Premio Mestre Mateo Peter Brandon, unha vida pola comedia (2018) ou Dinosaurio, a serie (2019). Brandariz foi elixido este ano finalista nos Mestre Mateo na categoría de Mellor Actor Protagonista polo seu traballo na película Jacinto.

Era tamén, tal e como lembraron as Bibliotecas Municipais da Coruña, “un Libro Vivinte”, unha desas persoas que contaba a súa historia para que outras persoas aprendesen da súa experiencia.