Alejandro Guillán é Baiuca. A mestura entre música electrónica e folclore galego. Hoxe leva o seu Embruxo á sala Pelícano (22.30 horas). Compartirá escenario con Carlos Núñez para cantar, xuntos, o seu último sinxelo, Solsticio.

Como é o directo de Embruxo neste 2022?

É a segunda parte da xira. A primeira foi o ano pasado coa xente sentada. Agora creo que se vai gozar máis o meu directo. A esencia do proxecto é que a xente baile e se involucre dentro do trance que intento transmitir. Para min iso é algo fundamental. Por iso tamén tiña un montón de ganas de ver xente de pé. Nos meus concertos hai que desfrutar apiñados.

Precisaba achegarse ao misticismo no novo disco?

Quixen investigar sobre cousas galegas que me interesaban. Pode parecer que están moi manidas, pero faltaba esa visión miña, que é o que quero facer, seguir dando esa visión do que podo achegar de temas que poden ser universais galegos. Creo que podo darlles unha volta e facer algo diferente. Creo que Embruxo é algo que non se fixera até o de agora. Ademais, a presenza de Lilaina nas gravacións e de Xosé Lois Romero queda moi reflexada, encaixa moi ben.

Esperta algo novo nas novas xeracións?

Todo ese misticismo está dentro da nosa cultura, queiramos ou non. É un recurso moi interesante para facer un disco, para que non todos falen de desamor ou outros temas. Temos un montón de temas culturais que se poden tratar. Agora acabo de publicar Solsticio con Carlos Núñez e hai moita relación co Entroido, co norte de Portugal. Hai unha historia que contar. A miña música bebe moito da relación que se pode facer coa nosa terra. Igual que na portada de Embruxo aparece o tema dos petróglifos. Interésame que os meus discos teñan relación con moitos temas e abrir un abanico de cousas sobre as que poder investigar.

Embruxo ten un concepto máis claro e maduro que Solpor, o seu anterior traballo. Buscou marcar diferenzas entre os dous?

Si, e sempre o vou seguir facendo. A semana pasada, en entrevistas con Carlos Núñez, el falaba de que os artistas e os músicos de hoxe en día, os máis novos, non temos os prexuízos nin a presión da súa época. El facía un tema cos flamencos ou cos irlandeses e parecía que todo o mundo ía criticar iso. Agora somos máis libres para facer o que queremos. Para min, a presión está en non repetirme. Sempre busco dar un paso, que pode ser que guste máis ou menos á xente, pero si ten que haber algo diferente. Non quero volver facer outro Embruxo. Sería algo absurdo. O seguinte disco que faga ten que ser algo completamente distinto. E por iso tamén me gusta moito ter este período despois de sacar Embruxo, de sacar sinxelos e facer remixes, e ver cara onde camiña a música que quero facer. No momento que teña un concepto e unha idea de disco, xa farei un terceiro LP. De momento, quero gozar desta época de explorar e seguir colaborando con artistas.

Dixo que quere actualizar a música galega. Tamén as Tanxugueiras. A súa irrupción no panorama nacional e internacional é positiva?

Si. Isto reflexa o que falo dende hai tempo. Preguntáronme moitas veces se cría que a música galega estaba no mellor momento da súa historia. Cría e sigo crendo que tiñan que pasar máis cousas. Hai un momento de efervescencia e artistas que están facendo cousas, pero aínda teñen que estoupar fenómenos. Un é o das Tanxugueiras. Merecen todo o que lles está pasando porque apostaron e son súper traballadoras. É moi positivo. Se falamos dunha escena ou dun momento galego grande, aínda estamos en crecemento. Se agora xa estamos en boca de todo o mundo, imaxina dentro dun par de anos o que podemos ter.

Leva a súa música a outros países. Esas raíces galegas, onde encaixan máis?

Cada país e cada lugar teñen algo especial. Podes atopar similitudes en todos. Recordo unha entrevista que fixen con Kiko Veneno na que el falaba de que, por exemplo, parece que Galicia e Andalucía son moi diferentes, pero teñen ese momento de sobremesa de cantar e bailar. Podes atopar moitas relacións entre lugares. En Palenque, en Colombia, que é o primeiro pobo libre de escravos de América teñen unha relación moi forte con África. Atopas puntos en común, como a importancia da percusión coa voz cantada, aquí temos o poder da pandeireta e o pandeiro. Esas formas musicais máis primitivas teñen moita relación. Cando estiven en Tetuán, ía pola Medina e os instrumentos que había eran moi similares aos que temos en Galicia.É bonito atopar relacións, pero as diferenzas que hai son para enriquecer ao outro. Cando toco noutro país, sinto que a xente quere escoitar algo diferente.

O imaxinario visual da súa música é obra de Adrián Canoura. Como é traballar con el?

Adrián é como un irmán para min. Entendémonos perfectamente. El tivo toda esa forza e ideas para Embruxo, sobre todo co videoclip de Veleno, algo fascinante, e tamén os petróglifos da portada. Adrián é unha persoa súper importante do proxecto. Tamén no directo. Neste directo en A Coruña, vai ter unha presenza moi importante.

Eses directos son algo máis que concertos?

Si. Sobre todo o ano pasado, coa xente sentada, buscaba que a xente fose a un concerto pero que tamén estivese vendo unha película. Adrián consigue unha narrativa nos concertos.

Publicou Solsticio, con Carlos Núñez. Que supón esta colaboración?

Foi unha marabilla. Foi un soño. É un dos músicos e artistas galegos que máis admiro da nosa terra. Dende pequeno, foi un referente. Cando me chamou, foi un si inmediato. A idea era gravar para o disco do 25 aniversario de A Irmandade das Estrelas, que para min foi moi importante. Non puidemos telo. Pero foi algo positivo. É un tema máis electrónico que todo o que fai Carlos, pero tamén é un tema que ten gaita como elemento protagonista, algo que nunca fixera ata agora na miña música. Que saia como un sinxelo permite que non sexa preciso que teña relación co que levamos feito ata agora. É o bo dos sinxelos. Podes investigar ou deixarte levar en músicas que igual non sacarías nun disco, no que buscas unha coherencia co teu son de principio a fin. Ás veces pensamos que temos que ser continuístas, que temos que seguir a mesma senda, pero os sinxelos permiten saír de aí e que o público descubra outras caras que podemos ter.