O naturalista ferrolán Víctor López Seoane (1832-1900) recibiu en 1886, na súa residencia coruñesa, un envío singular. Tratábase dun catálogo de microscopios impreso ese ano, acompañado dunha breve nota manuscrita do autor da publicación: “Para cubrir los grandes gastos ocasionados, agradeceré mucho recomiendes esos microscopios (…). Son buenos y económicos en su clase. Tuyo afmo. R. Varela”.

O redactor do folleto, que levaba por título Catálogo de microscopios construidos según las indicaciones del Laboratorio Histológico de Santiago, era Ramón Varela de la Iglesia (1845-1922), catedrático de Fisioloxía na Facultade de Medicina da universidade compostelá. A información que recollía ese texto fálanos dunha insólita e pioneira iniciativa en Galicia na parte final do século XIX, coincidindo co momento no que o microscopio estaba a converterse nun instrumento científico relevante e de enorme poder simbólico.

O coñecemento dos elementos biolóxicos máis pequenos

Os microscopios aumentan a imaxe dos obxectos observados grazas á acción de dúas lentes, obxectivo e ocular, e eran coñecidos desde o século XVII, porén as limitacións técnicas e un ambiente científico pouco propicio reduciron o seu uso para entretemento e lecer de curiosos e elites. Esa situación mudou douscentos anos despois co incremento da actividade científica e coa aparición da innovadora teoría celular, que afirma que os seres vivos estamos formados por unidades moi pequenas denominadas células.

No último cuarto da centuria o interese polo microscopio veuse potenciado polo descubrimento e estudo de numerosos microorganismos. Demostrouse experimentalmente a intervención decisiva dalgúns microbios na formación dalgúns alimentos e en determinadas enfermidades. Nese labor resultaron claves figuras como o químico Louis Pasteur (1822-1895), de quen en decembro deste ano 2022 se cumprirán douscentos anos da súa morte, e o médico Robert Koch (1843-1910). Diversos microorganismos patóxenos foron identificados, propoñéndose varias vacinas; todo isto xerou unha grande expectativa social, atención á Hixiene e proliferación de centros de vacinación.

En todo caso, a fins do século XIX o microscopio converteuse no instrumento paradigmático da investigación biolóxica, un aparato, que permitía, case de xeito misterioso, acceder a un “mundo invisible” que tanta importancia tiña nas enfermidades e nos procesos alimentarios.

Mellora e construción dos microscopios

No avance no coñecemento das estruturas celulares e dos microbios xogaron un papel decisivo a creación de institucións científicas dedicadas ao seu estudo, por exemplo o Institut Pasteur (París, Francia), e unha mellora substancial —técnica— dos microscopios. Os progresos ópticos estiveron acompañados de perfeccionamento nos métodos de tinxir os obxectos a observar e dese xeito xurdiron ou colleron pulo diversas materias, como a Citoloxía (estudo das células) ou a Histoloxía (estudo das agrupacións celulares) e xerouse unha comunidade científica dedicada ao mundo dos seres vivos moi pequenos. Varios fabricantes, sobre todo en Alemaña, Reino Unido e Francia, competiron por construír aparatos con lentes que ofrecían maior aumento e con superior calidade óptica.

A singular oferta de Varela

Os interesados en Galicia e España por dispoñer de modernos microscopios adoitaban acudir aos instrumentos fabricados por empresas deses países europeos. Nese contexto, destaca a peculiar decisión de Ramón Varela de construír e vender microscopios. Singular en dous sentidos, pola propia novidade da actividade e tamén polo feito tan pouco usual de que un científico participara de xeito directo nun reto empresarial (algo que entre os galegos fixeron, por exemplo, Ramón de la Sagra, Domingo Fontán ou Isidro Parga Pondal).

Varela comezaba o Catálogo cun texto previo no que aludía a “los avances verificados en estos últimos años, relativos a la influencia que tienen los organismos inferiores en el desarrollo de las enfermedades”. Salientaba a relación deses descubrimentos coas melloras técnicas e destacaba que os modelos ofrecidos eran ben económicos. O médico ofrecía dúas variantes de microscopios, os do grupo I e II, xunto diferentes lentes (obxectivos e oculares) e accesorios. Os primeiros, “microscopios con aparatos de iluminación y lentes de inmersión homógenea” estaban deseñados para realizar “investigaciones bacteriológicas” e incluían catro modelos distintos, segundo os obxectivos e accesorios que incorporarán. Acadaban de 1000 a 1800 aumentos e o seu prezo oscilaba entre as 250 e 1000 pesetas. O segundo grupo estaba constituído por microscopios “para uso de los médicos prácticos y farmacéuticos”, válidos —asemade— para observacións histolóxicas. Deste grupo existían dous modelos, que acadaban de 350 a 800 aumentos e uns prezos entre as 145 a 235 pesetas. Tamén se informaba de que estaba prevista a construción dun microscopio para estudantes de anatomía animal e vexetal.

Na nota remitida polo propio Varela a Seoane indicaba cales eran os posibles clientes, compradores dos instrumentos: “establecimientos próximos: hospitales, boticas, colegas [médicos], Escuela Normal, Instituto, y aún al municipio para la inspección de carnes”. Varela gozaba dun importante patrimonio persoal, polo que só impartía clases e non tiña —como case todos os catedráticos de Medicina— consulta privada. Probablemente eses recursos económicos permitíronlle poñer en marcha o a produción de microscopios, pero descoñecemos cal foi o éxito da empresa, o volume de vendas que acadou.

O impresionante labor difusor de Ramón Varela

A implicación de Ramón Varela coa fabricación de microscopios era o resultado de anos de salientable dedicación ao coñecemento das estruturas e seres microscópicos. Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago no ano 1869, en pleno Sexenio democrático, aproveitou a difusión de novas ideas que favoreceu ese momento de liberdade intelectual para achegarse á nova “medicina de laboratorio”. Fíxose eco da visión do médico francés Claude Bernard, estandarte da medicina experimental e prestou especial atención á Histoloxía patolóxica, que se converteu no punto central das súas actividades. Nese sentido, tamén foi pioneiro na recepción e difusión das idas do patólogo alemán Rudolf Virchow no contexto médico español. Por outra banda, en 1872, preparando as oposicións, establecera contacto co daquela discípulo predilecto do líder krausista Francisco Giner de los Ríos, Augusto González de Linares, que viña de ser nomeado catedrático de Historia Natural na universidade compostelá. Varela ensinoulle Histoloxía e causoulle moi boa impresión, o que favoreceu a súa relación co mundo krausista, a Institución Libre de Enseñanza (ILE) e Junta para Ampliación de Estudios (JAE).

Exerceu toda a súa carreira docente como catedrático de Fisioloxía desde 1875 ata a súa xubilación. Porén a materia científica na que realizou contribucións orixinais foi en Histoloxía. A Microbioloxía, nos seus diversos aspectos, foi outra das materias ás que lle prestou atención. Interveu na epidemia de tifo de Santiago de 1885, que os médicos se inclinaban a atribuír aos cambios atmosféricos. Varela optou pola análise de todas as fontes de augas potables da cidade e illou mo seu laboratorio o microbio causante, o bacilo de Eberth, éxito que lle proporcionou bastante sona.

O catedrático sabía que a Medicina máis avanzada “falaba”, desde a metade do século, en idioma alemán. O coñecemento desa lingua era, pois, unha vía necesaria de acceso á modernidade científica e Varela de la Iglesia converteuse nun autor fundamental na difusión de novidades médicas. Realizou numerosas traducións e editou dúas relevantes publicacións. Unha é a Colección de Monografías Clínicas publicada bajo la dirección de R. Volkmann por los profesores de clínica de las Universidades alemanas. Varela ofrecía cada mes, entre abril de 1877 e xaneiro de 1884, dúas monografías, tradución directa do alemán, da coñecida Sammlung klinischer Vortrag, con contribucións de relevantes médicos da época e dirixida polo salientable cirurxián Richard von Volkmann.

Saían aos quince días de ver a luz en Alemaña e o volume total publicado supón unhas 160 monografías. A outra publicación foi a Revista General de los Progresos de la Medicina en Europa y América, onde aparecían os resumos que elaboraba de artigos recentemente publicados por importantes médicos europeos, especialmente alemáns e franceses. Confeccionouna do 15 de abril de 1877 ao 31 de marzo de 1883, uns 2.000 resumos. A elaboración simultánea de ambas publicacións supuña un volume de traballo impresionante, sen comparación nos ámbitos galego e español no seu tempo.

Laboratorio Histolóxico

Xunto con este esforzo de divulgación de novidades, Varela creou —cos seus propios medios— o Laboratorio Histológico de Santiago. Dese xeito afrontou a carencia de recursos na Facultade de Medicina para desenvolver actividades experimentais en Histoloxía e Microbioloxía. Comezou o labor nese laboratorio en 1884, poñendo en marcha un curso de Histoloxía e nos anos sucesivos fixo o mesmo con Microscopia e Bacterioloxía. O Catálogo de instrumentos que hoxe comentamos constitúe unha importante testemuña da intensa actividade dun laboratorio que conectou a Galicia coa vangarda dos traballos microscópicos.