“Boas noites, e boa música”, comezou dicindo de inicio Xurxo Souto. E non se trabucou. A XXI Gala dos Premios Opinión da Música de Raíz cumpriu un ano máis as expectativas dos presentes, que se deron cita no teatro Rosalía para celebrar a música tradicional e aos que vogan día a día para asegurar a súa pervivencia. Como nas vinte edicións anteriores, a gala, conducida con mestría por Xurxo Souto, e organizada polo xornalista Óscar Losada e LA OPINIÓN, estivo chea de motivos para celebrar.

Bailadoras de Donaire, ao inicio da gala. | //CARLOS PARDELLAS

“Somos o centro do mundo. Facendo música galega podemos dialogar con todo o planeta terra. Como dixo Luis Seoane, queremos facer máis feliz ao mundo coa riqueza da nosa diversidade”. Así arrincaba Xurxo Souto unha gala que conta coa colaboración do Concello da Coruña, da Xunta, do Xacobeo e de Gadis, e na que houbo espazo para render homenaxe ao máis senlleiro da nosa tradición, pero tamén para introducir novos xeitos de facer as cousas.

66

XXI Premios Opinión da Música de Raíz Carlos Pardellas

A gala de onte foi a primeira no que estivo presente, ao son de gaitas, pandeiretas, acordeóns e voces, o baile tradicional, da man da agrupación coruñesa Donaire, que agasallou ao público unha auténtica lección de xeografía galega a través do baile. A agrupación abriu a gala coa Mazurca, muiñeira e jota de Triabá, unha muiñeira e unha jota recollidas nas terras dos Ancares, na aldea de Balouta,unha ribeirana de Lira, poboación de Salvaterra do Miño, e unha jota e carballesa de Seoane, do Caurel.

Xurxo Fernandes e Pandereteiras sen Fronteiras. CARLOS PARDELLAS

A primeira das alegrías da noite foi para a discográfica Fol Música, sobre a que recaía o premio Andaina Senlleira á traxectoria polo seu compromiso, aposta e entrega á música tradicional dende o seu nacemento, hai case 30 anos, baixo o pano do selo Boa. “Apostaron por artistas emerxentes que foron quen de asentarse, e deron cabida a algunhas das propostas máis interesantes daquela época”, rezaba a laudatio do xurado. O premio foi entregado polo secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, a Xoán Luaces, que acudiu en representación do seu irmán Fernando Luaces, responsable da discográfica. “Estamos moi agradecidos e honrados, porque este foi un dos primeiros premios dos que gozou a discográfica. Non é habitual que se lembren moito da música tradicional”, recoñeceu Luaces.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, con Xoán Luaces. | // CARLOS PARDELLAS

O interludio da gala recaeu no bo facer do grupo Zumaque, onte trío, hoxe xa cuarteto, que ofertou ao auditorio unha peza inédita demostrando, coa súa actuación, por que foi recoñecido na pasada edición co premio a mellor tema orixinal. Un dos seus compoñentes, Pablo Pascual, foi o encargado de dar o relevo á gañadora deste ano na mesma categoría, Rosa Cedrón, premiada polo seu tema Ti miña flor. A cantante e compositora puxo a nota emotiva da xornada ao subir ao escenario coa súa filla, a flor á que vai adicada a peza. Cedrón lembrouse, no seu agradecemento, “aos supervivintes e loitadores” que compoñen o universo da música tradicional galega, e tamén do seu pai, finado o pasado ano e por quen botou un bico ao ceo. Rosa Cedrón é outra veterana dos Premios Opinión, pois é a segunda vez que un dos seus temas resulta escollido como o mellor do ano.

Rosa Cedrón, gañadora do mellor tema orixinal, coa súa filla. | //C. PARDELLAS

O director de Comunicación de Gadis, José Luis Fernández Astray, entregou o premio á mellor adaptación dunha peza tradicional, que recaeu en O pasarrúas dos Trintas de Trives, de Álvaro Iglesias, que demostrou que todo queda na casa dedicando o recoñecemento aos irmáns Álvarez de Trives, parentes do artífice da adaptación, a Begoña Rioboo, mais tamén aos presentes. “Hai un nivelazo. Flipo con que sexa eu”, engadiu, espertando os aplausos do patio de butacas.

Fernández Astray, de Gadis, con Álvaro Iglesias. | // C.P.

O galardón ao mellor artista para Pancho Álvarez recolleuno,por motivos de axenda, o propio Óscar Losada, alma dos Premios Opinión da Música de Raíz nestas máis de dúas décadas de vida. Losada recibiu o galardón do subdirector de LA OPINIÓN, Marcos Mosquera. Un premio que non marchou moi lonxe, pois foi custodiado polo seu sobriño, Álvaro Iglesias, recoñecido na categoría anterior. Álvarez agradeceu, de boca de Óscar Losada, que este “siga a ser o único premio que ten a música de raíz”.

Losada recolle o premio en nome de Pancho Álvarez. | /C.P.

De esq. a dta., os concelleiros da Coruña Francisco Jorquera (BNG), Isabel Faraldo (Podemos) e Roberto Coira (PP); o xerente de Prensa Ibérica en Galicia, Pedro Costa; a concelleira de Oleiros, Teresa Vázquez; Juan Carlos Da Silva, subdirector xeral de Prensa Ibérica en Galicia; José Luis Fernández Astray, director de comunicación de Gadis; a subdelegada do Gobierno, María Rivas; o voceiro municipal, José Manuel Lage; o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor; o secretario xeral de Cultura de la Xunta, Anxo Lorenzo; o subdirector de LA OPINIÓN, Marcos Mosquera; o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo; e as concelleiras coruñesas María García (Marea) e Avia Veira (BNG). | // CARLOS PARDELLAS

O último dos recoñecementos da noite foi outorgado polo concelleiro de Facenda e voceiro do Goberno local, Jose Manuel Lage Tuñas, que brindou a estatuíña a Antía Caamaño, quen conforma, xunto con Sabela Ameixeiras, o dúo Caamaño&Ameixeiras, premiadas co galardón ao mellor disco polo seu traballo Aire!.

Antía Caamaño pechou a gala, tamén en representación da súa compañeira Sabela, dedicando o recoñecemento aos implicados no proceso creativo no proxecto, mais tamén gardou un agradecemento para todos os que fan posible que perviva a música tradicional, a “música máis pequena e máis íntima, pero tamén á que máis cura”.

O concelleiro Lage Tuñas con Antía Caamaño, do dúo Caamaño&Ameixeiras. | // CARLOS PARDELLAS

As cantareiras de Zoelas pecharon a gala cunha mestura de música tradicional e un amplo abano de posibilidades sonoras.

As cantantes de Zoelas, ao peche da gala. | // CARLOS PARDELLAS

Polo patio de butacas do teatro Rosalía desfilaron gañadores, nomeados, artistas invitados e autoridades como o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor; a subdelegada do Goberno, María Rivas; os concelleiros en María Pita Roberto Coira, María García, Isabel Faraldo, Avia Veira e Francisco Jorquera; ou o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo.