Aprender alén da idade, tamén no rural

Alumnos da Universidade Sénior procedentes de concellos do interior da provincia recibiron onte os seus diplomas acreditativos

“Máis que os contidos, que son interesantes, o máis importante disto foi o que supuxo para o mundo rural: a xente que non saía da casa supúxolle saír, convivir, escoitar”. Fala Lourdes Pérez, de 73 anos e natural do concello de Paderne. Onte recibiu, a carón duns 100 compañeiros de promoción, o diploma que outorga a Universidade a Distancia aos seus alumnos sénior no primeiro acto que a institución celebra dende o remate da pandemia. Non faltou a emoción nunha celebración que agochaba moito máis do que parecía.

“Cando empezou a universidade sénior e quixemos traer isto para as aldeas, dixéronos que non ía durar nin dous anos. Xa levamos dende o 2008, e con récord de matriculacións durante seis anos”, sinala o coordinador xeral da UNED Senior na Coruña, Luis Rodríguez Patiño, que tamén exerce como párroco en Xestoso, Monfero, Xermade Aranga ou Guitiriz, o que lle brinda un coñecemento extra da poboación rural que o avala para adiviñar que o modelo tería éxito máis alá das cidades.

De todos eses concellos e de algún máis hai unha densa representación entre os alumnos diplomados onte, que gardan outra singularidade: “Estes cursos están pensados para xente maior de 55 anos. Somos pioneiros en matriculacións de maiores de 75 e 80 anos”, comenta Rodríguez Patiño. Un perfil que, entre as butacas, reafirma o alumno máis veterán dos presentes, que conta con 92 anos. Un afán de aprender que non parou nin coa pandemia. “Facíamos as cousas por whatsapp, por Facebook ou por videochamada, coa axuda dos netos”, lembra o coordinador do grao. As clases da Universidade Senior a distancia son seguidas por preto de 300 persoas, moitas delas de idade avanzada, que non perden unha soa das leccións, de temática variada: de medicina a ximnasia e actividade física con incidencia na saúde, a historia de Galicia,, informática ou a preferida da meirande parte do alumnado: música, que tivo onte mostra do aprendido na interpretación de temas como o Pasodobre de Sobrado dos Monxes, o Valse do Miro ou o Sombreiro de Palla, baixo a dirección de Fran Cupeiro, un dos mestres máis queridos polos seus estudantes.

“O perfil do alumno é moitas veces o mesmo: unha persoa que sempre quixo tocar, pero que nunca puido porque os pais non lle deixaran, ou porque antes non se podía cantar en galego. Cando empezan a tocar aquí, despois seguen tocando noutras agrupacións”, comenta Cupeiro, que prové aos seus alumnos coñecementos musicais do instrumento que eles escollan: saxo, gaita, tambor, acordeón, pandeireta ou bombo; cun repertorio baseado na música tradicional e na recollida de cancións populares.

“Fago o mesmo repertorio nos tres sitios onde dou clase, e unha vez ao mes, xuntámonos para ensaiar todos. E funciona”, asegura Cupeiro. Así ata montar unha agrupación de 62 músicos que semella que levan tocando toda a vida, e que onte interpretaron unha versión do himno universitario, Gaudeamus igitur, que non tiveron problema en aprender a distancia. “Gravábano no móbil e escoitábano mentres facían de comer, e así aprendían a letra. Traballan día e noite: teño un alumno de saxo que tivo que mercar outro porque gastou o seu de tanto tocar”, asegura o mestre.

Destaca entre os seus alumnos Amador de Momán, que, aos seus 80 anos sirve de exemplo de envellecemento activo, máis tamén de experiencia de superación ao recobrar a voz e a memoria que perdera tras superar o alcoholismo, como demostrou onte ao interpretar, ante os seus compañeiros, a tonada Colombia. “Levo 24 anos sen beber: perdía a memoria, a voz, o ánimo, todo. Quitarse de beber é moi malo, hai que sufrir un pouco, pero vale a pena. Recuperei a voz e entrei aquí, porque había música e era algo que sempre me fixera ilusión”, conta o cantor.

Alén dos coñecementos musicais ou de outra natureza, todos coinciden en sinalar que o que lles move a acudir ás clases da Universidade Senior non é a aprendizaxe, que tamén, senón algo máis importante: a comunidade. “É o pan de cada día. Se aquí hai un enfermo, van velo todos. O que non funciona ou non se adapta dentro da comunidade, xa non dura moito”, asevera Cupeiro.

Suscríbete para seguir leyendo