Un espectáculo en A Coruña que cambia en cada función

Eva Iglesias e Inma Morandeira interpretan a comedia ‘Nais’ este sábado no auditorio do Ágora, ás 20.00 horas

Eva Iglesias e Inma Morandeira, nunha imaxe promocional de ‘Nais’.

Eva Iglesias e Inma Morandeira, nunha imaxe promocional de ‘Nais’. / Daniel Cabana

“Agora xa non teño necesidade de facer a obra cunha barriga de mentira”, di entre risas a actriz coruñesa Inma Morandeira que, xunto a súa compañeira Eva Iglesias, protagoniza a comedia Nais, que se poderá ver no auditorio do Ágora o sábado, 21 de xaneiro, a partir das 19.30 horas (entradas en Ataquilla.es desde 15 euros). Contan que é unha comedia sobre a maternidade de dúas mulleres que, de tan diferentes que son, chegan a se pareceren.

Nais fala da maternidade, “de que unha ten unha idea do que vai ser e de que despois sae todo ao revés” —explica Morandeira—, de que hai cousas que non se poden prever e de que incluso dúas mulleres que non deberían coincidir en nada, acaban compartindo experiencias na vida. Carla e Elena. Elena e Carla Inma e Eva. Eva e Inma.

“Son dúas persoas totalmente diferentes, Elena é unha muller conservadora, que quere criar a súa filla como se fixo toda a vida e Carla, que é a personaxe de Inma, digamos que é unha muller emprendedora, que prioriza o traballo. Entre elas non se entenden, pero ao final, hai un punto no que se decatan de que non son tan distintas, aínda que si que o sexan na súa maneira de entender a vida. Son bastante parecidas a nós”, confesa Iglesias, que asegura que poderían intercambiar os papeis, pero que terían “que mentir moito”.

De feito, hai anos, cando Morandeira interpretaba a obra co grupo de teatro Noite Bohemia, da Coruña, o seu personaxe era o de Elena, ao que agora lle dá vida Eva Iglesias. Para elas, confesan, cada función é unha aventura, un xeito de pasalo ben e de se sorprenderen enriba do escenario, porque de tanto facela e de deixar que as súas propias experiencias [Eva é nai e Inma está embarazada actualmente] filtren o texto, cada representación é diferente.

“Eu xa lle dixen o principio a Javier [Fernández Mariño], o director da obra, que se fose afacendo porque eu non ía dicir nada do que poñía no papel, ao principio, el perdíase e pensaría, “pero que está a dicir esta señora?, agora xa se acostumou, pero cada vez que facemos a función é máis desmadre”, confesa Eva Iglesias, porque tanto ela como Inma Morandeira van xogando co texto, incluso incluíndo cousas que lles saíron espontaneamente nalgunha función anterior e que, como foron ben recibidas entre o público e tamén entre elas, foron incorporando.

“O ano que vén eu creo que xa será outra obra completamente distinta. Eu sempre digo que o meu mellor regalo é que a min me pagan por rir”, recoñece Iglesias, que defende que, o fundamental en Nais é que elas o pasen ben, porque esa enerxía percorrerá as butacas da sala e chegara ao público. “Eu moitas veces, teño que facer un esforzo por non rir, porque Eva é tan divertida, que sempre inventa algo e a min dáme a risa e iso é algo moi bonito, estar rindo por dentro, sen poder rir por fóra”, relata Morandeira, que se confesa “máis nerviosa” por esta función que por todas as anteriores e quen sabe se tamén que polas que virán.

“Eu creo que das 500 persoas que poden entrar no Ágora, a 450 coñézoas e iso presióname e alégrame a partes iguais, porque é unha responsabilidade. A min encántame o teatro e poder facelo de xeito profesional e ter ao meu carón a Eva é un luxo, así que, desta vez, xogo na casa, e quero facelo mellor que outras veces, se iso é posible”, conclúe Morandeira.

Suscríbete para seguir leyendo