Das letras á rúa: A Coruña de conto

A asociación Alexandre Bóveda impulsa un proxecto para que a cidade reciba o galardón de Cidade Literaria que outorga a Unesco polos vínculos das urbes co mundo do libro

Das letras á rúa: unha cidade de conto

Das letras á rúa: unha cidade de conto / ANa Carro

Ánxel Casal, Emilia Pardo Bazán, María Victoria Fernández-España, María Luz Morales e Emilio González López naceron na Coruña. Aquí morreron Manuel María, Eduardo Pondal e Manuel Murguía. Aquí xurdiron historias e publicacións. Hai bibliotecas e monumentos adicados a escritores e escritoras. A literatura como motor. Un sinal de identidade. Todo isto levou á asociación Alexandre Bóveda a crear o proyecto A Coruña literaria co obxectivo de lograr o recoñecemento Cidade da Literatura que outorga desde 2004 a Organización de las Naciones Unidas para la Educación, la Ciencia y la Cultura (Unesco) a esas urbes que teñen unha conexión importante co mundo do libro e da edición. “A Coruña é unha cidade literaria”, destaca a presidenta da entidade, María Xosé Bravo.

Edimburgo, en Escocia, foi a primeira desta lista de 28 cidades de conto. En España, só Granada e Barcelona contan con este recoñecemento. Desde Alexandre Bóveda traballan para “contar unha historia de pioneiras, na edición do libro galego, no teatro en galego, na historia de Galicia que foi escribindo Murguía, na letra do himno que pensou Pondal” e así “poñer unha luz sobre o feito no pasado, no presente e no que está por facer arredor do libro e a lectura”.

Para Bravo, o importante desta aventura é “o camiño” e non o final. É unha andaina pola historia, recordando nomes e anécdotas. Poñendo o “foco” sobre aqueles personaxes que pasan “máis desapercibidos”, sen deixar de lado a grandes mestres da literatura, como Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.

Mapa literario

Moitos escritores e escritoras cun pasado ligado á Coruña prestan o seu nome a rúas da cidade. A asociación creou un mapa literario —pode consultarse na web acorunhaliteraria.gal— para contar a súa historia e recordar que máis que o nome dunha rúa, é o dunha persoa. “Como Álvaro Cebreiro. Recoñecímolo como ilustrador e pintor da vangarda pictórica, pero tamén firmou xunto a Manuel Antonio o manifesto Máis Alá!”, expón a presidenta da Alexandre Bóveda, que non esquece o nome de María Luz Morales, cunha rúa en Labañou: “A primeira muller que dirixiu un xornal”. Ou Juan Naya, preto da rúa Hospital, que foi cronista oficial da cidade da Coruña, arquiveiro-bibliotecario da Real Academia Galega, e secretario xeral da Real Academia Galega de Belas Artes, e tamén José Cornide, rúa ao final de Juan Flórez, membro destacado do movemento ilustrado. “Pero non quixemos centrarnos só en rúas, tamén hai espazos, bibliotecas e monumentos”, relata.

Momentos históricos

A Biblia Kennicott é un dos manuscritos hebreos máis luxosos que existen. É a Biblia da Coruña e foi realizada na cidade no século XV. É só un dos moitos momentos históricos que converten á Coruña nunha cidade literaria. Aquí tamén se escribiu O Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña, que o Concello encargou a Salvador Francisco Roel en 1707. As Irmandades da Fala naceron no salón da Real Academia Galega, nunha reunión organizada en 1916 por Antón Vilar Ponte. Ademais, o 2 de xullo de 1861 celebrábanse no Teatro Principal da Coruña —o actual Teatro Rosalía de Castro— os primeiros Xogos Florais de Galicia. O obxectivo era prestixiar a lingua galega. Na súa organización participaron, entre outros, Juana de Vega e Benito Vicetto. Casi 70 anos despois, en 1927, Ánxel Casal fundou Nós.

Bibliotecas

A biblioteca máis antiga da cidade é de 1806. É a biblioteca do Consulado, na praza do Pintor Álvarez de Sotomayor, que pertence á Fundación cultural privada máis antiga do Estado español, inscrita o 31 de xaneiro de 1807 no Protectorado de Fundacións Culturais. Dentro hai un manuscrito inédito de Quevedo e a documentación das reformas da Torre de Hércules de 1785.Outro espazo importante é a biblioteca Miguel González Garcés, cuxos orixes atópanse no Eusebio da Guarda nas últimas décadas do século XIX. Debido ás continuas necesidades de espazos foi trasladada ao edificio dunha nova Casa da Cultura, xunto co Arquivo (hoxe do Reino de Galicia), no xardín de San Carlos o ano 1955. Entre 1942 e 1986 exerceu como director Miguel González Garcés, de quen a biblioteca toma o nome cando se traslada no ano 1995 a súa ubicación definitiva no barrio de Elviña.

Monumentos e estatuas

Nos Xardíns de Méndez Núñez atópanse os monumentos que lembran a Curros Enríquez, Wenceslao Fernández Flórez, Valle Inclán, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Castelao, Murguía, Juan Fernández Latorre e Eduardo Pondal. Pero hai máis recordos esparcidos pola cidade, como os nomes dalgúns institutos ou o monolito de Pilar Pallarés, a homenaxe que a Asociación de Escritores en Lingua Galega lle rendeu á poetisa en 2019. Tamén hai unha placa en A Gaiteira en honor a Xavier Puente Docampo, un dos grandes renovadores da literatura infantil-xuvenil galega, tamén un dos máis traducidos. A placa de Manuel María está en Orillamar.

Roteiros

A asociación Alexandre Bóveda creou tamén roteiros para coñecer máis a fondo a cidade. A Coruña das mulleres ten seis espazos nos que parar para contar seis lembranzas de mulleres que non se atopan nos libros de historia pero que é necesario contar. As luces dos libros na cidade do faro fai un percorrido por oito bibliotecas históricas da cidade, algunhas delas xa desaparecidas, mentres que outro roteiro céntrase nas Irmandades da Fala. A Coruña pioneira e A literarura dos xardíns permiten facer unha viaxe ao pasado. Por último, a entidade ofrece a posibilidade de saber máis sobre a vida de Rosalía de Castro na cidade, onde viviu catro anos. Xa preparan novos contidos e a idea é crear un roteiro do cemiterio de San Amaro.

Suscríbete para seguir leyendo