Entrevista | Presidenta da Asociación Alexandre Bóveda

María Xosé Bravo: “Todos recoñecemos a Macondo como nome dunha cidade imaxinaria, nós temos Marineda”

“Todo o mundo coñece a Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro, pero hai outros nomes”

María Xosé Bravo, na rúa Álvaro Cebreiro.   | // VÍCTOR ECHAVE

María Xosé Bravo, na rúa Álvaro Cebreiro. | // VÍCTOR ECHAVE / Ana Carro

A presidenta da Asociación Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, defende o proxecto A Coruña literaria para que esta reciba o recoñecemento de Cidade da Literatura, un galardón que entrega a Organización de las Naciones Unidas para la Educación, la Ciencia y la Cultura (Unesco). Fala do rueiro, de curiosidades e da importancia de poñer en valor ás figuras de escritores e escritoras con pegada na Coruña.

É A Coruña unha cidade literaria?

Si, esa é a idea. Desde a asociación facemos este traballo para divulgar e dar a coñecer que esta é unha cidade literaria. Hai cuestións pioneiras, como a Biblia Kennicott, considera por moitos como un dos manuscritos medievais máis fermosos. Tamén ata hai nada dicíase que o primeiro libro escrito en galego, Proezas de Galicia, escribírase na Coruña en 1810. De pronto se descubre que hai un libro anterior, do 1707, e tamén é un libro coruñés. É unha obra de teatro que o Concello encarga a un escritor da cidade e que escribe en galego. Representouse na praza da Fariña. Mires onde mires, A Coruña é literaria. Todos recoñecemos a Macondo como nome dunha cidade imaxinaria, e nese sentido nós temos a Marineda. Emilia Pardo Bazán é a primeira que falaba de mujericidio. Logo está o paso de Rosalía de Castro pola cidade, que tamén é moi importante.

Tamén están as bibliotecas públicas.

Claro. Temos a biblioteca da Casa do Consulado, que é a máis antiga da cidade e pertence á Fundación privada máis antiga do Estado. Tamén destacamos as Irmandades da Fala. Interésanos dicir que é a primeira iniciativa consciente da normalización da lingua galega.

Na web tamén aparecen algunhas curiosidades. Cales destaca?

Pois este ano é o centenario da revista Alfar, unha publicación vangardista que nace na Coruña en 1923. Nela podías atopar textos de Borges ou de Antón Vilar Ponte. Ou ver debuxos de Picasso, de Dalí ou de Álvaro Cebreiro. Era capaz de contar o que ía pasando no mundo e tamén o que sucedía aquí a nivel de artes plásticas e literatura. Hai outras curiosidades máis de chistadela, como a da igrexa de Santiago, que é do século XII. Na fachada principal ten os dous apóstolos con dous libros. Un deles é bastante común daquela época, pero o outro, Santiago, leva o libro na cabeza, e iso é bastante singular. Os expertos din que debe ser unha solución arquitectónica para un desnivel, pero da igual, o libro está e así aínda é máis bonito.

Moitos nomes de escritores e escritoras aparecen nas rúas da cidade. Esta tamén é unha iniciativa para recordar aos máis novos quen eran? Hai descoñecemento?

Si, hai un gran descoñecemento. Por iso fixemos o mapa literario. Queríamos dar a coñecer personaxes distintos. Todo o mundo coñece a Emilia Pardo Bazán ou a Rosalía de Castro, pero hai outros nomes. E no só falo das rúas. Marcamos tamén espazos relacionados con escritores. Por exemplo, aparece Xavier Puente Docampo porque na casa na que el viviu hai unha placa. Este ano no que se celebra o centenario de Manuel Murguía, e hai actividades sobre iso, tamén é o centenario de Andrés Martínez Salazar e seguramente pasa desapercibido. Foi presidente da Real Academia Galega e o primeiro cronista da cidade. O problema do rueiro é que parece que acabas falando só da xente que ten rúa na cidade, e os que non a teñen, pasan desapercibidos. Para nós era importante poñer unha luz sobre eles. Estou pensando en María Luz Morales, que ten unha rúa pequena en Labañou. É a primeira muller que dirixe un xornal no Estado español, La vanguardia de Barcelona. As estatuas tamén son importantes.

A asociación creou tamén varios roteiros. Pode ser tamén un reclamo turístico?

Para nós, como asociación cultural, ese asunto ten menos importancia, pero non dubido que poda ser un reclamo turístico. Os roteiros están pensando para descargalos, para miralos no móbil ou imprimilos. Tamén se pode traballar con eles nas escolas. Alguén vai polos Xardíns de Méndez Núñez e pode ter información desde que se coloca na escultura de Curros Enríquez ata a de Concepción Arenal. Estamos preparando outro roteiro do cemiterio.

Suscríbete para seguir leyendo